Noticias

Feijóo reitera que Galicia non renunciará á totalidade dos 700 M€ que lle debe o Goberno central e propón varias solucións para o seu cobro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe que Galicia non renunciará á totalidade dos 700 millóns de euros que lle debe o Goberno central e avanzou que a Comunidade galega proporá varias solucións para que as comunidades e as entidades locais conten coa mensualidade do IVE de 2017 antes de que remate o ano. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo reiterou que dos 700 millóns, ata o momento, Galicia tan só recibiu 167 millóns de euros. E o único que garante o Goberno central, a través dun Real Decreto Lei, son as entregas a conta: 334 millóns de euros que “estaban comprometidos para este mes de novembro”, rexeitando pagar os 200 millóns da mensualidade do IVE de 2017 e os 170 millóns dos incentivos.

Diante disto, Feijóo trasladou dúas posibilidades para regular a modificación do sistema do IVE. Como primeira opción, a proposta de solicitar ao Goberno central que habilite o financiamento previsto para compensar todas as cantidades do IVE a todas as Comunidades Autónomas antes do 30 de decembro, para o que hai diversos mecanismos: a modificación orzamentaria –dando de baixa e de alta a distintas partidas dos orzamentos prorrogados do Estado-; ou volver outra vez a completar o Real Decreto Lei, algo que “seguimos dicindo que é perfectamente posible”.

Como segunda posibilidade, o presidente da Xunta expuxo a opción de que o Goberno central asuma un incremento transitorio do seu endebedamento, e que se endebede polo mesmo importe que a débeda do IVE. E, posteriormente, unha vez que habilite o mecanismo legal axeitado, deixe sen efecto esa débeda, como consecuencia de que mediante un axuste contable, o IVE sería igual á débeda que o Goberno central subscribiría e transferiría ás Comunidades.

“Esta fórmula é moi sinxela: o Goberno central emite débeda pública polo importe do IVE que debe ás Comunidades Autónomas; transfire ese importe ás Comunidades; e posteriormente, na primeira lei que pase polas Cortes Xerais, xera crédito a través do IVE que xa ten recadado, e por ese mesmo importe amortiza a débeda”, explicou sobre a segunda das solucións.

Así mesmo, no caso de que o Goberno central “non faga caso a ninguén”, Feijóo anunciou que o asunto se levará ao Parlamento.

“E tamén pedimos, claramente, a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira”, dixo, subliñando que tamén se pedirá que se inclúa na orde do día un punto específico para abordar a aprobación a Galicia dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018, por importe de 170 millóns de euros, tamén pendentes de pago. “Non soamente non nos pagan, senón que non nos falan”, aseverou.

Nesta liña, o titular do Goberno galego incidiu en que este asunto “está empezando a producir unha tensión innecesaria de aqueles que pensamos que o Estado das autonomías ten que arranxar os seus problemas internamente”, e subliñou que Galicia está actuando “con lealdade” e está propoñendo fórmulas, como as expostas hoxe.

“Espero e desexo que isto por fin se poida desbloquear, porque se non é así imos pechar un ano moi complexo, con débedas, con liñas de tesourería e coa imposibilidade de cumprir os prazos de pagamento que vimos acostumando”, dixo, e lembrou que Galicia é a Comunidade Autónoma que paga as facturas en menor tempo, pero agora “nos está custando xa non pagalas en menor prazo, senón pagalas”; “e non é xusto”, concluíu.

R., 2019-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES