Buscador
Noticias
Un total de 54 investigadores e investigadoras da USC sitúanse entre o 2% dos científicos máis citados e influentes do mundo en 22 campos científicos e 176 subcampos. Así o establece a base de datos elaborada por John P. A. Ioannidis da Universidade de Stanford, xunto con Kevin W. Boyack de SciTech Strategies e Jeroen Baas da empresa Elsevier.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon en marcha unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que volve a ofrecer a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar, en primeira persoa, unha xornada laboral con profesionais das empresas do sector TIC en Galicia. A iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Promoción de Talento Dixital de Galicia DigiTalent.
800 páxinas, máis de 32.000 entradas, 50.000 significados. Así é o Dicionario do Galego de Asturias, obra magna de Carlos Xesús Varela Aenlle, xeógrafo de formación, doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e académico correspondente da Real Academia Galega para o Eo-Navia. A obra naceu da necesidade de recoller a riqueza léxica da área lingüística dialectal da comarca do Eo-Navia, formada por 19 concellos do occidente de Asturias.
Vén de botar a andar este pasado luns 18 a X edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, que se celebra ao longo dunha semana de outubro na illa de San Simón. Fundado e coordinado pola tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño dende hai unha década, a iniciativa desenvolvera unha edición en liña o pasado ano e neste 2021 volve á presencialidade, xustamente dende a que fora illa de corentena en certos períodos da historia.
Preto de 500 académicos, profesionais, investigadores e estudantes dos ámbitos da educación, a pedagoxía, a psicoloxía, o traballo social e a socioloxía participan entre este mércores e este venres na novena edición do International Congress of Educational Sciences en Development, que as universidades de Granada, Vigo, Minho e Porto promoven de xeito virtual.
A Cátedra da Memoria Histórica da UDC en colaboración co Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación e a Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña organiza as xornadas virtuais As Voces da Transición en Galicia: feminismo, ecoloxismo e asociacionismo, os días 20 e 21 deste mes. Voltar a vista atrás para achegala ao presente é o que se pretende con estas xornadas, que recollerán o tecido de parte central do activismo social na Transición a través de voces autorizadas.
A Xunta de Galicia, a través de Galicia Calidade, entregou hoxe o diploma de certificación do selo Galicia Calidade á adega Finca Míllara, que pon en valor o esforzo pola elaboración de viños de calidade. Coa incorporación de Finca Míllara, situada en Pantón (Lugo), no corazón da Ribeira Sacra, suma 18 adegas certificadas co selo de garantía Galicia Calidade, ás que hai que engadir outras 120 empresas de outros sectores.
O Grupo de Tecnoloxías da Información, adscrito ao centro de investigación atlanTTic da uVigo, acaba de facerse cun novo galardón internacional, o primeiro premio do ETSI MEC Hackaton, un certame promovido anualmente polo Instituto Europeo de Normas de Telecomunicación -European Telecommunications Standards Institute- e que se enmarca dentro do congreso internacional Edge Computing World, celebrado en liña desde San Francisco.
O 50 aniversario do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC centra dende este luns a vixésima primeira edición do seu simposio anual. 'O ILG naceu no ano 1971, durante o franquismo, e desenvolveu un papel protagonista na estandarización do galego. A súa relevancia era maior que a dun centro de investigación, tratábase dunha auténtica autoridade a nivel lingüístico', explicou o seu director Xosé Luís Regueira Fernández.
Tivo lugar na Biblioteca municipal de Miño (A Coruña) a presentación da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro "Manuel Rodríguez López, 25 anos despois", que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez.