Noticias

A Xunta de Galicia investiu máis de 1.100 millóns de euros no saneamento e abastecemento de auga en toda a comunidade

A Xunta de Galicia ten como un dos seus principais obxectivos estratéxicos o correcto saneamento e abastecemento de auga na nosa comunidade, sen perder de vista en ningún momento a normativa europea na materia. Deste xeito, o goberno autonómico leva investidos nos últimos dez anos más de 1.100 millóns de euros en obras hidráulicas, que se traducen en 350 actuacións en 165 concellos, que reciben deste xeito apoio nas súas competencias de xestión do ciclo da auga. Nos últimos 30 anos, o número de depuradoras activas pasou de 5 (o resto das augas vertíanse directamente ou tras un pretratamento) ata as 148 que están operativas na actualidade.

Só nos últimos dez anos, puxéronse en marcha 45 depuradoras que poden dar servizo a un millón e medio de cidadáns galegos, isto é, máis da metade da poboación de Galicia.

Dentro destes números destacan algúns casos nos que cómpre que nos deteñamos:

- Lagares (Vigo): En funcionamento desde 2017, cun investimento de 80 millóns de euros. Culminou o saneamento exterior da ría, mellorando drasticamente a situación en torno á cidade e permitindo así cumprir a normativa europea. É unha das obras hidráulicas máis destacadas dos últimos tempos.
- Ribeira (A Coruña): Un investimento de 18 millóns de euros permitiu regularizar a situación desta instalación, que ata entón sempre estivo baixo a vixilancia da Comisión Europea.
- Ría do Burgo (A Coruña): A mellora do saneamento local e da calidade das augas permitir a volta do marisqueo na ría, grazas a un investimento de preto de 100 millóns de euros.

Vixilancia e Seguimento

Pero os investimentos en novas instalacións teñen que ir sen dúbida acompañados dun seguimento posterior, que permita garantir o correcto funcionamento das mesmas a longo prazo. É fundamental polo tanto a vixilancia e inspección destas instalacións, e o asesoramento aos concellos para o seu aproveitamento óptimo.

Para complementar este traballo está o Plan de Control de Vertidos, cuxo obxectivo principal é o de evitar que se produzan aportes contaminantes desde o dominio público hidráulico ás augas de ríos e mares, e sobre todo das rías. Con este traballo, o Plan xa emendou máis de cincocentos vertidos contaminantes nas nosas augas.

Noticia
Os Resultados

Galicia ven de aumentar a súa capacidade de depuración nos últimos dez anos en case un millón e medio de habitantes. Do mesmo xeito, hai que destacar que no ano 2007 o 50% dos espazos urbanos cumprían a directiva europea de depuración de augas, e que esta porcentaxe está no 90% a día de hoxe. En canto á calidade das augas a porcentaxe de augas en bo estado pasou dun 67% en 2009 a un 76% na actualidade.

O Futuro

Pero estes números non deben facer que perdamos de vista a necesidade de seguir traballando neste terreo, co obxectivo de acadar o saneamento integral de rías e ríos galegos. Por isto o orzamento de Augas de Galicia medrará o vindeiro ano nun 10%, o que suporá máis de 100 millóns adicionais, que se destinarán na súa meirande parte á colaboración cos concellos, para apoialos nas súas competencias de abastecemento e saneamento.

Así, está previsto que se siga traballando e incluso se rematen proxectos como os de A Malata (Ferrol), Puentedeume e Rianxo. E tamén se comezarán os traballos na EDAR de Viveiro, en Cabanas, na depuradora de Praceres e no emisario submarino da ría de Pontevedra.

Unha nova sociedade de xestión

Dadas as dificultades técnicas e económicas que pode supoñer para os municipios, especialmente para os pequenos, a xestión destas infraestruturas, a Xunta de Galicia vai crear unha sociedade pública que lles preste apoio no ciclo integral da auga, nunha liña de traballo similar á de Sogama na xestión de residuos sólidos.

Esta sociedade, na que deben participar tamén as deputacións provinciais na coordinación cos concellos de menos de 20.000 habitantes, terá como obxectivo garantir o funcionamento a longo prazo das infraestruturas hidráulicas de xestión municipal, permitindo así a redución de custes e garantindo a calidade das prestacións. Todo isto se conseguirá mediante a prestación de servizos relacionados co ciclo da auga, cunhas tarifas por m3 que serán as mesmas para todas as entidades locais, como establece o Pacto Local da Auga.

R., 2019-12-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES