//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, que realizará este ano varias exposicións dos seus fondos, conmemora o noventa aniversario do nacemento en Ourense do poeta, acontecido o 25 de abril de 1929, co libro de Claudio Rodríguez Fer titulado Valente infinito (Libertad creativa y conexiones interculturales), última publicación de dita entidade, pois nada pode reprentar mellor ao autor homenaxeado que precisamente salientar a súa infinitude. A obra inclúe unha mostra da íntima e entrañable amizade de Valente con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, quen remata o volume co seu poema Nostalxia de nós, inspirado pola última vez que se viron.
Juan de Castro, director do Festival Primavera do Cine presentou a oitava edición do certame, que se celebrará do 30 de abril ao 5 de maio, aínda que as actividades previas deron comezo o pasado 22 de abril con Viva Cuba, unha retrospectiva do cinema cubano organizado con motivo do 60º Aniversario da Revolución e que se estenderá ata este xoves. Así, na presentación oficial do certame, Juan de Castro comenta que esta semana aínda quedan dúas actividades polas que apostamos moito no festival, Cinema nos Barrios, o venres en Navia e o sábado no Casco Vello Alto e Cine Miúdo, un evento ao que acudirán 800 cativos a visualizar filmes de principios de século e con música en directo feita por Caspervek e continúa dicindo que a semana que ven xa dará comezo ao resto de actividades paralelas e a sección oficial.
O Centro Dramático Galego (CDG) entra na terceira semana de representacións de Neorretranca e posmorriña no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o vindeiro 5 de abril. A actividade retomarase mañá e o mércores cos primeiros pases matinais da campaña escolar da nova produción propia da compañía pública, dirixida por Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. Gena Baamonde dirixe Neorretranca e posmorriña para o CDG cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.
A Sociedade de Filosofía Medieval desenvolve estes días o seu congreso internacional anual que, co lema 'De amicitia. Amizade na filosofía medieval e inicios da modernidade', nesta ocasión serve tamén de homenaxe ao profesor da USC finado o pasado ano César Raña Dafonte. Na inauguración do encontro participarán o decano do centro, Marcelino Agís Villaverde; o presidente de SOFIME, José Francisco Meirinhos; o director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC, José Luis Falguera López; e o presidente do comité organizador, Martín González Fernandez. Os relatorios comezarán coa lectura por parte de Rocío Carolo do texto 'Filosofía e amizade no Medievo' da autoría de César Raña.
A Cidade da Cultura abrirá ao público o Xardín do Teatro, o espazo verde co que culmina a transformación do baleiro deixado polo Teatro da Música, un dos dous edificios do Gaiás que non se chegou a rematar. Este novo xardín, de 11.574 metros cadrados, conta con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques, instalacións para practicar deportes urbanos e áreas de lecer para gozar da natureza. O proxecto do Xardín do Teatro foi realizado polo estudio de arquitectura de Compostela RVR conxuntamente coa UTE Perea+Euroestudios. O deseño baséase nas ideas de diversidade e universalidade, a través dunha escolla de especies procedentes de todos os continentes, complementando así ao Bosque de Galicia.
Dez traballos procedentes das tres universidades galegas conforman o programa da vixésima Mostra de Teatro Universitario de Galicia que se desenvolverá no Teatro Principal e na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño. Entre os días 22 de abril e 16 de maio, sete compañías da USC, dúas da Universidade de Vigo e unha da Coruña amosarán as súas montaxes escénicas dende as 21.00 horas, con función dobre os días 14 e 16 de maio. A entrada é de balde previo paso polo despacho de entradas, aberto dende as 18.00 horas no caso do Teatro Principal e dende as 20.30 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño.
Os galegos Davide Salvado e Fernando Barroso son dous dos 20 artistas seleccionados para o cartel de concertos promocionais de SoL Madrid, evento profesional arredor do negocio da música que terá lugar do 6 ao 8 de xuño. Definido pola organización como evento boutique, SoL Madrid celebrarase no Impact Hub arredor dun programa de reunións de negocios entre empresas, profesionais e artistas cun exclusivo grupo de programadores de festivais, axencias de contratación e medios de comunicación procedentes de Asia, Estados Unidos, Europa e Latinoamérica. En paralelo, desenvolveranse os devanditos concertos promocionais, aos que estarán convidados os acreditados no encontro.
O próximo 30 de abril dará comezo a sección oficial do VIII Festival Primavera do Cine en Vigo. Nesta ocasión, para o apartado de curtametraxes, realizouse unha selección de 34 traballos divididos en tres categorías diferentes: curtas galegas, curtas lusófonas e curtas de animación. Entre as obras escollidas cabe destacar Madness de João Viana ou Altas cidades de Ossadas, de João Salaviza, ambas estreadas na Berlinale, Mariñeiro de Juan Galiñanes, unha peza documental con Celso Bugallo ou Americano, o último traballo do vigués Fon Cortizo. En definitiva, a octava edición do Primavera do Cine mostrará creacións dunha gran calidade artística.
A exposición amosa un total de 12 paneis que achegan ao visitante á persoa de Antonio Fraguas. Deste xeito, o panel Universo Insuela fai referencia á infancia e ao contacto que Antonio Fraguas tivo desde o berce coa cultura popular. En 'O destino non estaba escrito' preséntase un punto de xiro na vida daquel neno que parecía abocado a emigrar ao Brasil e Pontevedra, o primeiro agromar galeguista fala dos seus anos como alumno de secundaria e da decisiva influencia dos profesores que atopou na cidade do Lérez, como Castelao, Sobrino Buhigas ou Losada Diéguez. Así mesmo, 'Santiago, a cidade no corazón', aborda a súa etapa como estudante universitario, que trae o ingreso no Seminario de Estudos Galegos e nas Irmandades da Fala.
Tras a experiencia positiva do ano pasado, este ano volve celebrarse en Santiago o II Congreso Internacional O Camiño do Medievalista baixo o lema Et Ultreia que tradicionalmente os peregrinos do Camiño de Santiago adoitaban para incentivarse no esforzo de ir máis aló ata chegar á tumba do Apóstolo. O encontro terá lugar no Paraninfo da Universidade compostelá entre os días 24 e 26 de abril e conta co apoio e a colaboración da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, a Universidade de Santiago de Compostela, o Departamento de Historia da USC e o Centro de História da Sociedade e da Cultura da Universidade de Coimbra. Están previstos tres relatorios de recoñecidos especialistas no ámbito dos estudos filolóxicos, históricos e artísticos dedicados á Idade Media.
Mañá, sábado, ás 12,00 h., na igrexa nova de Guitiriz, vaise entregar o título de FILLO ADOPTIVO DO CONCELLO DE GUITIRIZ ao crego e activista cultural Alfonso Blanco Torrado. No acto, que será conducido polo xornalista Xulio Xiz, actuarán o Gaiteiro Raul Galego, a Banda de música de Guitiriz, dirixida por Abel Riveira Pena e a Coral Xermolos, que dirixe Manuel Vizcaíno.
Se o ciclo de recitais da Concellaría de Culturas da Coruña reúne cada mes unha voz en galego e outra chegada de calquera outro recanto do mundo, neste segundo recital da décima edición de POETAS DI(N)VERSOS presentará dous poetas cuxas orixes familiares hai que situar no interior lugués. Será o vindeiro luns 26 de novembro, coma sempre ás 20:30h no Auditorio do Centro Ágora da Coruña.
Quedou aberta a exposición 'Os Micromedios Lucenses', que recolle preto dun cento de publicacións da provincia de Lugo que viron a luz entre 1975 e 1984, nos primeiros anos da democracia. A exposición ten a súa orixe na tese doutoral da profesora Rosa Cal, Doutora en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, que estudou a prensa dos "micromedios" galegos neste período da nosa historia.
O ciclo cultura Asaltos! clausurouse este sábado subindo ao ring creativo da Cidade da Cultura de Galicia á filóloga Chus Nogueira xunto aos poetas galegos Antón Blanco e Elías Portela, Premio Minerva e Premio Poesía Afundación, respectivamente, e arbitrados neste 'combate' por Silvia Penas, poeta, filóloga e vocalista do grupo Cinta Adhesiva.
O Centro Dramático Galego (CDG) e a compañía Pistacatro Produtora colaboran para ofrecerlles aos profesionais do circo e das artes escénicas galegas o taller O actor de circo, por un adestramento creativo, a cargo do italiano Roberto Magro.
A 3ª edición de SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2018, Festival Internacional e Certame de Creación de Dúos e Solos que terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense os días 23 e 24 de novembro 2018. A terceira edición contará con artistas de Galicia, País Vasco, Madrid, Cataluña, Asturias, Alicante, Valencia, Santander, Zaragoza, Murcia, Albacete, Sevilla, Portugal, México, Costa Rica, etc.
A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu a presentación de Todos tenemos un muerto, terceira novela do médico santiagués afincado en en Lugo, Francisco Javier Neira Pampín, editada por GaliciaDigital, escrita cunha prosa áxil, con todos os ingredientes do xénero policíaco e na que non falta o seu toque de humor persoal.
Entre o 17 e o 18 de novembro de 1918 as Irmandades da Fala desenvolvían, no Teatro Lugo-Salón, a I Asemblea Nacionalista Galega. Neste encontro explicitaron os asistentes, e todas as agrupacións locais das Irmandades representadas, que o seu compromiso político facía que se denominaran nacionalistas galegos.
A banda María Fumaça, capitaneada por Uxía, será a convidada este sábado na gala final do Quero Cantar en que se decidirán os grupos gañadores na modalidade de infantil e xuvenil da terceira edición do certame musical da Deputación da Coruña. A coñecida banda dará inicio á festa interpretando as cancións que máis populares se fixeron nos últimos anos entre as nenas e os nenos galegos.
Hoxe, en Santiago, presentarase NO PERFIL DAS VERBAS, poemario de Baldomero Iglesias-Dobarrio (Mero), con debuxos de María Guerrero Rico. A presentación efectuarase ás 7,30 da tarde, na Libraría Couceiro, e nela participarán, ademáis do autor, Alfonso Blanco Torrado (Editor), David Otero, Pilar Sampedro e Xulio Xiz, aos que acompañarán a debuxante, María Guerrero, o gaiteiro Raul Galego, e o escultor Xosé Val Díaz-Valdi.