Actualidad de Economía

Noticias economia

Galicia pechou novembro de 2019 con 4710 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -2,76% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en novembro de 2008 había 180.820 parados fronte aos 165.659 actuais. Ademais, a caída de Galicia supera en algo máis dun punto á media estatal, situándose como a quinta Comunidade na que máis descende o desemprego. Por sétimo ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de novembro, que tamén baixou nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, así como en todos os sectores económicos.
O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 1,7% en taxa interanual no terceiro trimestre do ano, ao tempo que se crearon neste período 8.118 novos empregos a tempo completo, segundo as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Os datos da primeira estimación publicados polo organismo estatístico autonómico mostran que, co dato do terceiro trimestre, o PIB galego acumula seis anos (25 trimestres consecutivos) con taxas positivas. O crecemento trimestral –sobre o trimestre anterior- foi do 0,3%, o mesmo que o anterior, polo que a economía galega acumula 27 trimestres consecutivos con taxas positivas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe que Galicia non renunciará á totalidade dos 700 millóns de euros que lle debe o Goberno central e avanzou que a Comunidade galega proporá varias solucións para que as comunidades e as entidades locais conten coa mensualidade do IVE de 2017 antes de que remate o ano. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo reiterou que dos 700 millóns, ata o momento, Galicia tan só recibiu 167 millóns de euros. E o único que garante o Goberno central, a través dun Real Decreto Lei, son as entregas a conta: 334 millóns de euros que “estaban comprometidos para este mes de novembro”, rexeitando pagar os 200 millóns da mensualidade do IVE de 2017 e os 170 millóns dos incentivos.
Os viños galegos amparados con selos de calidade incrementan o valor das súas vendas no mercado español, na canle da alimentación. No último ano medrou arredor do 6% o valor das vendas do viño galego no mercado español, na canle da alimentación, o que implica unha revalorización do produto que chega aos fogares. Ademais, o viño con denominación de orixe sitúa a Galicia no terceiro posto por comunidades autónomas -só superada pola Rioxa e Castela e León- en termos de valor, con respecto á cota de mercado nacional. Na canle de alimentación, especificamente, os viños galegos melloran a súa cota de mercado nacional ata un 5,4% en volume e ata o 6,6% en valor, grazas á súa mellora en participación nos hipermercados e supermercados.
As principais conclusións do Informe GEM, que analiza o proceso emprendedor, foron presentadas esta martes no Museo Pedagóxico de Galicia. O documento constata que o 57,66% da actividade emprendedora en Galicia está liderada por mulleres. O incremento da actividade emprendedora en Galicia, detecta o informe, derívase do aumento asociado á actividade emprendedora feminina, que pasa dun 4,52% no 2017 a un 6,43% no 2018. A actividade emprendedora das mulleres continúa así a súa tendencia á alza desde 2016, acadando o segundo maior valor para toda a serie 2005-2018, e superando á masculina galega e a media feminina española. En relación ao grao de innovación, obsérvase no 2018 un incremento nas iniciativas emprendedoras innovadoras con respecto a 2017.
Este Plan Anual, enmarcado no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, aposta por dar cumprimento aos compromisos adquiridos no ano 2019 cos axentes aos que se lle aprobaron 36 proxectos nas tres tradicionais convocatorias públicas bianuais de concorrencia competitiva. Así, publicaranse as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación Galega como son as de proxectos no exterior con ONGD e outros axentes de cooperación aos que se destinarán 1,8 millóns en 2020; aos que se suman 500.000 para iniciativas de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global proxectos de acción humanitaria; así como outros 400.000 euros para programas de acción humanitaria.
A Axenda Industria 4.0 e un proxecto da Xunta de Galicia que pretende anticiparse aos cambios previstos na economía global e conectada, favorecendo ao tecido empresarial galego, aumentando o tamaño das empresas, apostando polo talento dixital, e contribuíndo á reinvención e especialización tecnolóxica da industria galega. A Xunta de Galicia destinará durante os próximos catro anos (2019-2022) 350 millóns de euros para o desenvolvemento deste programa. Favorecerase a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns ata o ano 2022, para impulsar un novo tecido empresarial competitivo.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia vén de poñer en marcha a iniciativa Comercio 360, que ten como obxectivo mellorar a competitividade do comercial local, poñendo sempre ao consumidor final no centro de todas as decisións. Trátase de responder aos cambios que os novos hábitos e a dixitalización están introducindo no sector, adaptándose ás novas necesidades de demandas. A diferenciación e a especialización hanse acadar a través de elementos fundamentais coma a aposta polo produto local, a sustentabilidade e a economía circular, a responsabilidade social ou o deseño. Cunha proxección a tres anos (2019-2021), Comercio 360 conta con orzamento de 5,7 millóns de euros en 2019 para avanzar na dixitalización como medio para mellorar a experiencia do cliente.
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou hoxe no Parlamento que o primeiro que fará a Xunta de Galicia cando se constitúa o novo Goberno de España será pedir o pago íntegro dos 700 millóns de euros que lle adebeda a Galicia. E asegurou que “atender esta débeda é o primeiro e máis inmediato asunto da axenda galega que o Goberno ten que cumprir”. Na súa intervención durante o debate de totalidade do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2020, o titular de Facenda lembrou que o Parlamento galego xa se ten pronunciado en tres ocasións, cun alto grao de consenso, demandando o pago total destes recursos.
Galicia lanzará no vindeiro ano 2020 a primeira emisión de bonos sostibles da Comunidade Autónoma. Estes bonos estarán integramente orientados aos investimentos sociais e medio ambientais, á economía verde e sostible e vinculados á Axenda 2030. Este ano a Comunidade galega retornou aos mercados financeiros, froito da confianza que Galicia aporta aos investidores, o que permite aproveitar as condicións que ofrece o mercado, con abundante liquidez, elevada demanda e os tipos de interese historicamente baixos.
| 53,3  de  386 | Siguiente »

Notas economia

Artesanía de Galicia e Galicia Calidade contan cun espazo propio en Inhorgenta, que se celebra na cidade alemá de Múnic ata o 25 de febreiro, para promover a comercialización da xoiería galega dos obradoiros artesáns Ardentia, Fink Orfebres, Ortega e Piropo Joyas.
A Xunta traballa na creación dun selo de promoción único baixo o que se ampararán todos os produtos agroalimentarios de calidade de Galicia, e tamén promove unha gran feira do viño en Galicia que sexa potente e que atraia a outras denominacións de orixe.
O presidente da Xunta avanzou que os autónomos galegos terán unha axuda de entre 4.000 e 6.000 euros para contratar ao primeiro traballador, e de entre 5.000 e 7.000 euros para o segundo e o terceiro empregados. A loita contra o paro segue a ser obxectivo prioritario, según Núñez Feijóo.
O certame turístico Reisen 2013, da cidade de Hamburgo, está especializado en campismo e autocaravaning, unha modalidade elexida polo 9.5% dos turistas internacionais que visitan Galicia desde Alemaña.
O Consello da Xunta aproba un convenio que suporá un “importante osíxeno económico” e destaca o “efecto multiplicador” que ten o diñeiro público na consecución da totalidade dos avais que os estaleiros galegos necesitan nesta situación.
Máis de 16.000 visitantes aproveitaron os mellores prezos ofrecidos polo comercio local. As estufas e sistemas de calefacción, os automóbiles e o téxtil volveron ser os sectores máis demandados.
O novo calendario de feiras do libro de Galicia 2013 inclúe catro eventos máis que en 2012, e amplía o programa de actividades culturais que se desenvolven nestes eventos. Entre abril e agosto celebraranse feiras en Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, Ferrol, Viveiro, Foz, Monforte e Rianxo.
Nesta financiación incluirase unha liña de axudas para contratos-programa en centros tecnolóxicos, según anunciaba o presidente da Xunta que insiste en consolidar medidas pioneiras e plans como Interconecta, Plan 12C ou o Fondo Tecnolóxico.
A conselleira de Facenda asegura que as contas se adaptan á conxuntura actual e sentan as bases para que Galicia sexa das primeiras en recuperar o crecemento, e asegura que o control do endebedamento permite a Galicia achegar 70 millóns de euros máis a gasto produtivo e non ao pagamento de xuros.
Para converter ao sector primario en modelo de calidade, mellorar a comercialización e apostar pola internacionalización, o presidente da Xunta anima aos produtores a buscar sempre a marca e apoiarse nas denominacións de orixe.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES