//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
O premio á persoa voluntaria do ano na modalidade individual para as persoas físicas recaeu en Isabel Rubinos Fernández, dada a súa traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado. Ademais, a Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares (Asotrame) fíxose co premio á entidade de acción voluntaria do ano. O xurado condecora así a consolidada traxectoria de Asotrame na área sociosanitaria e de atención psicosocial. O premio ao mellor proxecto de acción voluntaria deste exercicio foi parar a Solidaridad Intergeneracional, polo seu proxecto CuentaconMigo, cuxo enfoque está centrado na atención a persoas maiores no medio rural.
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na xornada de presentación de HI_MOV, un proxecto europeo enmarcado no Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. No acto, celebrado no Porriño, o director xeral puxo en valor o traballo que se está realizando para avanzar nas posibles aplicacións do hidróxeno verde na mobilidade sustentable. Así, o proxecto busca articular un ecosistema transfronteirizo que impulse a cadea de valor emerxente ao redor do hidróxeno verde e, especificamente, no eido da mobilidade.
A Rede Localis, xestionada polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, presentou este mércores en Santiago de Compostela o seu quinto informe, titulado Retos e desafíos dos municipios de menor poboación. Nel abórdanse os principais retos da xestión municipal: a modernización, a demografía e o inframunicipalismo, incidindo na necesidade de melloras para os municipios con maiores problemas demográficos. O documento foi presentado polos codirectores da Rede Localis, Concepción Campos e Alberto Vaquero, e a coordinadora da rede, María Cadaval, nun acto que contou coa participación da directora xeral de Administración Local da Xunta, Natalia Prieto.
Galicia e Portugal impulsarán unha acción para capacitar ao persoal público no desenvolvemento da infraestrutura verde no marco no proxecto Poctep Green Gap, presentada hoxe. Durante a súa intervención, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, explicou que o proxecto Green Gap (Impulso das Infraestruturas Verdes Locais para a Restauración da Biodiversidade, a Renaturalización e Deseño dunha Paisaxe Resiliente ante o Cambio Climático das Zonas Urbanas e Rurais) ten como finalidade contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes.
A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou o oitavo encontro do ano do ciclo FGE | NextGeneratiOn Galicia, o foro de debate mensual entre a Xunta e as institucións europeas. Esta última reunión de 2023 centrouse no compromiso das rexións cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), establecidos en 2015 como parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, un plan de acción con 17 obxectivos e 169 metas que aborda cuestións como a pobreza, a saúde, a educación ou o clima.
Na edición 2023 de Novos Poliedros resultaron gañadores sete institutos procedentes das catro provincias galegas: o IES Monelos, o IES Menéndez Pidal-Zalaeta e o IES Rafael Puga Ramón, da Coruña; o IES As Lagoas, de Ourense; o IES Santiago Basanta Silva, de Lugo, e o IES de Meaño e mais o IES do Barral, de Pontevedra.Os gañadores, que expuxeron no acto os seus traballos, recibiron un premio de 100 euros por centro e un lote de libros e un diploma como agasallo. Ademais, nesta terceira edición concedéronse dous accésit ao IES Gregorio Fernández, de Lugo, e ao IES Nº 1 de Ribeira, na Coruña.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladou esta mañá ao Ministerio de Sanidade, o visto e prace do Goberno galego para manter o programa de colaboración coas autonomías destinado á elaboración dos Informes de Posicionamento Terapéutico (IPT). No marco da xuntanza extraordinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, os responsables dos sistemas sanitarios autonómicos debateron esta proposta sobre a modificación pola que se aproba a distribución de fondos ás comunidades autónomas para o financiamento de políticas de cohesión sanitaria, de formación para facultativos de medicina, odontoloxía, farmacia e persoal de enfermería e de educación sanitaria da poboación, para favorecer ou uso racional dos medicamentos, o desenvolvemento do Plan nacional de doazón de medula ósea e o Plan nacional de sangue de cordón umbilical, por un importe de 42.861.365,64 euros.
O sistema educativo galego mantén unha boa situación en todas as variables analizadas polo Informe PISA, cun liderado claro en ciencias e en equidade, segundo os datos correspondentes a 2022 que acaban de coñecerse. O estudo reflicte un contexto xeneralizado de baixada nos resultados acadados, tanto a nivel estatal como internacional, consecuencia da afectación da pandemia no sistema educativo, tal e como conclúen os autores de PISA. Pese a esta realidade esperada, Galicia mantén o seu diferencial co respecto á media do conxunto das comunidades autonómas e do contexto internacional.
Por primeira vez as 4 provincias galegas presentan candidatura para contar co distintivo de Sendeiros azuis, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna. A Bandeira Sendeiro Azul premia e recoñece a recuperación e posta en valor de sendeiros e itinerarios.
Pistacatro, recente Premio da Cultura Galega en artes escénicas, organiza a oitava edición de D10! Encontro para a formación e innovación no circo, que se desenvolve en Santiago de Compostela ata o vindeiro 7 de decembro arredor dun programa que combina laboratorios de investigación e creación coa exhibición de espectáculos e coloquios. O Salón Teatro acollerá a primeira das seis propostas de artes circenses das que o público galego poderá gozar ata o domingo 3. O CDG acollerá tres propostas escénicas: Runa, do artista sirio-catalán Amer Kabbani; Rollercoaster, do malabarista estadounidense Wes Peden, e Nus, da catalá Cèlia Marcé.
'Toda a comunicación de Ucraína estudarase no futuro nas facultades'0. É parte do que se analizou este xoves no Centro Internacional de Prensa de Galicia, nunha charla impartida por Marcos Méndez, xornalista de Lugo na guerra en Ucraína e gañador neste 2023 do Premio de Liberdade de Expresión José Couso, outorgado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
Melloras no equilibrio e na marcha e unha diminución do risco de sufrir caídas. Isto é o que pode achegar á poboación nonaxenaria un programa de exercicio físico baseado no uso da realidade virtual, como comprobou o investigador Pablo Campo nun dos estudos que conforman a súa tese de doutoramento. Os resultados desta investigación recóllense nun artigo publicado na revista científica Journal of clinical medicine.
O ránking Times Higher Education Impact University Ranking (THE Impact), que recoñece as universidades de todo o mundo polo seu impacto social e económico baseado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Organización das Nacións Unidas, vén de facer público o seu informe no que sitúa á Universidade da Coruña no posto 13 das universidades do mundo en Educación de Calidade, acadando así un resultado histórico.
Galicia conta con preto de 1,5 millóns de hectáreas de superficie arborada, das que preto do 28%, 409.026, corresponden a plantacións de eucalipto e outras 619.561, o 42,5%, a outras especies da familia das frondosas, mentres que as coníferas representan o 29% restante, con 422.344 hectáreas. Estes son os principais datos extraídos do Inventario Forestal Continuo de Galicia.
Cunha fundada análise metodolóxica, unha demorada investigación dialéctica e unha coidada presentación, Dario Villanueva debullou exemplos da linguaxe de hoxe en día en campos sociais tan dispares como a literatura, o dereito, a política e a publicidade. Todo este esforzo destilouno na súa obra 'Los poderes de la palabra', da editorial Galaxia Gutemberg, que presentou no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CiPG).
As tres universidades públicas galegas, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo, organizan conxuntamente un acto de recoñecemento ao estudantado coas mellores notas obtidas nas probas de acceso á universidade, ABAU, que terán lugar os vindeiros días 6, 7 e 8 de xuño.
Charlas divulgativas, rutas educativas sobre terreo queimado, desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas ou o apoio a comunidades de montes son algunhas das actividades que o proxecto de aprendizaxe e servizo Plantando cara ao lume, unha iniciativa liderada desde a EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC e no que participan 15 centros universitarios de toda España, pon en marcha esta co obxectivo de promover unha relación sustentable entre cidadanía e incendios forestais.
A esperada cita polos amantes da música indie e underground tivo lugar esta pasada fin de semana en Sarria (Lugo). O festival consolidado na súa oitava edición arrincaba o venres cunha gran acollida de público que puido gozar de directos destacables como os da banda portuguesa First Breath After Coma, Toundra ou VVV na sala Litmar.
Unha investigadora do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC conseguiu afondar nun dos grandes enigmas neste eido investigador: en que medida o cambio climático afectará o biodeterioro dos materiais empregados na construción do patrimonio monumental? O estudo conclúe que o cambio climático podería reducir a biomasa acumulada nos monumentos pero a colonización resistente pode ser máis deteriorante.
Coincidindo coa festa dos Milagros de Saavedra, que se celebra o mércores, instalouse a quinta das esculturas que nas 19 parroquias do concello de Begonte van conformar un intanxible Camiño do Belén. A escultura, do artista lucense César Lorenzana é un gran banco de frores, dedicado á Virxe como 'Dona das frores. Señora dos Milagres. Mai do Belén'.