
Nesta edición, retómase a presencialidade do programa e ofreceranse 66 prazas, grazas a colaboración de 6 empresas tecnolóxicas que, xunto coa Amtega, posibilitarán a experiencia de acoller a Tecnólog@s por un día: Altia, DXC Technology, everis, Inetum, Satec, Corporación Televés.
A quinta edición, avalada polo éxito das anteriores, brindará aos participantes unha xornada de inmersión na realidade do traballo de profesionais do sector TIC, que compartirán os seus proxectos, ferramentas e coñecemos cos participantes, resolverán inquedanzas vocacionais e darán a coñecer as capacidades que demandan as empresas do sector.
Un ano máis, máis tecnólog@s
Ata o 3 de novembro permanecerá aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar da actividade, cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent, onde poderán consultar as prazas ofertadas para cada grupo de idade por cada empresa colaboradora no programa, así coma a súa localización.
Na mesma web tamén se atopa dispoñible a documentación de referencia para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras coñezan todos os detalles da actuación e aclaren calquera dúbida que poidan ter.
Unha vez finalizado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo, e a continuación serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e horario da xornada que resulte conveniente para ambos.
Durante os meses de novembro e decembro, as entidades colaboradoras acollerán nas súas instalacións aos participantes, que poderán coñecer así de primeira man as dinámicas das profesións TIC, e participar directamente en actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.
Nova edición de DigiTalent, con actuacións dirixidas á infancia e á adolescencia
A nova edición do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022 segue a poñer o foco en desenvolver iniciativas que esperten as vocacións científico-tecnolóxicas desde idades temperás.
Neste senso, o catálogo do Plan activa novas actividades neste outono para impulsar o talento dixital entre os máis pequenos: Ciberseguranza Kids e Encontros con profesionais TIC, dúas iniciativas impulsadas pola Amtega en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) enmarcadas nun convenio subscrito para a posta en marcha de actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia.
Ciberseguranza Kids, difundindo a ciberseguridade entre os máis pequenos
Ciberseguranza Kids busca difundir o uso seguro de internet entre nenos e nenas de entre 3 e 12 a través do contacontos Ciberseguridade con Sofía. A actividade está a percorrer máis de 15 centros escolares das catro provincias galegas e rematará coa publicación do conto en dixital para a súa difusión permanente.
Nova edición de Encontros con Profesionais TIC
Ademais, xa está en marcha o programa Encontros con profesionais TIC, que ofrece aos rapaces e rapazas de 6 a 18 anos encontros en streaming con profesionais do ámbito tecnolóxico aos que lles poden formular as súas preguntas e inquedanzas sobre temas como a intelixencia artificial, o desenvolvemento de software ou a informática na saúde.
Toda a actualidade sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web Digitalent, que ofrece información actualizada sobre as datas, localizacións e instrucións para a participación sobre as actuacións a medida que estea dispoñible.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.