//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O escenario do Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 ten unha cita este venres ás 22,30 horas coa artista Mounqup. Francesa de nacemento pero galega de adopción, Camille Hèdoin, o seu auténtico nome, caracterízase polos ritmos de música jazz, electrónica e folk. Conta con dous discos ás súas costas e está traballando nun terceiro que verá a luz en breve. Ademais, foi a impulsora da recuperación da aldea de Saumede (Ourense) como punto de convivencia cultural onde cada verán xestiona un festival multidisciplinar.
A Biblioteca de Galicia reinicia en setembro a programación coa que celebra o seu décimo aniversario. Esta semana volve poñer en marcha o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros, deseñado co obxectivo de que algunhas das nosas voces narradoras máis representativas compartan co público as súas suxestións literarias. A primeira cita será este venres 3 ás 19,00 horas coa autora Final Casalderrey. De novo na compaña doutras persoas relevantes da nosa cultura, as autoras e autores que participarán nestas novas sesións seleccionarán un título da nosa literatura que servirá de fío condutor dunhas conversas únicas e persoais.
Vén de resolverse a XXII edición do Premio Elías Valiña, o galardón co que distingue o labor revitalizador dos valores do Camiño de Santiago. Como se publica no Diario Oficial de Galicia, este ano recae de xeito conxunto nas Asociacións de Amigos del Camino de Santiago en Ávila e na de Hungría. Ademais, o xurado decidiu recoñecer a título póstumo ao médico e antropólogo compostelán José Carro Otero, falecido recentemente, cunha mención especial pola súa contribución á divulgación e investigación da Ruta Xacobea.
A Cidade da Cultura de Galicia acollerá do 3 ao 4 de setembro a celebración do encontro Mulleres e Cultura Urbana, un evento impulsado por 7H Cooperativa Cultural co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 que procura fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico na abordaxe das desigualdades de xénero no sector. Esta segunda edición quere consolidar a iniciativa e convertela en referente iberoamericano na promoción da cultura urbana como patrimonio cultural contemporáneo desde unha perspectiva anovadora. Con ese obxectivo, desenvolve dúas xornadas de análise, exhibición e creación artística colectiva en clave de xénero arredor da cultura urbana galega.
Ata o vindeiro xoves, os artistas emerxentes participantes no EAN11 poderán darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Os participantes convivirán tamén con tres observadores ou art followers, tres nomes de recoñecida traxectoria que, desde o seu traballo no eido curatorial ou do xornalismo cultural apoian os novos creadores e seguen de preto as novas tendencias da arte emerxente. Neste caso, serán o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola; o artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña, e a comisaria e directora artística das feiras JustMAD (Madrid) e JustLX (Lisboa), Semíramis González.
As entradas dos Concertos na fin do mundo xa se esgotaron practicamente nas 4 actuacións previstas ata mediados de setembro en 4 faros galegos emblemáticos no marco deste ciclo incluído na programación do Xacobeo e en colaboración con La Caixa. Para a primeira actuación que se celebrará mañá no faro Cabo Silleiro de Baiona xa se venderon tódalas entradas para desfrutar da música de As Tanxugueiras. O mesmo ocorre co previsto para o 27 de agosto no faro Punta da Barca de Muxía con Dulce Pontes como cabeza de cartel e o do 10 de setembro no Punta Atalaia de San Cibrao de Cervo onde actuará Mikel Erentxun.
A Fundación Artesanía de Galicia, organiza o próximo sábado 21 de agosto en Sober o evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, co obxectivo de impulsar a comercialización do feito a man e dar difusión aos oficios tradicionais. A iniciativa, na que participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, estará aberta ao público nos pendellos do Santuario da Nosa Señora das Cadeiras. Así, no evento poderanse atopar pezas de olería, madeira, téxtil, xoguetes artesanais, xoiería, traxe tradicional e coiro. Cabe destacar a presenza de representantes de tres dos centros de olería tradicional que continúan activos en Galicia, como son Gundivós (Sober), Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e Buño (Malpica de Bergantiños).
A exposición 'Faraón. Rei de Exipto', froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación 'la Caixa' e o British Museum no marco do Xacobeo 21-22, despediuse da Cidade da Cultura tras congregar 76.367 visitantes desde o pasado mes de marzo. Convértese así na mostra máis concorrida da historia do Museo Centro Gaiás, tanto en números absolutos como en media diaria 621 visitantes mensuais. A estes datos, cómpre sumar tamén máis de 5.000 estudantes que participaron no programa de visitas didácticas a través de videoconferencia, unha iniciativa que achegou a exposición ás aulas de 121 centros de ensino.
O gaiteiro Anxo Lorenzo, as cantareiras As Tanxugueiras, Dulce Pontes e Mikel Erentxun participan no cartel que terá como escenario os faros de Baiona, Muxía, Ribeira e Cervo. Xunto e eles actuará tamén a dj galega Russihha e grupos emerxentes do panorama musical galego. Os concertos serán o 21 e o 27 de agosto e o 3 e o 10 de setembro, para grupos reducidos que van de 100 as 250 persoas dependendo das características do faro e do nivel de ocupación dese escenario natural, tendo en conta os protocolos de seguridade e as normas sanitarias. A proposta, ademais, persegue valores de respecto coa contorna, de igualdade e de diversidade.
A exposición 'Faraón. Rei de Exipto' pecha as súas portas este domingo 15 de agosto na Cidade da Cultura, onde continúa a congregar diariamente a centos de persoas visitantes para gozaren desta escolma de pezas procedentes das coleccións do British Museum, que poden verse no Gaiás froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación la Caixa e o propio museo británico, no marco do Xacobeo 21-22. A exposición, que achega por vez primeira a Galicia esta escolma de 140 pezas de arte exipcia con máis de 3.000 anos de historia, explora o simbolismo e o ideario da monarquía do país do Nilo, á vez que tenta desvelar as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou esta antiga civilización.
A próxima cita do programa de poesía do Concello da Coruña chega este luns, mais adiantará media hora o seu horario habitual por mor das actuais restricións, e o limitado aforo cubrirase por orde de chegada ao Auditorio do Centro Ágora. Ademais, o evento poderá seguirse por streaming dende a web das Bibliotecas Municipais da Coruña. Os convidados desta sesión do noveno Ciclo POETAS DI(N)VERSOS serán Ángelo Néstore e Ismael Ramos.
O Museo Gaiás acolle as obras finalistas da especialidade de graffiti do programa Xuventude Crea 2020. O programa Xuventude Crea, que este ano acada a súa 11ª edición, é un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, creatividade e innovación dos mozos e mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, entre os 16 e os 30 anos.
Carme Varela obtivo coa súa obra As desterradas o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais na edición do seu vixésimo quinto aniversario. O xurado dos galardóns literarios outorgou tamén o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para adultos e para rapaces a Esther F. Carrodeguas por República Sideral e a Carlos Losada-Galiñáns por Pois eu!, respectivamente.
A exposición 'Arquitecturas debuxadas' propón un itinerario visual inédito por Compostela a través dos debuxos do arquitecto, debuxante e pintor Santiago Catalán. O autor leva seis anos recollendo elementos das arquitecturas máis representativas das cidades galegas, o que se ten materializado na publicación de dúas obras sobre Lugo e Santiago. Esta mostra poderá visitarse no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o vindeiro 28 de febreiro.
Con motivo da celebración do Día do Patrimonio máis de cen entidades mobilizaranse na rede para dar visibilidade ó seu compromiso co patrimonio galego. Dende o ano 2017 as entidades adheridas á Rede do Patrimonio enchen o mapa de Galicia con actividades, roteiros, conferencias, visitas guiadas e moitas outras actividades. A situación sanitaria actual tamén implica un cambio no xeito de celebrar esta data.
Sara Plaza Moreno acadou o XXXIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, un galardón instituído pola directiva do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene en 1987 coa vontade explícita de honrar a memoria do Segrel do Penedo. O xurado encargado de fallar este premio, cuxa entrega está prevista para o 21 de novembro, estivo formado pola poeta Lucía Novas, a crítica literaria Iris Cochón e Carlos Lixó.
No apartado de Artes Plásticas o primeiro premio foi para Adriana Brantuas Arijón, coa escultura A memoria do baleiro (Santiago de Compostela); o segundo recaeu en María del Mar Ramón Soriano pola súa peza escultórica titulada Desnudo, juego de bolos (Ourense); e o terceiro premio resultou compartido entre Sara Piñeiro Fernández, coa pintura Pandermia serie magma, simulacións do corpo ubicuo (Lalín) e María López Quiroga pola obra pictórica Atlas de xeografía cognitiva (Lugo).
Contarán coa achega económica das Áreas de Cultura do Concello de Vilalba e da Deputación Provincial de Lugo, e a colaboración divulgadora da web Culturalia GZ. Este libro nace co motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Unha antoloxía que amosará desde unha vertente poética e crítica a visión particular de 25 artistas da palabra e da imaxe arredor do 25 N.
Tras a interrupción de marzo por mor da declaración do estado de alarma, o Festival Atlántica vén de anunciar a continuación da súa oitava edición, que se vai celebrar entre novembro e decembro. A presentación tivo lugar este xoves, 29 de outubro, nunha rolda de prensa na que participaron Mercedes Rosón Ferreiro, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.
A través dela, amósase unha importante selección de obxectos e prendas de vestir, pertencentes na súa totalidade á colección de moda e indumentaria de Ana González-Moro, dama coruñesa que ao longo da súa vida recopilou vestidos, traxes e complementos de máis de cen anos de creación e que ata agora nunca foron expostos no seu conxunto. Son máis de trescentas pezas procedentes de herdanzas familiares, doacións e regalos do seu círculo de amizades.