//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
O primeiro premio da VI edición do certame Inventa en galego recaeu no IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo por unha serie de apps centradas na empresa que foron titorizadas polo profesor Ángel Acción e elaboradas por alumnado de primeiro de bacharelato deste centro: Esencial, orientada aos servizos que fan máis simple a vida dos anciáns e anciás; BachtoMusic, pensada para a venda de partituras e instrumentos musicais ou para a reserva de estudos de gravación; CicloFood, aplicación de pedimento de comidas a domicilio, e Todo deporte, que permite ofrecer material deportivo. O segundo premio do concurso recaeu no IES Ramón Menéndez Pidal pola app A Tribuna do alumnado e mais por un conxunto de 11 apps de axuda a persoas con discapacidade.
A Materioteca de Galicia está concibida como a biblioteca de materiais de Galicia e será de libre acceso para deseñadores, enxeñeiros, arquitectos, tecnólogos e demais profesionais implicados no desenvolvemento de solucións innovadoras para retos empresariais, así como estudantes destas especialidades. Trátase dun espazo de difusión de materiais innovadores que combina unha exposición e arquivo de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar ás empresas o coñecemento de novos materiais. Os obxectivos da materioteca son dar visibilidade a novos materiais innovadores desenvolvidos en Galicia e ofrecer un espazo de inspiración aos profesionais involucrados no desenvolvemento de solucións innovadoras.
As xornadas profesionais da Maker Faire Galicia terán lugar o 3, 4 e 5 de xullo no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia. O obxectivo destas xornadas é achegar ás empresas o potencial que ofrece o ecosistema maker e xerar novas sinerxias entre as dúas comunidades. Ao igual que na edición anterior, a feira volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese. As xornadas profesionais organízanse coa colaboración de APD (Asociación para o Progreso da Dirección). Durante os tres días as persoas asistentes poderán consultar os stands das empresas expositoras, ademais dos makers que participan na xa habitual competición de proxectos.
O Observatorio Oceanográfico RAIA mellorará os seu servizos para medir e predicir o estado da mar grazas á posta en marcha dun novo proxecto europeo que permitirá, nos vindeiros tres anos, mellorar a infraestrutura desta rede de observación transfronteiriza coa integración da tecnoloxía de radares de alta frecuencia. A Consellería do Mar participa activamente neste proxecto a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, que coordina esta iniciativa. O proxecto conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros e está cofinanciado polo programa de cooperación Interreg VA España-Portugal Poctep 2014-2020 e polo Feder.
Nesta ocasión, fíxose balance do Reto 3, centrado en acadar un novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Sinalouse a importancia deste obxectivo dadas as características demográficas que ten a Comunidade galega, o significado que ten para a calidade de vida dos cidadáns e o potencial no sector agroalimentario. O que se busca é facer de Galicia unha rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos relacionados cun modelo de vida saudable. Cabe destacar o protagonismo que ten Galicia no conxunto da Unión Europea a través doseus proxectos biotecnolóxicos, dado que a Comunidade é a terceira con máis empresas deste sector.
Se a poboación dunha pequena cidade medrase de xeito rápido e desproporcionado, a consecuencia natural sería que os servizos básicos (como a auga, o saneamento ou mesmo os alimentos dispoñibles) non alcanzarían a cubrir as necesidades de tódolos seus habitantes. Algo semellante ocorre cando as células tumorais penetran un tecido: a seu indesexada presenza provoca un incremento substancial no consumo de nutrientes e osíxeno, o que fai inabarcable a subministración desde os vasos sanguíneos a toda a poboación de células asentadas no tecido invadido. Malia todo, as células tumorais conseguen sobrevivir aproveitando certos mecanismos dos que dispón o organismo, grazas aos cales poden aumentar o número de vasos e obter así os nutrientes e o osíxeno que precisan.
Científicos de todo o mundo e empresas do ámbito da Intelixencia Artificial daranse cita en Santiago de Compostela para participar no congreso internacional ECAI 2020, que se celebrará na capital galega entre o 8 e o 12 de xuño do vindeiro ano 2020. Un acontecemento de extraordinario interese económico e social, promovido por EurAI (Asociación Europea para a Intelixencia Artificial - European Association for Artificial Intelligence) e organizado por investigadores do CiTIUS. ECAI2020 será un punto de encontro no que a investigación, a innovación e o emprendemento ao máis alto nivel mundial porán en común os últimos avances científico-técnicos na Intelixencia Artificial, coñecida como 'a electricidade do século XXI'.
Presentouse hoxe en Vigo o encontro 'Industria 4.0: a cooperación entre persoas e máquinas', xornada que forma parte da iniciativa formativa 'Industria 4.0: chave para a mellora da competitividade de Galicia', posta en marcha polo Igape, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia, dentro do programa Capacita Directivos. Desde 2015, ao abeiro deste plan, téñense realizado 43 actividades formativas nas que participaron 7600 asistentes, aos que se sumarán os 1600 previstos nas accións que se están a realizar en 2019, co obxectivo de desenvolver novas competencias nas persoas e nas empresas.
Os seis proxectos participantes da súa terceira edición foron Atlante Medical, CropDeal, Feedcoo, Fisioadvisor, MyOpen e Quiero un abuelo. Destes seis proxectos, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), concedeu unha axuda de 25.000 euros ao mellor proxecto da convocatoria polo seu carácter innovador, traballo en equipo, aproximación ao mercado e aproveitamento do programa na súa execución e posta en marcha. O proxecto elixido foi Atlante Medical, un proxecto orientado ao sector da medicina e baseado na obtención de modelos tridimensionais, que ten o obxectivo de proporcionar directamente ao profesional médico un produto final físico, extraído do modelo tridimensional do paciente, co que diagnosticar ou tratar, aumentando a precisión e reducindo os tempos de espera e de tratamento.
Dende a posta en marcha da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia concedéronse no seu marco 3.683 axudas públicas á I+D+i por máis de 833 millóns de euros que conseguiron mobilizar máis de 1260 millóns. Esta cifra supón unha porcentaxe de execución dos fondos previstos do 77,6% respecto do obxectivo inicial de mobilización de 1.624 millóns de euros ata 2020. A RIS3 está centrada en tres retos: O reto número 1 é a Xestión Innovadora dos recursos naturais e culturais; o número 2, o Novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento; e o reto 3, o Novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación.
O proxecto SOSFood utilizará o potencial das tecnoloxías de explotación de datos e a Intelixencia artificial (IA) para proporcionar unha imaxe precisa e global do sistema alimentario europeo, promovendo así o desenvolvemento de ferramentas preditivas. O consorcio, liderado pola Universidade de Vigo e no que participan 17 entidades de toda Europa, celebrou este venres en Santiago de Compostela a súa xuntanza de lanzamento na que os socios destacaron a necesidade urxente de intervir no sistema alimentario.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, acompañados polo director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, e o director do I+D+i de Navantia Ferrol, Carlos Blanco, fixeron entrega este venres do premio ao equipo gañador do III Hackathon Navantia Next Pioneers.
Pacientes con distintas necesidades terapéuticas son os e as destinatarias do prototipo que o Grupo de Investigación Enxeñaría Eficiente e Dixital (EN.EDI) da UVigo desenvolverá ao abeiro do proxecto europeo VIRTUAL R3, Virtual Reality in Robotic movements assistance for Rehabilitation, Realidade virtual na asistencia de movementos robóticos para rehabilitación.
A alimentación é o principal custo do sector da acuicultura, de aí a importancia de intensificar o coñecemento sobre os mecanismos que regulan o apetito, a inxesta de alimentos e o gasto enerxético dos peixes, o que permitirá mellorar a súa eficiencia alimentaria, factor clave para acadar unha produción piscícola moito máis sostible.
Un artigo publicado na revistaPhysical Review Letters describe unha nova técnica para determinar e estudar as reaccións nucleares que teñen lugar en explosións estelares, como as supernovas. No traballo participou o investigador Yassid Ayyad, do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, que se encargou de desenvolver parte da análise e o marco de simulacións necesarias para interpretar os resultados.
Nos últimos anos, o grupo de investigación HealthyFit, integrado por investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia, analizou os beneficios de programas de exercicio físico levados a cabo con dispositivos de realidade virtual en diferentes colectivos, como poboación anciá ou persoas con párkinson.
Investigadores da área de Nanociencia e Tecnoloxía do CICA levan anos estudando as propiedades de certos materiais que poidan facer fronte ao actual reto de refrixerar e caldear fogares e grandes superficies sendo menos contaminantes. No seu último estudo, publicado na revista Advanced Materials, detallan unha nova propiedade dos compostos reticulares organo-metálicos (MOFs en inglés)
A UDC puxo en marcha o "Portal da investigación da UDC", un novo sitio web onde se pode consultar toda a produción científica e as métricas dos seus centros singulares, grupos de investigación e persoas investigadoras mediante unha interface de fácil uso. O obxectivo do portal é mellorar a visibilidade e a transparencia da actividade investigadora da UDC.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC) organiza xunto coa Cátedra R en Ciberseguridade (UVigo, UDC e a empresa R) e atlanTTic, da Universidade de Vigo, a primeira edición de TalentoCibeR. O evento ten por obxectivo dar visibilidade ao talento en ciberseguridade de Galicia e fomentar novas vocacións entre mozos e mozas, situando no mesmo espazo empresas e talento.
A Real Academia Galega de Ciencias elixiu ao matemático José Rodríguez González como Científico Galego do Ano, coincidindo co bicentenario do seu falecemento. A institución pon de relevo que foi un científico no sentido moderno do termo e, para moitos, o primeiro de Galicia. A Academia destaca a súa loita desinteresada pola ciencia. Aínda que o acto central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro no marco do Día da Ciencia en Galicia, durante todo o ano programaranse diversas actividades.