Notas de prensa

A UVigo lidera un proxecto europeo que emprega a IA para deseñar un sistema alimentario seguro

O proxecto SOSFood utilizará o potencial das tecnoloxías de explotación de datos e a Intelixencia artificial (IA) para proporcionar unha imaxe precisa e global do sistema alimentario europeo, promovendo así o desenvolvemento de ferramentas preditivas. O consorcio, liderado pola Universidade de Vigo e no que participan 17 entidades de toda Europa, celebrou este venres en Santiago de Compostela a súa xuntanza de lanzamento na que os socios destacaron “a necesidade urxente” de intervir no sistema alimentario.

Cunha duración de 48 meses, SOSFood conta cun financiamento de 4 millóns de euros a través do programa Horizonte Europa e nel conflúen tanto organismos de investigación como empresas de España, Grecia, Lituania, Países Baixos, Portugal, Francia, Bélxica e Italia. A representación española, ademais da UVigo, inclúe á Universidade de Santiago de Compostela, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o Hub de Innovación Dixital DATALife e compañías agroalimentarias como Grupo Cuevas. De feito, esta iniciativa parte da base de que o traballo conxunto de expertos dos sectores público e privado, da academia e a industria, así como de representantes dos consumidores contribuirá a acelerar a transición verde do sistema alimentario. Para iso, crearase unha rede para a compilación de datos, promovendo a transparencia e o intercambio de información en todo o sistema alimentario; cartografarase o escenario do sistema alimentario cunha estratexia de análise avanzada e a aplicación de tecnoloxías de IA; e deseñaranse ferramentas de toma de decisións adaptadas a cada nivel do sistema (produtores, consumidores, responsables políticos) axustadas ao contexto e as necesidades dos consumidores.

O proxecto arranca nun contexto de conflitividade

O traballo de SOSFood (Sustainability Optimization for Secure Food Systems) para contribuír á sustentabilidade do sistema alimentario (agricultura, pesca e gandaría) no marco do Espazo Común botu a andar nun intre no que en toda Europa se suceden as manifestacións do sector agrícola e gandeiro. As protestas, que chegaron a pedir a derrogación da Axenda 2030, evidencian ante a opinión pública a complexidade deste fenómeno que reflicte, así mesmo, as preocupacións e desafíos aos que se enfronta o sector agrícola. E é que segundo as estimacións da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), en 2050 podería ser necesario “producir un 60% máis de alimentos” para fornecer unha poboación mundial de 9300 millóns de persoas. Para o que foi director da FAO entre 2011 e 2019, José Graziano Da Silva, “facelo cunha agricultura como a de sempre suporía unha carga demasiado pesada para os nosos recursos naturais. Así pois, non temos máis remedio que embarcarnos nunha revolución máis ecolóxica”, afirmaba, “debemos traballar para alimentar o mundo con menos”.

Precisamente, o investigador principal do proxecto SOSFood, Jesús Simal, catedrático da UVigo e responsable do grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias, que ademais forma parte do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), salienta a relevancia de SOSfood no contexto actual. “As manifestacións de agricultores en contra da Axenda 2030 destacan a importancia de involucrar a todas as partes interesadas, incluídos os propios agricultores, na elaboración e implementación de políticas relacionadas coa agricultura e o medio ambiente”, afirma. Por iso, engade o investigador, “é crucial atopar un equilibrio entre a necesidade de protexer o medio ambiente e promover prácticas agrícolas sostibles, á vez que se brinda apoio e se asegura a rendibilidade da actividade agrícola, gandeira e pesqueira”.

Partindo desta premisa, SOSFood constitúe unha iniciativa ambiciosa que busca utilizar a intelixencia artificial e a explotación de datos para proporcionar unha visión integral do sistema alimentario do continente. O obxectivo último é axudar a que as distintas partes implicadas na cadea alimentaria poidan tomar decisións ben informadas, poñendo o foco en involucrar todos os elos da cadea de valor: produción, transformación, distribución, venda, consumo e xestión de residuos. Esta proposta constitúe un esforzo sen precedentes na UE á hora de abordar a crecente emerxencia ambiental e transformar a cadea de valor alimentaria en Europa, sendo valorada pola Comisión como o mellor proxecto de todos os presentados.

Decisións informadas

Os responsables das institucións integrantes no consorcio reuníronse este venres nas instalacións do CiTIUS na xuntanza de arranque deste proxecto que utilizará a tecnoloxía de IA e a explotación de datos para promover a toma de decisións mellor informadas, fundamentadas en nova evidencia científica; decisións que, en última instancia, transformen a cadea alimentaria e poidan encamiñala cara á sustentabilidade e a eficiencia. Trátase de dotar de información relevante a todos os actores implicados, incluídos os consumidores, para facilitarlles a toma de decisións sobre os produtos alimentarios do mercado. O proxecto realizará unha análise interdisciplinaria do sistema de alimentación, involucrando a especialistas da contorna europea en saúde, nutrición, economía, medio ambiente e saúde. Os resultados van dirixidos a todos os actores da cadea de valor, e de maneira importante, ao consumidor final, xunto cun conxunto de recomendacións baseadas na evidencia científica, que están dirixidas a orientar as futuras políticas da Unión Europea.

Ao longo dos catro anos de duración de SOSFood, levaranse a cabo tres estudos de casos de uso en tres escenarios europeos distintos: Galicia (representando un ámbito autonómico); Atenas (un ámbito metropolitano); e Lituania (un ámbito estatal), co obxectivo de validar a viabilidade e representatividade dos métodos de análises e os algoritmos desenvolvidos. Este será o colofón a unha iniciativa que se presenta como un fito significativo na procura de solucións saudables (e a prezos xustos) para os desafíos alimentarios globais, promovendo a colaboración entre diversos sectores e utilizando a tecnoloxía para abordar a complexidade do sistema alimentario europeo.

Universidade de Vigo, 2024-03-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES