
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou hoxe na Coruña a mostra Luis Seoane do Museo de Belas Artes da Coruña. O legado de Maruxa Seoane, onde se fai un achegamento á obra de Luís Seoane incluíndo obras desde principios dos anos 50 ata pouco antes do seu falecemento, en 1979. Trátase dunha gran exposición impulsada pola Xunta de Galicia na que, coincidindo co ano no que a Real Academia de Belas Artes dedicou o Día das Artes Galegas á figura deste polifacético pintor, faise un especial acento na persoa de Maruxa Seoane, como promotora do importante legado de Seoane.
Durante a inauguración, o titular de Cultura e Turismo subliñou a figura de Luís Seoane e referiuse a el como un referente fundamental para a cultura galega. Seoane representa mellor que ninguén o sentir político e cultural da emigración galega nas Américas, destacou antes de explicar que a mostra exposta no Museo de Belas Artes da Coruña ofrece unha parte pouco coñecida para a opinión pública da súa obra.
O discurso expositivo desta mostra, que representa un amplo abanico de temas, técnicas e estilos de Luís Seoane, está dividido en catro grandes bloques temáticos que ocuparon un importante lugar no seu universo iconográfico. O primeiro deles está dedicado á muller galega, o segundo á natureza e á paisaxe, o terceiro á guerra e a denuncia social e o último céntrase nos mitos, tradicións e lendas con referencias a fantasías ou contos populares.
A exposición incorpora tamén unha sección introdutoria de carácter pedagóxico onde se se desmenuzan, baixo unha formulación estritamente didáctica, as distintas facetas profesionais desenvoltas por Luís Seoane e as técnicas que empregou ao longo da súa traxectoria. Ademais, como actividade educativa complementaria, o Museo de Belas Artes da Coruña ten programadas visitas guiadas a centros escolares, grupos e visitantes individuais, así como obradoiros de gravado onde se traballarán as técnicas empregadas por Seoane.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.