Noticias

O I Mumi de Verín presenta o seu programa de conexión musical entre Portugal e Galicia

Destacan no programa as seis palestras sobre asuntos que lles afectan directamente aos integrantes da industria musical (festivais, fórmulas de apoio á música, asociacionismo, oportunidades de financiamento á produción, contratación internacional e salas de concertos), as reunións personalizadas ou os showcases de Magín Blanco e A Banda das Apertas, Luca Argel, Silvia Penide, Ezetaerre, Barry White Gone Wrong, Xacobe Martínez Antelo Trío e Oîma. Unha parte da programación ábrese ao público xeral, comezando polo concerto de benvida coa cantante galega Uxía e o portugués Rui David, nun espectáculo no que tamén actuarán Nastasia Zürcher, Dios Ke Te Krew e Dealema.

A organización do MUMI Verín’20, I Encontro Profesional de Música Galicia-Portugal, anunciou hoxe o calendario completo das actividades que desenvolverá nesta vila ourensá do 12 ao 14 deste mes e para a que conta co apoio do programa da Xunta de Galicia O teu Xacobeo, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe nesta presentación xunto a Diego Lourenzo e Emilia Somoza, tenente de alcalde e concelleira de Cultura do Concello de Verín; Ana Villarino, deputada de Turismo da Deputación Provincial de Ourense e os representantes da organización do encontro: Emi Candal, de Urdime SCG, e Inés Portela, de Madapro, pola banda galega, e José Costa, de Banzé, pola portuguesa.

Dinamización cultural cara o 2021

Sutil destacou a rapidez coa que esta primeira edición do evento concitou unha importante resposta tanto en número de inscricións profesionais, que nestes momentos sobrepasa xa o centenar, como en artistas interesados en participar, superando as primeiras previsións arredor do MUMI e confirmándoo como unha das citas claves de O teu Xacobeo, o programa da Xunta para impulsar a dinamización cultural en Galicia coa ollada posta na celebración do vindeiro Ano Santo.

O responsable da Agadic enmarcou este I Encontro Profesional de Música Galicia-Portugal no traballo conxunto que se está a levar a cabo desde ambas as beiras do Miño a través de diferentes iniciativas que fomentan a conexión cultural co país veciño e contan, así mesmo, coa implicación da Consellería de Cultura e Turismo, como é o caso de Nortear, o festival Cantos na Maré ou o programa teatral transfronteirizo Nós, coa participación directa do Centro Dramático Galego, entre outros.

En canto ao MUMI, subliñou o interese das súas propostas para os profesionais acreditados, como as seis palestras sobre asuntos que lles afectan directamente aos integrantes da industria musical (festivais, fórmulas de apoio á música, asociacionismo, oportunidades de financiamento á produción, contratación internacional e salas de concertos), as reunións personalizadas ou os showcases de Magín Blanco e A Banda das Apertas, Luca Argel, Silvia Penide, Ezetaerre, Barry White Gone Wrong, Xacobe Martínez Antelo Trío e Oîma.

Unha parte da programación ábrese, así mesmo, ao público xeral de xeito gratuíto, comezando polo concerto de benvida, que dará comezo o xoves 12, ás 19,30 h. coa cantante galega Uxía e o portugués Rui David como anfitrións dun espectáculo no que tamén actuarán Nastasia Zürcher, Dios Ke Te Krew e Dealema.

Ademais, tanto o xoves como o venres, as últimas citas musicais da xornada compartiranse cos espectadores que así o desexen, previa retirada dos convites no despacho de billetes do Auditorio Municipal, tanto para as actuacións neste espazo como para as da Casa da Cultura, e de entrada libre para as que terán lugar en diferentes bares de Verín. Os galegos Familia Caamagno, Pálida e Os D’Abaixo mais os portugueses Cassete Pirata, Bad Legs e Spicy Noodles completan este cartel, que inclúe así mesmo animación e música e danza tradicionais nas rúas.

R., 2020-03-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES