
O comité organizador do congreso, presidido por Senén Barro, director científico do CiTIUS, espera unha participación próxima aos 1.000 asistentes. ECAI2020 será un punto de encontro no que a investigación, a innovación e o emprendemento ao máis alto nivel mundial porán en común os últimos avances científico-técnicos na Intelixencia Artificial, coñecida como a electricidade do século XXI. En palabras de Senén Barro, Santiago de Compostela convertirase meses días na capital mundial da Intelixencia Artificial.
As visitas internacionais deron comezo hoxe cun encontro no CiTIUS que trouxo a Santiago os prestixiosos científicos Giuseppe De Giacomo (Sapienza Università Di Roma), responsable de programa de ECAI2020, e Jérôme Lang (Université Paris-Dauphine), presidente da conferencia.
Precisamente o profesor Giuseppe De Giacomo ofrecerá este martes 4 ás 12:00 no CiTIUS unha conferencia sobre o seu proxecto Advanced Grant, recentemente concedido polo Consello Europeo de Investigación (European Research Council ERC).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.