
A Xunta deu coñecer hoxe á persoa e entidades merecedoras dos Premios Galicia de Acción Voluntaria nas súas tres modalidades, dotada cada unha delas de 4.000 euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica os merecedores destes galardóns, que poñen en valor o labor solidario de persoas e organizacións durante este ano 2023.
Así, o premio á persoa voluntaria do ano na modalidade individual para as persoas físicas recaeu en Isabel Rubinos Fernández, dada a súa traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado.
Ademais, a Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares (Asotrame) fíxose co premio á entidade de acción voluntaria do ano. O xurado condecora así a consolidada traxectoria de Asotrame na área sociosanitaria e de atención psicosocial.
E, por último, o premio ao mellor proxecto de acción voluntaria deste exercicio foi parar a Solidaridad Intergeneracional, polo seu proxecto CuentaconMigo, cuxo enfoque está centrado na atención a persoas maiores no medio rural.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.