Notas de prensa

Finaliza no Campus Industrial de Ferrol a terceira edición do Hackathon Navantia Next Pioneers

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, acompañados polo director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez, o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, e o director do I+D+i de Navantia Ferrol, Carlos Blanco, fixeron entrega este venres do premio ao equipo gañador do III Hackathon Navantia Next Pioneers.

O evento tivo lugar entre as 15:00 horas do xoves 29 de febreiro e as 15:00 horas do venres 1 de marzo no Campus Industrial de Ferrol. Nel participaron un total de 55 estudantes dos últimos cursos do Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), e do Grao en Enxeñaría Mecánica, do Programa de Simultaneidade do Grao en Enxeñaría Mecánica e do Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, do Máster en Informática Industrial e Robótica, do Máster en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, así como do Máster Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 aplicado ao Sector Marítimo (SEAS 4.0); todos eles estudos vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Cómpre salientar a participación de 14 estudantes internacionais pertencentes ao último dos títulos citados, de 11 países distintos, como Perú, Sudán, Nixeria, Camerún, Azerbayián ou Turquía.

O reto presentado por Navantia para este hackathon foi o da procura dun sistema colaborativo para a asistencia ao operario ou operaria nas tarefas de montaxe de pequenos elementos en bloques ou subloques durante as fases de armamento, grada e peirao da construción dun buque. Ao longo do evento, o alumnado contou en todo momento co apoio de profesionais do sector naval e da enxeñaría para acadar a solución ao reto proposto, validando en tempo real as ideas xeradas, aos que sumaron dúas charlas motivadoras e outras actividades “enerxizantes” que permitiron manter a atención do público participante durante as 24 horas que durou o hackathon.

Presentáronse un total de 10 solucións, das que, logo da súa correspondente presentación e análise a cargo dun xurado profesional composto por persoal de Navantia, Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), foi galardoado o equipo MARLIN integrado por María Zubeldia Martínez, Bruno Brown Omlenyi, Arham Abdullah, Santiago Alonso García, Jorge Rodríguez e Iago Ferreira Carrera. Todos os integrantes do equipo gañador recibirán unha bolsa de formación en Navantia dun ano de duración.

O hackathon Navantia Next Pioneers pon de manifesto, unha vez máis, a colaboración existente entre Navantia e a Universidade da Coruña, a través do Campus Industrial de Ferrol, sendo unha aposta conxunta para impulsar e dar visibilidade ao talento.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-03-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES