
O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 1,7% en taxa interanual no terceiro trimestre do ano, ao tempo que se crearon neste período 8.118 novos empregos a tempo completo, segundo as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
Os datos da primeira estimación publicados polo organismo estatístico autonómico mostran que, co dato do terceiro trimestre, o PIB galego acumula seis anos (25 trimestres consecutivos) con taxas positivas. O crecemento trimestral sobre o trimestre anterior- foi do 0,3%, o mesmo que o anterior, polo que a economía galega acumula 27 trimestres consecutivos con taxas positivas.
O crecemento da economía galega entre xullo e setembro sustentouse no forte aumento do gasto en consumo final, que rexistrou un crecemento interanual do 3,3%. Este é o maior incremento deste indicador desde 2007, e débese tanto ao incremento do gasto en consumo final tanto dos fogares (3,3%) coma das administracións públicas (3,5%). Pola contra, a formación bruta de capital que recolle os investimentos do sector empresarial ralentizou o seu crecemento ata o 1,6%, o que parece anticipar que as empresas están aprazando investimentos pola situación de incerteza en España.
Ademais, todos os sectores que conforman o PIB salvo a industria rexistraron un comportamento positivo. O maior crecemento rexistrouse no sector servizos (2,6%) , seguido da construción (1,7%) e o sector primario (0,2%), mentres que a industria descendeu un 0,6%, aínda que moito menos que o trimestre anterior (2,1%), e cun avance do 4,1% da industria manufactureira.
Os datos do IGE indican tamén que o comportamento positivo da demanda interna medrou un 2,9% en taxa interanual- compensou a evolución negativa da demanda externa. Non obstante, as exportacións recuperan taxas positivas, do 0,8%, tras tres trimestres caendo, o que apunta a un cambio de tendencia.
En todo caso, a economía galega continuou creando emprego no terceiro trimestre do ano. A evolución do emprego foi positiva en todos os sectores, agás no primario, cun crecemento do 0,8% e a creación de 8.118 postos de traballo a tempo completo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.