//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o 8 de xuño nos exteriores do complexo e contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes. O obxectivo é gozar coa práctica deportiva nun enclave como é Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.
A Xunta salienta que ningún concello presentou a solicitude de declaración de zona tensionada e advirte das consecuencias negativas desta medida para o mercado de alugueiro de vivendas. O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, participou esta tarde na mesa de debate Declaración de zonas tensionadas no marco do V Congreso Inmobiliario de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias. Heriberto García lembrou que a lei estatal trae máis incertezas que confianza ao mercado residencial, polo que o Goberno galego xa a recorreu ante o Constitucional.
Baixo o título 'Horizontes dos Estudos Galegos e /na Lusofonía', esta nova edición do congreso da AIEG parte do tradicional vínculo entre Galicia e os países lusófonos para promover o debate, a crítica e novas propostas sobre as relacións no espazo cultural, académico e institucional. Farao a través de relatorios, paneis, mesas e sesións plenarias nas que participarán especialistas das tres universidades galegas, pero tamén do ámbito nacional e internacional, que discutirán sobre os campos lingüístico, literario, histórico, económico, antropolóxico, filosófico, sociolóxico e artístico. No marco do congreso tamén terán cabida as actividades culturais, como excursións ou exposicións, especialmente dirixidas á mocidade investigadora; ou a presentación de produtos académicos e proxectos, como o Proxecto Nós, impulsado polo Goberno galego para incorporar a lingua propia de Galicia á vangarda da Intelixencia Artificial.
O sistema sanitario público galego sitúase como o terceiro con mellores tempos de espera media para acceder a unha intervención cirúrxica, dentro do Sistema Nacional de Saúde. Segundo o último informe publicado polo Ministerio de Sanidade, os datos a decembro de 2023 reflicten que o tempo medio de espera para cirurxías en Galicia sitúase en 67 días (61 menos que a media española) situada en 128 días.Neste senso, e atendendo a comparativa interanual, entre os meses de decembro do ano 2022 e decembro de 2023, o sistema sanitario público galego conseguiu reducir en 8 días o tempo de agarda dos pacientes galegos que precisan dunha intervención cirúrxica. Así, ao peche do pasado ano, a comunidade galega situouse só por detrás do País Vasco (63 días), e da Comunidade de Madrid (51 días).
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu o visto e prace ao Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2025 e 'que estará dotado de 41 millóns de euros, un 6% máis que o anterior'. Entre outros fitos, este plan 'prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas e case 5.000 puntos de auga'. Entre as principais novidades está o obxectivo da Xunta de avanzar na prevención dos lumes mediante o uso da gandaría en extensivo.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades.
O profesorado, estudantado e persoal da administración e servizos da Universidade da Coruña elixe o vindeiro luns, 4 de decembro, o seu Reitor para os próximos seis anos. A votación será a través de voto electrónico en horario de 10:00 a 19:00 horas. Os votantes elixirán entre os candidatos Ricardo José Cao Abad e Fermín Luis Navarrina Martínez.
Comeza a conta atrás para celebrar unha nova edición do festival científico CinVigo, organizado por segundo ano consecutivo polo CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, co propósito de converter as rúas e prazas de Vigo nun auténtico laboratorio, aberto a toda a cidadanía, e no que o alumnado de ensino medio será o protagonista.
Os reitores das tres universidades públicas galegas, Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo) asinaron este luns 27, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, dous convenios de colaboración para apoiar a dixitalización e mellora das infraestruturas das tres institucións académicas.
A Constitución Española fará en decembro de 2023 45 anos. O aniversario da Carta Magna adoita xerar múltiples preguntas arredor da súa natureza e vixencia. A mostra 'Escola de Democracia. O proceso cara á Constitución Española de 1978' que pode visitarse no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, serve para contextualizar un dos procesos máis relevantes da nosa historia recente.
Do 29 de novembro ao 1 de decembro o campus de Ourense acollerá o I Congreso Internacional de Transición á Vida Adulta da Xuventude do Sistema de Protección. A cita, que se celebra co gallo da conmemoración dos 25 anos do Programa Mentor, contará coa asistencia de arredor de 200 persoas e a participación de representantes de 13 universidades e de 16 entidades estatais e internacionais.
A provincia de Ourense acollerá do 23 ao 25 de novembro a celebración do 23 Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo. Na organización da cita, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, participan as tres universidades públicas galegas, a do Norte de Portugal, a Delegación Rexional Norte do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, a Xunta de Galicia, os concellos de Ourense e Celanova e a Deputación Provincial de Ourense.
Camiño conCiencia é un proxecto de divulgación que mestura contido de investigación co entorno do Camiño de Santiago e unha serie de roteiros pola natureza. Está desenvolvido polo equipo do Campus Industrial de Ferrol desde o ano 2022 grazas ao apoio inicial da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación.
A reflexión arredor do cambio climático é o eixo sobre o que se asenta a segunda vaga de Faíscas Culturais que botou a andar este martes 7 na Facultade de Ciencias da Comunicación. Baixo o lema 'Narrativas efectivas para comunicar o cambio climático', estudantado, docentes e membros de Rebelión Científica Galicia analizaron diferentes medios e formatos para localizar xeitos eficaces para comunicar o cambio climático e inducir á toma de conciencia e á acción.
Julio Prada, profesor de Historia Contemporánea e decano da Facultade de Historia do campus de Ourense, conta cunha nova publicación. Trátase do libro El fascismo en Galicia. De los orígenes al Decreto de Unificación, editado polo Centro de Estudios Políticos y Constitucionales, do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes y Memoria Democrática. Nel preténdese dar resposta a tres preguntas esenciais na historiografía especializada no estudo do fascismo hispánico.
Un equipo integrado por investigadores da USC, da Fundación para a Investigación do Clima, así como das universidades de Colorado Boulder e de Southern California, acaban de procesar as pegadas de doce millóns de construcións para describir a evolución dos asentamentos humanos en España entre os anos 1900 e 2020.