Noticias

A Rede Localis incide na necesidade de melloras para os municipios de menor poboación

A Rede Localis, xestionada polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, presentou este mércores en Santiago de Compostela o seu quinto informe, titulado Retos e desafíos dos municipios de menor poboación. Nel abórdanse os principais retos da xestión municipal: a modernización, a demografía e o inframunicipalismo, incidindo na necesidade de melloras para os municipios con maiores problemas demográficos. O documento foi presentado polos codirectores da Rede Localis, Concepción Campos e Alberto Vaquero, e a coordinadora da rede, María Cadaval, nun acto que contou coa participación da directora xeral de Administración Local da Xunta, Natalia Prieto.

No informe advírtese que é preciso poñer en marcha medidas que contribúan a frear o despoboamento dos municipios de menos de 5000 habitantes, tendo en conta ademais que en Galicia o 64% das entidades locais atópanse nesta situación. O documento afonda nas causas desta regresión demográfica e as medidas necesarias para avanzar na cohesión social e territorial “sen deixar atrás os retos das zonas rurais”. Neste senso, a directora xeral destacou a necesidade de que “as institucións teñan como obxectivo prioritario garantir a igualdade de oportunidades da cidadanía e a calidade na prestación de servizos públicos con independencia do lugar de residencia”.

O informe, dirixido por Concepción Campos e Roberto Fernández Llera e a coordinación de María Cadaval, tamén sinala o papel das deputacións provinciais na asistencia ao desenvolvemento dos municipios máis pequenos en base a un marco autonómico e supervisor. Ademais, fai referencia ao Estatuto Básico de Municipios de Menor Poboación para mellorar a situación destes concellos máis pequenos. Entre outros moitos aspectos, no texto da Rede Localis tamén se reflexiona sobre a reforma da lei estatal reguladora das bases do réxime local e sobre a revisión e actualización do marco lexislativo autonómico en materia de administración local, na que a Xunta está a traballar mediante un acordo coa Universidade de Vigo.

Cátedra Institucional de Bo Goberno Local

A publicación do informe presentado este mércores enmarcase na Cátedra Institucional de Bo Goberno Local posta en marcha o ano pasado entre a Xunta e a Universidade de Vigo co obxectivo de modernizar o marco lexislativo local grazas á experiencia investigadora da Rede Localis. Tal e como explicou a directora xeral de Administración Local, esta cátedra supón un espazo de reflexión e debate sobre as propostas de mellora no ámbito local para “avanzar cara unha administración do século XXI e facilitar o cambio de adaptación das entidades locais aos retos e demandas da sociedade actual”.

R., 2023-12-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES