//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Consellería de Cultura e Turismo lanza unha visita virtual a Galicia, un relato no mundo para achegar os seus contidos a todas as persoas que, debido ao peche do Museo Centro Gaiás, quedaron sen posibilidade de descubrir a exposición de maior éxito da Cidade da Cultura. A mostra, que estaba previsto manter aberta ata o 12 de abril, non recibe visitas desde o 13 de marzo, día no que a Xunta de Galicia declarou a emerxencia sanitaria, que supuxo o peche dos museos e outras instalacións como medida de precaución fronte o avance da pandemia. Nesa data, un total de 43.035 persoas achegáranse xa a Galicia, un relato no mundo, o que supón unha media de 426 visitantes ao día, cifra récord no rexistro do Museo Centro Gaiás.
A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón para o período que dure o estado de alarma por mor do coronavirus unha programación con abondosas actividades de lecer cultural a través de Internet. Propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións. Trátase dunha etiqueta á que se convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura. A iniciativa pretende recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais teñen na construción social de Galicia, e que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no fogar.
Marián Bañobre dirixe 'O premio' a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que levan a escena Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, quen é candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción do Centro Dramático Galego. Ideada como creación colectiva, O premio é unha comedia aceda ambientada nun futuro próximo, no que o progreso tecnolóxico e a presión por lograr o éxito laboral, sentimental e social levan os cidadáns a un estado de desánimo e frustración, agravado por unha gran crise económica por mor do envellecemento da cidadanía. Para enfrontar esta situación, os dirixentes poñen en marcha unha insólita e popular medida: crear un reallity en directo.
A sala Garufa Club da Coruña, unha das 20 asociadas este ano á Rede Galega de Música ao Vivo, acolleu a presentación da programación que se desenvolverá ata finais de ano no seo deste circuíto profesional. Incorpóranse este ano cinco novas salas ao circuíto respecto a 2019: Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño, Auriense de Ourense e El Contrabajo de Vigo. Ademais, repiten como parte do circuíto Bâbâ Bar e Garufa da Coruña, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSON de Cangas, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Náutico do Grove, Borriquita de Belem, Casa das Crechas e Sala Moon de Santiago de Compostela, A Arca da Noe de Vilar de Santos, e La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo.
Coincidindo co 325º aniversario do ilustre berciano Frei Martín Sarmiento, o Bierzo celebra o seu Día da Lingua Galega nas localidades leonesas de Vilafranca, Cacabelos e Corullón. Os actos estiveron organizados pola Comisión Cultural Martín Sarmiento. A xornada festiva iniciouse no Teatro Villafranquino Enrique Gil Carrasco cunha homenaxe ao poeta berciano Ramón González-Alegre co gallo do centenario do seu nacemento, homenaxe que se prolongou cunha visita á casa natal do poeta e mais unha ofrenda floral ante o monumento ao escritor. A segunda metade da mañá estivo ocupada pola actividade de dinamización lingüística Enredando con Pakolas, a cargo de Paco Cerdeira. A celebración desprazouse pola tarde ao salón de actos do Marca, en Cacabelos, onde se presentou a III edición dos Premios Morales para a promoción da lingua.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle desde hoxe e ata o vindeiro 30 de agosto a mostra 'Museo (do ermitán) Man' que recolle a creación artística de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle. Trátase dunha exposición na que se lle rende homenaxe a este artista e na que se recolle a esencia da súa creación entre os anos 1969 e 1978. A mostra inaugurada no CGAC está composta por unha selección de 606 fotografías, debuxos e escritos integrados no denominado Museum vom Einsiedler Man. Camelle (A Coruña). Moitas destas imaxes foron retocadas retocadas polo autor modificando as súas medidas orixinais, pintando directamente sobre as mesmas, engadindo comentarios e perfilando as siluetas das figuras captadas.
Destacan no programa as seis palestras sobre asuntos que lles afectan directamente aos integrantes da industria musical (festivais, fórmulas de apoio á música, asociacionismo, oportunidades de financiamento á produción, contratación internacional e salas de concertos), as reunións personalizadas ou os showcases de Magín Blanco e A Banda das Apertas, Luca Argel, Silvia Penide, Ezetaerre, Barry White Gone Wrong, Xacobe Martínez Antelo Trío e Oîma. Unha parte da programación ábrese ao público xeral, comezando polo concerto de benvida coa cantante galega Uxía e o portugués Rui David, nun espectáculo no que tamén actuarán Nastasia Zürcher, Dios Ke Te Krew e Dealema.
O xurado acordou concederlle o premio da categoría de infantil e primaria á mostra 'Recordando Carvalho Calero', do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña), por combinar da forma máis axeitada a beleza estética, a calidade da lingua e o recurso ás tecnoloxías da información e da comunicación máis innovadoras (como a realidade aumentada). Polo que se refire á exposición Unha vida polo galego, do IES Ferrol Vello, o xurado destacou que consegue plasmar a vida, obra e época de don Ricardo Carvalho Calero nun conxunto harmonioso de carteis nos que son de salientar a modernidade e a acertada selección da información, alén da súa unidade.
A exposición Don Ricardo de Fingoi, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, foi presentada no Ateneo Ferrolán, onde permanecerá ata o vindeiro luns. Ao acto de inauguración asistiron a presidenta do Clube de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto, o presidente do Ateneo, Xabier Montero Dongill, o concelleiro de Cultura de Ferrol, Antonio Golpe Díaz, o secretario xeral de política lingüística, Valentín García Gómez, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e publicou a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.
Ricardo Carvalho Calero residiu en Ferrol apenas 29 dos seus 80 anos de vida, en tres etapas. Os longos espazos de tempo lonxe da súa patria nativa debéronse aos seus estudos universitarios, á expatriación involuntaria a conta da sublevación militar de 1936, á guerra subseguinte, á estadía no cárcere como preso político e, desde 1950, á docencia en Lugo e en Compostela. Concibido en principio como separata da Revista Ferrol-Análisis, o volume aborda o Ricardo Carvalho Calero máis ferrolán e é obra dos ferrolterrás de orixe ou adopción Antonio Blanco Carballo, Esperanza Piñeiro de San Miguel, Bernardo Máiz Vázquez (coordinador), Delia Vázquez, Xosé Mª Dobarro Paz, Ramón Loureiro, Jose-Martinho Montero Santalha, Xaime Bello Costa e Elvira Roiz Mesías.
O discurso expositivo desta mostra, que representa un amplo abanico de temas, técnicas e estilos de Luís Seoane, está dividido en catro grandes bloques temáticos que ocuparon un importante lugar no seu universo iconográfico. O primeiro deles está dedicado á muller galega, o segundo á natureza e á paisaxe, o terceiro á guerra e a denuncia social e o último céntrase nos mitos, tradicións e lendas con referencias a fantasías ou contos populares.
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta unha nova proposta musical na súa sede da Coruña. Nesta ocasión os instrumentos de vento serán os protagonistas no ciclo de concertos denominado «Cataventos» no que participarán o cuarteto de trompas Catrocores (5 de decembro), o quinteto Zoar Ensemble (12 de decembro) e o grupo Hércules Brass (19 de decembro).
O compositor chileno Álvaro Núñez Carballunca é o gañador do XIII Premio Andrés Gaos de composición musical, convocado pola Deputación da Coruña, coa súa obra "Vía". O xurado decidiu tamén nomear finalista a obra Impresiones presentada polo madrileño Mario Carro Gigosos.
Da composición gañadora, da autoría de Álvaro Núñez Carballunca, o xurado destaca que "é unha obra de exquisita factura; unha proposta valente e moi contemporánea que introduce o mundo dos silencios".
O libro presenta unha biografía do prezado autor cun amplo álbum fotográfico destinado especialmente a dar a coñecer a figura de Neira Vilas ás novas xeracións. Pero ademais, a publicación incorpora un código para acceder a un dos títulos máis destacados do autor, Contos vellos para para rapaces novos, en formato audiolibro. Unha boa forma de achegarse a unha obra na que Neira Vilas recompilou algúns dos contos máis destacados da tradición oral dos cinco continentes.
Este 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, e tamén se celebra un novo recital do ciclo POETAS DI(N)VERSOS, a programación poética da que trae a Coruña o mellor da poesía galega e do mundo. No Auditorio do Centro Ágora, esta nova lectura pública de poemas reunirá dúas sensibles poéticas formuladas dende o xénero masculino.
A cidade de Ourense converterase un ano máis en referente da danza contemporánea coa 4º edición de SóloDOS en Danza. O certame desenvolverase o xoves 21 até o sábado 23 de novembro, cunha chea de actividades que lle achegarán a danza contemporánea a todo tipo de públicos. Esta edición contará con artistas de Galicia, País Vasco, Madrid, Cataluña, Asturias, Valencia, Santander, Zaragoza, Granada, Costa Rica, Ucraína, Chile, Ecuador e Arxentina entre outros.
O festival Cineuropa entra na súa terceira semana, na que acollerá a chegada á pantalla grande de dúas agardadas longametraxes galegas, 'Longa Noite' e 'Eroski Paraíso'. O festival abrirá espazos de diálogo en torno ao cinema con mesas redondas que achegarán a obra do director underground Jonas Mekas; a realidade dos festivais de cinema e o traballo que se fai dende a dirección de fotografía.
O sábado 23 de novembro terá lugar a IV Xornada da Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción, que se vai celebrar no Espazo Normal (Paseo de Ronda, 47 -como chegar-), na Coruña. As xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Esta zona comprende un conxunto de bens de diferente natureza situados no cumio e ladeiras do coto no que se localiza o castro, ocupado de xeito continuado desde a primeira Idade de Ferro pasando pola Idade Media ata a actualidade. Entre eles, figuran estruturas defensivas visibles como murallas, foxos e antecastros. Unha das principais singularidades de Castromao dentro do conxunto dos castros galegos é a cantidade, variedade e riqueza dos restos arqueolóxicos exhumados.
O certame Xuventude Crea fixo entrega este venres na Igrexa da Universidade dos seus galardóns nas categorías de fotografía e artes plásticas. Adriana Silva Fernández de A Estrada coa obra Cartografía do esquecemento e Alva Vidal Capón de Tui coa obra Non estou tola, a miña realidade é diferente á túa foron as participantes recoñecidas co primeiro premio na categoría de fotografía. En arte plásticas, resultou vencedora Carlota Álvarez Feijóo de Piñor coa pintura A destrución de Adán.