
"Vía" de Álvaro Núñez Carballunca é a obra gañadora do XIII Premio Gaos de composición musical segundo a decisión unánime do xurado que decidiu outorgarlle os 6.500 cos que está dotado o premio ademais da posíbel estrea da obra Orquestra Sinfónica de Galiza, para o que a Deputación promoverá as xestións oportunas. Tamén por unanimidade, o xurado decidiu nomear finalista a Mario Carro Gigosos coa súa obra "Impresiones".
O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, Xosé Xurxo Couto, coa xefa de servizo Mercedes Fernández-Albalat como secretaria e composto por Carmen María Ferreiro Soto, Mª Luisa Manchado Torres, Manuel Martínez Burgos, Mª de la Paz Pita Vázquez e Florian Vlashi Velaj.
Da composición gañadora, da autoría de Álvaro Núñez Carballunca, o xurado destaca que "é unha obra de exquisita factura; unha proposta valente e moi contemporánea que introduce o mundo dos silencios, o que é unha interesante suxestión para o público, xa que propón unha nova forma de escoita, diferente e sosegada".
Núñez Carballunca naceu en Santiago de Chile e creceu en Coyhaique, formándose musicalmente na capital chilena coa Licenciatura de Música, Máster en Artes con mención en Composición talleres de composición con Andrés Alcalde e tamén en Italia, no Conservatorio de Milano. Na actualidade vive en Roma.
En canto á obra Impresiones de Mario Carro Gigosos, o xurado apunta que ten "unha altísima calidade, un acabado brillante, unha escrita clara e un concepto orquestral ben definido e moi agradecido".
Na anterior edición, o gañador do Andrés Gaos foi Manuel Martínez Burgos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.