
Fina Casalderrey abrirá estas sesións de faladoiros abertos no Auditorio Neira Vilas e estará acompañada na súa conversa por Eulalia Agrelo, profesora de Didáctica da Lingua da Universidade de Vigo. A súa charla terá como referencia Retrincos, a colección de cinco relatos autobiográficos de Castelao que Fina Casalderrey recoñece como un dos referentes na súa traxectoria literaria e persoal.
O ciclo continuará ata o mes de outubro coas intervencións de Pedro Feijoo (o 17 de setembro), Héctor Castiñeira (o 1 de outubro), Andrea Maceiras (15 de outubro) e Juan Tallón (o 29 de outubro) até completar a nómina dos dez participantes nestas xornadas que abriron no mes de xaneiro con Arantza Portabales, Ledicia Costas, Domingo Villar, María Solar e María Canosa.
Da súa man, as persoas asistentes descubrirán outras cinco pezas da nosa literatura que marcaron a súa traxectoria e que se suman ás exploradas nas sesións anteriores, como Que me queres amor?, (Manolo Rivas), Cartas de inverno (Agustín Fernández Paz), Cousas (Castelao), O misterio das badaladas (Xavier P. Docampo) e Berta non soubo voar (Concha Blanco). As obras seleccionadas para cada sesión iranse desvelando días antes de que teñan lugar cada un dos encontros, todos eles ás 19,00 horas na Biblioteca de Galicia.
As entradas dispoñibles para estas actividades serán de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura. Todos os eventos retransmitiranse en streaming na canle de Youtube da Cidade da Cultura.
Ampla programación
10 anos, 10 autores, 10 libros enmárcase no programa de actos cos que este ano a Xunta está a conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca, que inclúe exposicións temáticas sobre figuras como as escritoras Emilia Pardo Bazán ou a homenaxeada nas Letras Galegas, Xela Arias. Entre outras actividades, o Goberno autonómico tamén impulsará unha exposición retrospectiva que permita afondar nos 10 anos de historia da Biblioteca, e que se poderá visitar a partir do mes de outubro.
Trátase dunha mostra para coñecer de preto o labor e o rico patrimonio bibliográfico que atesoura que inclúe o depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia, así como o legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, obras e gravados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, obras de Carlos Casares ou a máis completa cartografía de Galicia forman parte dos fondos abertos a toda a cidadanía.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.