Noticias

A lingua galega celebra o seu día grande no Bierzo

Coincidindo co 325º aniversario do ilustre berciano Frei Martín Sarmiento, o Bierzo celebra o seu Día da Lingua Galega nas localidades leonesas de Vilafranca, Cacabelos e Corullón. Os actos estiveron organizados pola Comisión Cultural Martín Sarmiento. A xornada festiva iniciouse no Teatro Villafranquino Enrique Gil Carrasco cunha homenaxe ao poeta berciano Ramón González-Alegre co gallo do centenario do seu nacemento, homenaxe que se prolongou cunha visita á casa natal do poeta e mais unha ofrenda floral ante o monumento ao escritor. A segunda metade da mañá estivo ocupada pola actividade de dinamización lingüística Enredando con Pakolas, a cargo de Paco Cerdeira. A celebración desprazouse pola tarde ao salón de actos do Marca, en Cacabelos, onde se presentou a III edición dos Premios Morales para a promoción da lingua.

Coincidindo co 325º aniversario do ilustre berciano Frei Martín Sarmiento, o Bierzo celebra hoxe o seu Día da Lingua Galega. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou, a canda 1146 estudantes de galego, na celebración do Día do Galego no Bierzo que tivo lugar nas localidades leonesas de Vilafranca, Cacabelos e Corullón. Os actos estiveron organizados pola Comisión Cultural Martín Sarmiento co apoio da Xunta de Galicia e da Junta de Castela e León, entre outras entidades.

Valentín García lembrou que este curso escolar “medrou en 34 o número de alumnos e alumnas que se incorporaron ao Programa de promoción do galego no Bierzo e Sanabria para estudar o galego e en galego” e expresou a súa satisfacción porque “cada ano somos máis os que nos reunimos aquí co fin de mostrar a nosa aposta pola lingua propia de Galicia e garantir o seu futuro nestas terras que, fóra das da nosa Comunidade, son tamén galegofalantes”.

De Vilafranca a Corullón

A xornada festiva iniciouse no Teatro Villafranquino Enrique Gil Carrasco cunha homenaxe ao poeta berciano Ramón González-Alegre co gallo do centenario do seu nacemento, homenaxe que se prolongou cunha visita á casa natal do poeta e mais unha ofrenda floral ante o monumento ao escritor. A segunda metade da mañá estivo ocupada pola actividade de dinamización lingüística Enredando con Pakolas, a cargo de Paco Cerdeira, dirixida a alumnado de infantil e primaria. A celebración desprazouse pola tarde ao salón de actos do Marca, en Cacabelos, onde se presentou a III edición dos Premios Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria organizada, co apoio da Xunta de Galicia e outras entidades, polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo.

De volta no Teatro Villafranquino Enrique Gil Carrasco, celebrouse a mesa de debate As arelas de Sarmiento na que participaron docentes e representantes das administracións educativas e de diferentes entidades culturais, que realizaron un seguimento das actividades levadas a cabo e concretaron novos compromisos coa lingua galega no Bierzo.

As celebracións remataron en Corullón coa presentación do libro de Elixio Ribas Unha cala no Bierzo Occidental (Corullón), publicado pola Comisión Cultural Martín Sarmiento en Edicións Positivas co apoio da Consellería de Cultura e Turismo.

Programa de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria

A celebración do Día do galego no Bierzo está dirixida fundamentalmente á comunidade educativa dos 19 centros adscritos ao Programa de promoción da lingua galega nestes territorios galegofalantes xurdido da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León. Deles, 14 son CEIP ou CRA e 4 IES, ademais da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

Por terceiro ano consecutivo, verificouse un incremento de alumnado, tanto nos ensinos infantil e primario coma no secundario e na escola oficial de idiomas: sobe en 14 estudantes no primeiro caso, en 15 no segundo e en cinco no terceiro, 34 en total. Así, os datos de alumnado quedan como seguen: 941 alumnos na educación infantil e primaria (fronte aos 927 do curso anterior), 148 alumnos na educación secundaria (fronte aos 133 do curso anterior) e 57 alumnos na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada (fronte aos 52 do curso anterior).

R., 2020-03-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-mare-2026.jpg) O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas. A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
Foto de la tercera plana (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.

Notas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos das universidades de Santiago e Vigo. Esta distinción valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvoltas na nosa comunidade, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas. A entrega dos galardóns terá lugar durante o acto do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o vindeiro 8 de outubro en Santiago.
O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, vén de recoñecer sete iniciativas que destacan pola súa contribución á igualdade de xénero, á loita contra a violencia machista e á defensa da diversidade sexual. O certame terá unha contía final de 82.787 euros, a repartir entre as sete propostas. A deputada de Igualdade, Sol Agra, presidiu o xurado, que tivo como secretaria a Eva Ovenza, xefa da sección de Igualdade e Dereitos Civís, e como vogais a Adrián Manuel Gonçalves Barbosa, Lucía Canoura Sánchez e Jose Alberto Rodriguez Bello.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES