
Esta é a primeira dunha serie de intervencións que se estenderán polas facultades de Farmacia, Ciencias, Veterinaria, Psicoloxía, Bioloxía e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría coa vontade de prender o espírito crítico do alumnado. Ademais, esta segunda vaga das Faiscas ten como pano de fondo a mostra Un rastro de furia e algas. Reflexións sobre o futuro do planeta Terra que pode visitarse no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca. A exposición acolle artistas do Norte de Portugal e Galicia que, nalgúns casos, abordan a través da súa obra a complexidade da loita medioambiental, mentres que noutros acométese o relato de historias concretas, ademais de analizar causas e consecuencias, intentando pensar como chegamos ata aquí e que podemos facer ao respecto, tal e como explica o profesor da USC Federico López Silvestre, comisario da mostra xunto a María Gil e Sergio Meijide.
As faíscas son partículas que se desprenden dun corpo que arde. A partir deste concepto, a USC lanzou o pasado curso un novo proxecto artístico-pedagóxico co que se logrou que o lume das manifestacións culturais e artísticas saltase ata as aulas universitarias e prendese a través da reflexión no alumnado, inseríndose no seu currículo académico. As Faíscas pretenden conectar o que a USC realiza no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas e forman parte da programación do Outono Cultural integrado por un amplo e diverso abano de actividades no que música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais danse a man.
Programa
O cambio climático visto dende o meu laboratorio é a Faísca que se desenvolverá en Farmacia o vindeiro 22 de novembro, ás 19.00 horas. O mesmo día pero ás 11.00 horas será a quenda da Facultade de Ciencias coa intervención titulada Urxencias climáticas. Un planeta na UCI? + Bahía Botánica, unha acción performativa con música e plantas a cargo de Hugo Torres. A mesma Faísca desenvolverase en Veterinaria a partir das 18.00 horas.
Psicoloxía acollerá o 29 de novembro, ás 16.30 horas, a Faísca titulada Canto cres que sabes de psicoloxía ambiental? A importancia da conduta humana. A xestión de residuos como panca clave na loita contra o cambio climático é o nome da intervención que terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, o 1 de decembro, ás 12.30 horas. Finalmente, o 13 de decembro, Bioloxía albergará a Faísca Bioarte para a concienciación sobre o cambio climático. A sesión terá lugar ás 12.00 horas.
Ás accións desenvolvidas nas escolas e facultades da USC súmase, o 21 de novembro ás 11.00 horas, no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca, a palestra-performance titulada 'A Grande Sucessão: Sobre Redes'. Desenvolvida polo colectivo artístico Landra, consistirá na tradución dos procesos biolóxicos a música e ruído. Terá o compoñente performativo, pero tamén servirá de workshop interactivo para que o alumnado entenda a peza dende o proceso creativo dos e das artistas.
Como colofón a esta segunda vaga de Faíscas desenvolverase a ruta dirixida por Luís Miguel Serrano Desvelando a flora urbana e o seu potencial na configuración dunha cidade biodiversa. Será o 1 de decembro ás 12.00 horas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.