Notas de prensa

Un estudo da UVigo confirma os beneficios do exercicio físico con realidade virtual en maiores de 90 anos

Melloras no equilibrio e na marcha e unha diminución do risco de sufrir caídas. Isto é o que pode achegar á poboación nonaxenaria un programa de exercicio físico baseado no uso da realidade virtual, como comprobou o investigador Pablo Campo nun dos estudos que conforman a súa tese de doutoramento. Os resultados desta investigación recóllense nun artigo publicado na revista científica Journal of clinical medicine.

Ditos resultados amosan “ata onde chega o noso coñecemento, o primeiro estudo con realidade virtual inmersiva nesta poboación a nivel internacional”, recoñece o integrante do grupo HealthyFit, que forma parte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). Estes resultados son á súa vez unha das consecuencias do traballo que, no marco da súa tese, levou a cabo con 24 usuarios e usuarias do centro Saraiva Sénior, en Pontevedra, no que buscaba coñecer os beneficios físicos e cognitivos dun programa de exercicio físico baseado no uso destas tecnoloxías. Este estudo, explica, permitiu rexistrar “melloras significativas” no equilibrio, na marcha e na diminución do risco de sufrir caídas das e os maiores que realizaron un programa de actividade física cun dispositivo de realidade virtual.

Dirixida polo catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinador do grupo HealthyFit, José María Cancela, e polo profesor da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez Fuentes, a tese Deseño e implementación de un programa de ejercicio físico con realidad virtual inmersiva para la mejora de capacidades funcionales en las personas mayores recolle os resultados dunha investigación baseada no uso dos chamados exergames, videoxogos que implican un movemento físico. Concretamente, o estudo do que Campo presentaba o pasado ano os primeiros resultados, nunha das actividades da Cátedra ACP-Innova, centrouse en avaliar os efectos dun programa de exercicio de dez semanas, cuns lentes head-mounted-display e un xogo cunha “temática baseada no boxeo”, que engadía ao exercicio físico “unha compoñente cognitiva”, que permitía traballar “a atención, a velocidade mental ou a toma rápida de decisións”, explica. Durante este período, as e os participantes no estudo mantiveron “as actividades habituais do centro”, mais nun dos casos, o do grupo experimental, a estas sumábanse tres sesións semanais de seis minutos con este dispositivo.

Melloras no equilibrio e na marcha e menor risco de caídas

A través dunha serie de valoracións, antes, durante e despois da intervención, a investigación permitiu constatar como o grupo que traballou con realidade virtual presentaba “melloras significativas” nos indicadores relativos a equilibrio e marcha, á vez que diminuía o seu risco de sufrir caídas. Tamén se rexistrou unha mellora significativa, de 4,8 puntos, no test que avalía a chamada “forza de prensión”, nos membros superiores, un indicador que, como lembra Campo, acúa como “marcador de fraxilidade nas persoas maiores”. Fóra dos aspectos físicos, tamén se constataron melloras nos valores que avalían a súa calidade de vida, á vez que as e os participantes no estudo mostraron tamén unha “gran satisfacción” cunha experiencia que se mostrou, como “100% segura” nesta poboación. Pola contra, o grupo control, que non realizou esta programa, mostrou “perdas significativas no equilibrio, na marcha e na funcionalidade dos membros inferiores”, á vez que incrementou o risco de sufrir caídas. Non obstante, Campo pon o foco na necesidade de ter en conta que “o proceso de envellecemento é dexenerativo” á hora de analizar os datos obtidos nun estudo no que a media de idade dos participantes era de 85 anos.

Do traballo realizado en Saraiva Sénior deriva así mesmo o primeiro estudo dos efectos deste tipo de programas con persoas maiores de 90 anos. Da análise dos datos rexistrados a un grupo de mulleres nonaxenarias, Campo destaca que tamén se rexistraron “melloras significativas en valores de equilibrio e marcha e unha diminución do risco de sufrir caídas”, á vez que se mantiveron os valores de mobilidade. Mais, por riba de todo, pon o foco na “elevada usabilidade” desta tecnoloxía entre persoas de 90 anos, que o estudo sitúa por riba do 78%, á vez que o feito de que a experiencia fose descrita como positiva polas participantes.

Balance dunha liña de traballo pioneira

Desenvolvida no doutoramento en Educación, Deporte e Saúde, Campo defendeu no campus pontevedrés unha tese con mención internacional por compendio de artigos, que permiten facer balance do traballo desenvolvido desde 2018 polo grupo HealthyFit nunha liña de investigación pioneira. “A idea de adecuar programas de exercicio destinados a un colectivo onde a adherencia a estes era baixa, pero sabendo que os beneficios están máis que comprobados, levounos a pensar nun programa vertebrado como un videoxogo, que fose atractivo, cativador e motivador”, sinala este investigador, que recoñece que, alén de estudos centrados no uso de videoxogos, non existían antecedentes do traballo con realidade virtual inmersiva e persoas maiores, como constataron no primeiro dos artigos recollidos nesta tese, publicado na revista Virtual Reality, indexada no Q1 do JCR.

Tras esta revisión sistemática chegaron as “primeiras probas informais”, pero tamén a declaración do Estado de Alarma, en marzo de 2020, coa que “todo paralizouse”, recoñece. A implicación da dirección e persoal do centro sociosanitario permitiu finalmente levar a cabo, con “todas as precaucións e medidas de seguridade”, a implantación deste programa de exercicio físico a finais de 2021. Neses meses vía tamén a luz, na revista Sensors, o segundo dos artigos desta tese, un “estudo de casos” levado a cabo con maiores afectados pola enfermidade de párkinson, que permitiu confirmar a “ausencia de efectos adversos, a boa usabilidade do equipo e a satisfacción coa experiencia” e levou ao deseño do programa, cuxos resultados foron recollidos en dous artigos, un publicado tamén en Sensors, e outro, o que afonda por primeira vez nas súas aplicacións en nonaxenarias, nunha “revista moi importante no campo da medicina”, o Journal of clinical medicine, indexada tamén no primeiro cuartil do JCR. Non obstante, pese a que “todos os resultados son prometedores” e que esta liña de investigación obtivo recoñecementos como o premio ao proxecto revelación do Forum RIES 2022, do Clúster Saúde de Galicia, Campo pon tamén o foco na necesidade de “profundar nas liñas de investigación que esta tese deixou abertas”, eixe do seu labor como investigador na actualidade.

Universidade de Vigo, 2023-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) A primeira fase do piloto do proxecto Xenoma Galicia permitiu detectar, entre os máis de 1.000 participantes aos que se lle recolleu unha mostra de sangue, 14 novos casos de alto risco para as patoloxías investigadas de cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar. A Consellería de Sanidade presentou esta mañá ante o Consello da Xunta un informe de situación do piloto do proxecto Xenoma Galicia. Cun investimento de 20 millóns de euros, o Goberno galego márcase o obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 persoas. Pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados, predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e evitalas grazas ao estudo do xenoma e da historia clínica.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) No marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, a Xunta de Galicia vén de rebaixar a alerta por altas temperaturas aos niveis 1 e 2. Deste xeito, a vaga de calor iniciada pasado venres, que na xornada de onte acadou o nivel 3 de alerta en diversas áreas de Galicia, agora queda establecida nos dous primeiros niveis de alerta. En concreto, as zonas que ficarán no nivel 2 son o noroeste de Ourense, o interior de Pontevedra, así como o Centro e a Montaña da provincia de Lugo. Pola súa banda, defínese o nivel de alerta 1 por vaga e calor as zonas do interior de Coruña, o sur de Lugo, Miño de Ourense, montaña de Ourense, sur de Ourense, Valdeorras, litoral de Pontevedra e a zona Miño de Pontevedra.

Notas

A décimo terceira edición do Campus de Verán XuvenCiencia, no que participan case un cento de adolescentes de terceiro e cuarto da ESO, primeiro e segundo de BAC e ciclos medios de FP, arrancou este luns e desenvolverase ata o sábado 5 en facultades, centros de investigación e laboratorios do Campus de Lugo da USC. Como en anos anteriores, o programa inclúe obradoiros prácticos, visitas a centros de investigación da USC en Lugo e doutros puntos da contorna, así como diversas actividades deportivas e de ocio.
Investigadores do grupo Encomat e do grupo e-Materiais da UVigo levan varios meses traballando de maneira conxunta para incrementar a vida útil de estruturas de formigón reforzadas con aceiros de memoria de forma. A súa proposta é a aplicación de películas intelixentes autorreparadoras ou smart coatings, cuxa viabilidade están a estudar no marco do proxecto SmartCoDur, seleccionado dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES