
E é que: como se constrúe hoxe a masculinidade? Que masculinidades queremos? Que significa ser un home hoxe, no noso e noutros países?
De xeito transversal, algunhas destas cuestións poderán responderse ao abeiro das voces de dous talentosos e intelixentes escritores, ambos nados a mediados dos 70 en distintos interiores: o interior transilvano e o interior lugués. En galego escribe o narrador, poeta e guionista Manuel Darriba e en romanés o poeta e prosista Dan Coman. Se o primeiro nos sorprendía hai uns meses cun novo e cuarto poemario Santa morte (Galaxia, 2019) o segundo acaba de lanzar o seu primeiro libro en tradución ao castelán, editado polo referencial selo independente de La Bella Varsovia en versión de Elena Borrás: El insectario Coman.
Neste novo evento capaz de achegar o máis punteiro xénero poético actual, na voz dos seus autores e autoras, a ouvidos propios e estraños, a fundadora e condutora do acto a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño interpretará as súas propias traducións ao galego dos poemas que recite Coman en lingua orixinal. A nosa lingua servirá así de hóspede a unha das carreiras literarias máis interesantes da Romanía actual, xusto a continuación de soar nos versos do sarriao Manuel Darriba, licenciado en Xornalismo e Filosofía e premiado co Espiral Maior, co González Garcés e co Lueiro Rey mentres escribe para varias series e programas da TVG.
Os dous poetas, capaces de botar unha mirada ás veces irónica e outras transformadora, mais nunca compracente, sobre a realidade, asinarán ao remate exemplares das súas obras. Así se poñerá o ramo a esta sesión mensual da undécima edición do prestixiado ciclo que continúa ata o vindeiro xuño. Premio da Crítica Galicia á Mellor Iniciativa Cultural 2014, este segue a ser o único programa que significa unha cita regular e continuada coa poesía internacional en todo o Estado español.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.