Notas de prensa

Enxeñeiros da UVigo desenvolverán unha contorna virtual para a rehabilitación médica integrando realidade virtual e robótica

Pacientes con distintas necesidades terapéuticas son os e as destinatarias do prototipo que o Grupo de Investigación Enxeñaría Eficiente e Dixital (EN.EDI) da UVigo desenvolverá ao abeiro do proxecto europeo VIRTUAL R3, Virtual Reality in Robotic movements assistance for Rehabilitation, Realidade virtual na asistencia de movementos robóticos para rehabilitación.

VIRTUAL R3, “que está enmarcado dentro do proxecto EMIL, European Media and Inmersion Lab, promovido polas universidades Pompeu Fabra (Barcelona), Aalto (Finlandia), Bath (UK) e a academia de cine Filmakademie Baden-Württemberg (Alemaña) e que engloba diferentes aspectos e enfoques da realidade virtual”, explica o docente e IP do proxecto, Julio Garrido Campos, ten o obxectivo de desenvolver unha contorna virtual para realizar exercicios de rehabilitación de membros inferiores máis eficaces, agradables e motivadores para as e os pacientes.

Entre xaneiro de 2024 e abril de 2025, os investigadores do grupo EN.EDI, que participan no proxecto VIRTUAL R3, traballarán no desenvolvemento e construción dun prototipo plenamente operativo co que os e as pacientes poderán realizar exercicios de rehabilitación, integrando realidade virtual e mixta e robótica CDPR (Cable Driven Parallel Robots), contando, ademais, co asesoramento do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación da Área Sanitaria de Vigo en aspectos médicos, así como para a validación de solucións.

Cun orzamento de 268.400 euros, financiados polo programa europeo Horizon, o desenvolvemento de VIRTUAL R3, na súas vertentes investigadora e tecnolóxica corresponderá, de xeito autónomo, ao grupo de investigación da UVigo, aínda que dentro do consorcio formado polos socios do proxecto EMIL, con cuxa colaboración poderán contar, caso de ser preciso. O proxecto foi, ademais, un dos 12 elixidos nunha convocatoria que recibiu 136 propostas de toda Europa.

Retos do proxecto

Tanto a realidade virtual, como os Robots por Cables ou CDPR, que teñen a peculiaridade de que, mediante cables controlados individualmente, poden mover un elemento terminal no que conflúen un dos extremos de todos os cables, son dous recursos que se utilizan en rehabilitación. “Os CDPR permiten definir zonas amplas de traballo para os desprazamentos de rehabilitación e no proxecto VIRTUAL R3 pretendemos abordar desprazamentos libres en 2D e incluso 3D, con curvas, escaleiras, etc”. Pola súa banda, a realidade virtual facilita a comunicación ao paciente dos exercicios que debe realizar, “facendo un sistema máis inmersivo de xeito que o traballo, neste amplo espazo ofrecido polo CDPR, sexa máis intuitivo e motivacional para o usuario, que poderá moverse asistido polo robot mentres a contorna virtual cambia ou o conduce, por exemplo, por un camiño na natureza”, detalla Julio Garrido, que sinala como un dos retos do proxecto a interacción en tempo real entre o robot, o procesador de realidade virtual e a captación dos impulsos do paciente, “unha parte importante para que a inmersión virtual sexa efectiva”, asegura.

Se a realidade virtual permite desenvolver unha contorna totalmente artificial e inmersiva para o paciente, coa realidade mixta é posible combinar o escenario real con obxectos agregados, como poden ser indicadores virtuais de altura ou marcas de paso virtuais, que indiquen a ruta a seguir ou accións a realizar como saltar ou agacharse.

Para dispor do necesario asesoramento médico que precisa o proxecto, os integrantes do grupo de investigación da UVigo xa mantiveron unha primeira xuntanza co xefe do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Francisco Javier Juan García e dous dos seus colaboradores. “Para nós é fundamental a súa colaboración, tanto para a toma de decisións relativas ao deseño estrutural e funcional, como para avaliar as prestacións do sistema desde o punto de vista médico”, explica o IP do proxecto.

Experiencias previas con robots CDPR e realidade virtual

Aínda que con financiación pública e plenamente centrado na investigación este é o primeiro proxecto que o grupo EN.EDI desenvolverá no ámbito da sanidade, Garrido destaca que levan varios anos desenvolvendo os seus propios robots paralelos no grupo de investigación e, en concreto, investigando en Robots por Cables ou CDPR. “Tamén investigamos a súa aplicación colaborativa con persoas, considerando entre as súas aplicacións a rehabilitación e ademais, xa tiñamos desenvolvido un xemelgo dixital para o noso prototipo de robot do laboratorio, así que, ante a aparición da convocatoria europea sobre propostas de aplicación de realidade virtual, miramos unha oportunidade para integrar ambas tecnoloxías”, lembra.

Universidade de Vigo, 2024-02-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES