
Os biofilms ou biopelículas son ecosistemas microbianos asociados a unha superficie viva ou inerte. A formación deste tapiz de microbios que tamén coloniza o patrimonio monumental responde en moitos casos a unha estratexia de adaptación fronte a condiciones ambientais adversas. A investigadora da USC, Elsa Fuentes Alonso, logrou, a partir de datos de campo e de laboratorio, sentar as bases para a caracterización do efecto do cambio climático no deterioro provocado polos organismos formadores de biofilms subaéreos fototróficos no patrimonio monumental construído en granito.
Deste xeito, a investigadora do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC conseguiu afondar nun dos grandes enigmas neste eido investigador: en que medida o cambio climático afectará o biodeterioro dos materiais empregados na construción do patrimonio monumental? O estudo conclúe que o cambio climático podería reducir a biomasa acumulada nos monumentos pero a colonización resistente pode ser máis deteriorante.
Desafío
Un dos desafíos aos que se expón o patrimonio cultural é o cambio climático, sendo recoñecidos polo menos 125 sitios de especial interese patrimonial como altamente vulnerables, sinala a investigadora do grupo de Estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural, na súa tese de doutoramento. Mentres que o efecto directo que teñen as variacións nos parámetros ambientais que gobernan o cambio climático sobre as infraestruturas e os materiais de construción do patrimonio cultural construído é relativamente coñecido, pouco se sabe do efecto que estes teñen sobre a actividade deteriorante dos biofilms que tapizan as súas paredes, engade.
Os resultados obtidos contribuíron a mellorar o coñecemento existente sobre os patróns de colonización do patrimonio cultural granítico do noroeste da Península Ibérica, así como a coñecer e entender a resposta dos biofilms colonizadores ante cambios ambientais tales como a redución da dispoñibilidade hídrica, o aumento da temperatura e da concentración de CO2, e os cambios na radiación UVB, e as súas consecuencias en termos de biodeterioro.
Así, aínda que nun futuro próximo é esperable que ocorra unha redución da biomasa acumulada sobre o patrimonio cultural granítico exposto, esta dará lugar a unha maior actividade deteriorante ao ser favorecido o desenvolvemento de cianobacterias fronte a algas verdes, ademais da produción de pigmentos causantes do deterioro estéticoe de exopolisacáridos, favorecedores do deterioro fisicoquímico do material pétreo.
Tribunal e cualificación
A tese titulada Evaluation of the impact of climate change on the deteriorating activity of phototrophic subaerial biofilm-forming organisms on the monumental heritage está dirixida pola profesora da Facultade de Bioloxía, Beatriz Prieto Lamas. O tribunal estivo composto por Xabier Pontevedra Pombal da USC, Graciela Paz Bermúdez da UVigo e Nuno Mesquita da Universidade de Coimbra. O traballo recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.