Buscador
Noticias
O proxecto Cantigas de Romaría, presentado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, combina o estudo das cantigas de amigo, o maior corpus de poesía en voz feminina da Idade Media europea, coa xeolocalización dixital, ofrecendo unha nova perspectiva sobre as setenta e nove composicións coñecidas como cantigas de romaría ou de santuario. As cantigas de romaría remiten a igrexas, capelas e ermidas, evocando un pasado festivo vinculado á devoción relixiosa.
Aínda que o fai, recoñece, sen 'ningunha vontade de historiador', o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego percorre a historia da pintura no seu novo libro El espacio salvado. Álbum de imágenes. Non en van, o volume reúne máis dun centenar de imaxes de obras pictóricas de diferentes épocas, desde pinturas etruscas ata obras do século XX, acompañadas de textos que non buscan describir ou contextualizar as imaxes, senón que reflicten o que estas lle evocan ou as reflexións que xorden da súa contemplación.
Persoal do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) impulsado polas tres universidades galegas, está a participar no proxecto europeo CytoMARK, que busca o desenvolvemento dun test de diagnóstico personalizado e non invasivo de cancro de endometrio. Obter un proceso de cribado rigoroso e rápido evitaría que as pacientes se someteran ás actuais probas médicas.
A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu unha xornada sobre microcredenciais e as oportunidades de aprendizaxe que brindan estas acreditacións competenciais, con especial atención nesta ocasión para as persoas en situación de vulnerabilidade. O encontro de hoxe foi o marco para a presentación dun proxecto piloto realizado pola Red Acoge en colaboración coa UDC, co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións e o Fondo Social Europeo
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia (PCCMMG) celebrou a súa quinta asemblea en Santiago de Compostela. O evento reuniu 250 persoas entre investigadores, representantes da administración e axentes dos sectores produtivos e sociais relacionados co mar. Baixo o lema Avances fronte aos desafíos identificados e encontro cos sectores do mar, a xornada serviu para fortalecer as conexións entre o ámbito científico, tecnolóxico e social.
O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da Universidade de Vigo amplía as súas capacidades converténdose en operadora de drons autorizada pola Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA). Esta autorización, acadada en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, permitiralle 'desempeñar un rol destacado no desenvolvemento e a expansión de actividades de investigación e transferencia con vehículos aéreos non tripulados'.
Da memoria familiar e as lembranzas do fogar á vida nunha residencia estudantil, pasando por un retrato visual do barrio vigués de Coia. A contorna natural, persoal e sentimental de nove estudantes das facultades de Comunicación e Belas Artes constituíu a fonte de inspiración das curtametraxes que na tarde deste martes abren a programación do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas.
O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, xunto cos seus homólogos en Vigo e A Coruña, Manuel Reigosa e Ricardo Cao, asinaron este mércores co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, dous acordos en materia de I+D+i e de equipamento científico-técnico. Por unha banda, formalizáronse os acordos para accións estratéxicas de I+D+i no período 2023-2024, que supoñen unha inxección adicional de 4,6 millóns de euros, un 33% máis do inicialmente previsto.
O grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da Facultade de Informática da Universidade da Coruña será o coordinador do paquete de traballo de Intelixencia Artificial relacionado cos casos de uso en contorna real en diversos sectores no proxecto europeo ACHILLES. Esta iniciativa europea está composta por un consorcio de 16 organizacións punteiras para desenvolver un proxecto pioneiro dedicado a remodelar o futuro da Intelixencia Artificial (IA) facéndoa máis ética, explicable, robusta e segura.
A Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) asinaron este martes un acordo de colaboración que permitirá a posta en marcha no campus dun servizo de vehículo autónomo e conectado que non só facilitará o transporte de persoas entre os diferentes edificios, senón que tamén servirá como plataforma de proba para diversos casos de uso relacionados coa ciberseguridade no ámbito do vehículo conectado.