
Entre estes 42 emprendementos destacan de novo a porcentaxe de empresas lideradas por mulleres e a importante presenza de iniciativas baseadas no rural galego. Así, desde a organización desta feira, promovida pola UVigo, subliñan que as candidaturas recibidas nesta edición superaron as expectativas, alcanzando un total de 142 solicitudes de participación e superando nun 12% as recibidas na edición anterior. Entre elas os empredementos dirixidos por mulleres alcanzaron un 74%. En canto aos ámbitos das propostas, o compromiso ambiental está presente en case todas as iniciativas, e mesmo hai moitas propostas nas que o corazón do negocio susténtase na responsabilidade social e ambiental. Tamén se notou un incremento das candidaturas relacionadas con tendencias, novo estilo de vida, ocio, saúde e benestar e un aumento dos emprendementos de base tecnolóxica derivados da aposta polo novo formato Pont-Up Venture.
Un novo formato, Pont-Up Venture
As iniciativas seleccionadas pola organización do encontro para participar en Pont-Up Venture son seis. Trátase, tal e como detallan desde a organización, da plataforma Knowmad Tribe, que xestiona experiencias coliving en todo o mundo; o software Cuotalis, creado para simplificar e automatizar o proceso de reclamación de impagos de cotas nas comunidades de propietarios; os sistema Wildfire Sentinel, pioniero en detectar incendios a través do olor; a foodtech Vanetta Food, que fabrica zorza vegana; a liña de calzado orgánico e reciclado de Beflamboyant, e a firma Sembra Biojoyas, que crea pezas de bixutería orgánica en colaboración con etnias indíxenas do Amazonas.
Este novo formato, indican desde Pont-Up, daralles a oportunidade ás persoas responsables destes emprendementos de presentar as súas ideas de negocio ante un xurado composto por mentores e potenciais investidores mediante unha intervención de tres minutos que estará seguida doutra sesión de tres minutos na que deberán responder a unha rolda de preguntas. Ademais das posibles oportunidades de financiamento que se abren con esta actividade, o emprendemento que finalice a rolda con mellor puntuación do xurado, conseguirá unha consultaría gratuíta de Google "á que posiblemente se engadirán aínda outras recompensas que a organización tratará de pechar nas próximas semanas", tal e como apuntan desde o evento.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.