
ºDe xeito particular, destaca o seu liderado na competencia científica, onde ocupa a primeira posición do Estado empatada con Castela e León, con 506 puntos. Este dato supón obter 21 puntos máis que a media española (485) e que os países da OCDE (485).
Outra das fortalezas que se afianzan no sistema educativo galego é a equidade, ámbito que lidera novamente xunto a Cantabria. Este parámetro mídese a partir dunha serie de variables que determinan en que medida un sistema educativo é capaz de dar igualdade de oportunidades e conseguir así que o rendemento dos seus estudantes dependa das súas capacidades e non do seu contexto social, económico e cultural.
Sistemas educativos robustos
O propio informe PISA sinala que rendemento e equidade non son excluíntes e que os sistemas educativos máis robustos son os que conseguen equidade e excelencia, a pesar dos desafíos que a pandemia da covid-19 supuxo para a educación. Neste aspecto, o sistema educativo galego preséntase precisamente como un dos máis robustos.
Canto á competencia matemática -que é a competencia analizada como principal en 2022-, Galicia obtén 486 puntos, 13 puntos máis que España (473) e 14 máis que a OCDE (472). Trátase, novamente, dunha baixada xeneralizada. De feito, só hai tres países cunha mellor evolución que Galicia nesta competencia ao longo da última década: Turquía (+5), Suecia (+3) e Xapón (-1). Finlandia (-35 puntos) e Alemaña (-39) sitúanse no extremo oposto.
Ao tomar como referencia a última década, dado que 2012 foi a última ocasión en que Matemáticas foi avaliada como competencia principal, a dinámica é comparativamente mellor, xa que Galicia baixa dous puntos fronte a 22 da OCDE e 11 do conxunto de España.
Esta dinámica á baixa tamén é común á competencia lectora, onde Galicia obtén 485 puntos, 11 máis que a media das comunidades autónomas e 9 máis que a OCDE.
Medidas de avance e consolidación
Cos datos na man, desde a Consellería de Educación procederase agora a unha análise pormenorizada dos mesmos co obxectivo de que o sistema continúe avanzando na súa mellora e consolidación nos vindeiros anos. En xeral, e pese a que Galicia non escapa de caída xeneralizada que se produce en todo o mundo, consigue manterse malia á situación de emerxencia sanitaria que provocou importantes restricións durante tres cursos.
As probas foron realizadas na primavera do 2022, o último curso dos tres plenamente marcados pola pandemia: o confinamento no último trimestre do 2019-20 e as medidas de protección nos cursos 2020-21 e 2021-22. Participaron nelas unha mostra de 1.824 alumnos de 58 centros galegos. En total, 966 centros e 30.800 estudantes en toda España.
Desde entón, o Goberno autonómico está a reforzar o ensino galego con medidas como o Plan Recupera, o Programa Acompaña, a Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar, os plans de mellora vinculados aos Contrato-Programa e a PROA, así como como novos programas e estratexias: os Polos Creativos, o Plan Lía (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2025, a Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, a Estratexia de Ensino Dixital, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica ou a adecuación dos currículos da nova lei educativa. A última delas é o acordo coas organizacións sindicais que entrará en vigor o 1 de xaneiro e que permitirá afrontar con garantías os retos da próxima década.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.