Notas de prensa

Arredor de 200 persoas asistirán ao I Congreso Internacional de Transición á Vida Adulta da Xuventude do Sistema de Protección

Do 29 de novembro ao 1 de decembro o campus de Ourense acollerá o I Congreso Internacional de Transición á Vida Adulta da Xuventude do Sistema de Protección. A cita, que se celebra co gallo da conmemoración dos 25 anos do Programa Mentor, contará coa asistencia de arredor de 200 persoas e a participación de representantes de 13 universidades e de 16 entidades estatais e internacionais.

O seu obxectivo é xerar coñecemento para mellorar a transición cara a vida adulta independente da xuventude do sistema de protección.

Mellorar a vida da mocidade tutelada

A iniciativa está organizado desde a Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo e a entidade social Igaxes, unha organización non gobernamental que traballa desde 2001 coa infancia, xuventude e familias en situación vulnerable e que aposta pola alianza, a través de iniciativas coma este congreso, “co mundo académico e universitario para mellorar a intervención social”. A cita foi presentada este martes no campus por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor de campus de Ourense; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, e Carlos Rosón, director de Igaxes. O vicerreitor destacou que a acollida deste congreso está en liña co compromiso do campus de Ourense coa integración e a inclusividade e Xosé Manuel Cid puxo en valor a traxectoria de cooperación existente entre a facultade e Igaxes, co que se teñen desenvolvido diferentes iniciativas de investigación e formativas. Pola súa banda, Carlos Rosón subliñou que este primeiro congreso será “unha oportunidade única para intercambiar experiencias, coñecer como se traballa no resto de España e Europa e dirixir ese coñecemento a mellorar a vida da mocidade tutelada e extutelada".

O I Congreso Internacional de Transición á Vida Adulta da Xuventude do Sistema de Protección pretende abordar os retos que supón a transición á vida independente de mozas e mozos do sistema de protección desde o punto de vista académico, profesional, administrativo, empresarial e tendo en conta aos axentes implicados no proceso. Está previsto que sexa inaugurado por Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Josep Marí Cervera, da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, e Víctor Manuel Santidrián, presidente de Igaxes. A conferencia inaugural, que ofrecerá unha perspectiva internacional sobre a temática do evento, correará a cargo de Robbie Gilligan, do Trinity College de Irlanda. O programa inclúe conferencias, mesas redondas e relatorios, ademais de actividades complementarias (como unha exposición fotográfica na Sala Alterarte do campus e a unha obra de teatro, titulada Soños, no Teatro Principal).

Programa Mentor

A mocidade do sistema de protección, explicou Carlos Rosón, “é a gran descoñecida dentro do ámbito social”, apuntando como son rapazas e rapaces que teñen que ser separados das súas familias "non porque fixeran algo malo senón para seren protexidos", sendo a súa tutela asumida pola Xunta de Galicia. Chegada a maioría de idade, detallou, extínguese esa tutela e estes rapaces e rapazas “teñen que voar sos e teñen que ter construído o seu proxecto de vida” con apenas 18 ou 19 anos. Para axudarlles a construír os seus proxectos de vida independente, apuntou o director de Igaxes, existe o Programa Mentor de transición á vida adulta, financiado polo Fondo Social Europeo e pola Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia, e que neste congreso celebrará os seus 25 anos de actividade.

Universidade de Vigo, 2023-11-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES