Notas de prensa

Preto 500 expertos e profesionais da educación reúnense nun congreso virtual

Preto de 500 académicos, profesionais, investigadores e estudantes dos ámbitos da educación, a pedagoxía, a psicoloxía, o traballo social e a socioloxía participan entre este mércores e este venres na novena edición do International Congress of Educational Sciences en Development, que as universidades de Granada, Vigo, Minho e Porto promoven de xeito virtual.

Dirixido a compartir e debater coñecementos teóricos e prácticos sobre diferentes áreas vinculadas á educación e á psicoloxía do desenvolvemento, especialistas de 12 países participarán como conferenciantes neste foro que, por mor da covid-19, desenvólvese por segundo ano consecutivo a través dunha plataforma virtual.

Organizado polo grupo de investigación CTS-261 da Universidad de Granada, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra, o Instituto de Educación da Universidade do Minho e a Facultade de Psicoloxía e Ciencias da Educación da Universidade de Porto, trátase dun evento anual con sede rotatoria, que en abril de 2020 programara a súa oitava edición en Pontevedra. A situación provocada pola pandemia obrigou a adiar e a converter finalmente en virtual a anterior edición deste congreso internacional, que mantén neste 2021 esta mesma modalidade, o que contribúe tamén a que poida acoller a presentación de "preto dun milleiro de traballos, entre simposios, comunicacións e pósters”, como explica a presidenta do comité organizador, a catedrática da Universidad de Granada María de la Paz Bermúdez.

Pontevedra, no horizonte

“Este congreso vén a encher un oco importante nos ámbitos das ciencias da educación e da psicoloxía do desenvolvemento”, engade o vicerreitor do campus, Jorge Soto, presidente do comité científico dun congreso que, lembra, pon o foco nos tres ámbitos de traballo no ámbito educativo, “que son o familiar, o escolar e o comunitario”. O obxectivo “é poder realizar achegas á sociedade a través da investigación”, engade Soto, que subliña que o obxectivo, inicialmente previsto para este 2021, “de poder reunirnos todos en Pontevedra, segue en pé”.

Promovido polo grupo CTS-261 xunto con outra serie de institucións, como a universidade que exerce como sede cada ano, o desenvolvemento da próxima edición en Pontevedra é “un proxecto que só está pendente de executar”, subliña Bermúdez. “Un congreso comeza a organizarse con moita antelación e cando comezamos con esta edición aínda era prematuro pensar na modalidade presencial, polo que optamos por ofrecer só a versión virtual”, engade a catedrática de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, que avoga por recuperar o carácter presencial deste foro académico, combinándoa coa virtual, que fai posible, lembra, “que investigadores de todo o mundo compartan os seus traballos”. Neste senso, Bermúdez pon de relevo a aposta do vicerreitor do campus porque a cidade sexa a sede da próxima edición. “É un acontecemento moi potente, tanto o campus como para a cidade, e vainos permitir entrar en contacto con entidades, organizacións e grupos de investigación cos que abrir novas vías de colaboración a nivel internacional”, salienta Soto

Tres días de conferencias, simposios e comunicacións

A través dunha plataforma virtual, iranse presentando ao longo das próximas xornadas un programa de relatorios, simposios e presentacións de traballos. Por unha banda, o programa do congreso abrangue un total de dez conferencias, como a que María Ãngeles Carmona, presidenta do Observatorio contra la Violencia Doméstica y de Género, do Consejo General del Poder Judicial, centrará na violencia machista en parellas adolescentes. O desenvolvemento da resiliencia familiar, un relatorio do director da Escuela Nacional de Formación de Aldeas Infantiles en España, José Manuel Morell; e os desafíos da educación a distancia, da man da directora da Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, la Ciencia y la Cultura, Miriam Preckler, serán outras das temáticas a abordar nestas xornadas. Así mesmo, entre as e os conferenciantes figura tamén a ex-conselleira de Educación Carmen Pomar e o propio Jorge Soto, que impartirá un relatorio sobre o desenvolvemento competencias sociais e emocionais.

Xunto a esta serie de conferencias, desenvolveranse diferentes sesións prácticas, que abordan de maneira en temáticas como o xeito de “desenvolver o talento, a resiliencia ou as competencias sociais”, salienta Bermúdez. Por outra banda, o programa complétase cunha serie de simposios e comunicacións que poñen o foco en múltiples aspectos relacionados coas preto de 40 áreas temáticas que comprende o congreso e nos que participarán expertos e expertas de España, Portugal, Francia, Bélxica, Estados Unidos, Brasil, México, Chile, Ecuador, Paraguai e Puerto Rico. Como explica Bermúdez, “a actualidade é a que determina os temas que se tratan de maneira máis ampla”, o que motiva que as consecuencias da covid-19 teñan de novo un papel protagonista neste evento. De feito, se ben en 2020 “presentábanse máis estudos sobre a adaptación á docencia virtual” á que obrigou a pandemia, nesta ocasión diferentes traballos poñen o foco “na adaptación persoal e familiar”. Do mesmo xeito, outra das temáticas que aumenta presenza nesta novena edición edición, sinala, é a relacionada co desenvolvemento sostible e os obxectivos da Axenda 2030.

Universidade de Vigo, 2021-10-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES