Noticias

Galicia lidera un novo proxecto europeo para mellorar os servizos de medición e predición do estado do mar

O Observatorio Oceanográfico RAIA mellorará os seu servizos para medir e predicir o estado da mar grazas á posta en marcha dun novo proxecto europeo que permitirá, nos vindeiros tres anos, mellorar a infraestrutura desta rede de observación transfronteiriza coa integración da tecnoloxía de radares de alta frecuencia. A Consellería do Mar participa activamente neste proxecto a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, que coordina esta iniciativa. O proxecto conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros e está cofinanciado polo programa de cooperación Interreg VA España-Portugal Poctep 2014-2020 e polo Feder.

Xunto ao resto dos membros do consorcio Radar On RAIA, as institucións galegas traballarán ata 2021 na mellora das antenas HF Radar do Observatorio e na posta en marcha doutras novas, o que fará posible ampliar a información sobre correntes superficiais e ondadas que ata agora proporcionaban as boias que a rede ten distribuídas na costa galega e portuguesa.

O Observatorio Raia ampliará así o coñecemento sobre a dinámica oceánica dun nivel local a un nivel rexional, mellorando a monitorización de correntes e ondada, e desenvolvendo diferentes ferramentas para medir e predicir o estado da mar e diferentes ámbitos como a seguridade marítima, a pesca e a acuicultura o turismo ou as actividades recreativas.

Para elo, o Intecmar porá a disposición do Observatorio RAIA dúas antenas HF Radar despregadas na costa galega e operativas desde 2011 que agora pasarán a formar parte da rede transfronteiriza xunto a outras dúas de Portos do Estado, socio tamén nesta iniciativa. Completan o consorcio as Universidades de Vigo e Santiago e o IIM-CSIC pola parte española e o Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (Inegi), o Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores do Porto (Inesc) e o Instituto Hidrográfico (IH) como socios portugueses.

O proxecto conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros e está cofinanciado polo programa de cooperación Interreg VA España-Portugal Poctep 2014-2020 e polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder). A súa posta en marcha terá lugar o vindeiro martes, cando se celebrará na sede do Cetmar a reunión de lanzamento de Radar On RAIA coa presencia de todos os socios.

Operativo desde 2008, o Observatorio RAIA é unha infraestrutura de observación e predición océano-meteorolóxica operativa na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que proporciona produtos e servizos a sectores chave vencellados á economía azul, como o sector marítimo-pesqueiro, o turismo ou a sociedade en xeral.

R., 2019-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES