//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) retoma a actividade pública na súa sala de proxección tras o peche sanitario das últimas semanas. Farao con cinco das sesións adiadas, como o inicio da completa retrospectiva que lle dedicará ao icónico director hongkonés Wong Kar-wai e os coloquios virtuais cos realizadores Luis López Carrasco e Álvaro Orús con motivo da proxección das súas obras El año del descubrimiento e El principio del fin de las armas nucleares, respectivamente. O sábado volve a sección CGAI Júnior, na que poderá verse 'El niño y la bestia'.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma a partir de hoxe a súa actividade escénica e musical que, pese aos adiamentos por mor do peche sanitario das últimas semanas, mantén a súa previsión de ofrecer máis de 300 funcións durante este primeiro semestre do ano. Esta cifra será posible grazas á reprogramación durante os próximos meses de máis do 90% das 50 citas que tiveron que ser suspendidas por este motivo no seo do circuíto que promove a Xunta de Galicia en colaboración con 40 entidades locais de toda Galicia. O 10% pendente trasladarase á programación do segundo semestre.
O Centro Galego de Arte Contemporánea retoma a súa actividade presencial cunha ampla programación que inclúe tres novas exposicións e diversas actividades entre as que se inclúen debates, seminarios e encontros con artistas. Esta nova programación coa que o CGAC volve abrir as súas portas foi presentada polo secretario xeral de Cultura, que celebrou que a cultura poida gozarse de xeito presencial. A primeira das citas é o proxecto Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada, inaugurado hoxe e comisariado por Ángel Cerviño co fin de renderlle homenaxe aos 30 anos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
O Centro Dramático Galego levará o 26 de marzo a súa última produción, O charco de Ulises, aos centros educativos, co gallo da conmemoración do Día Internacional do Teatro. A través dunha conexión que se facilitará xunto co convite, o alumnado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato poderá gozar da adaptación do clásico grego dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso que foi estreada pola compañía en xaneiro. Trátase de apostar por achegarlle o teatro ao estudantado galego, ante as restricións de mobilidade e a suspensión das exhibicións por mor da covid-19.
Fixéronse públicos os premios do concurso de curtas Senda dos Faros, o certame escolar que naceu co obxectivo de poñer en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe da costa galega a través do audiovisual, e cuxo primeiro premio desta edición foi para o IES Plurilingüe A Cachada (Boiro) co proxecto 'Sálvora'. Este proxecto é unha reflexión dunha rapaza sobre o cambio climático, a relación entre a pandemia e o descoido da natureza por parte da humanidade e a despreocupación que sinte da sociedade cara estes feitos. A protagonista lanza unha mensaxe de esperanza nunha botella desde a illa para atopar persoas que, emulando ás Heroínas de Sálvora, se decidan a dar un paso adiante para a salvación do planeta.
Ponse en marcha unha visita virtual para a exposición As miradas de Isaac, aberta desde o 6 de novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e cuxo peche ao público pola actual situación da covid-19 obrigou a suspender as visitas presenciais desde o 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro. A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentou hoxe en rolda de prensa esta nova aplicación dixital e que encadrou dentro da completa e variada programación en liña do Gaiás para ofrecer contidos culturais de calidade na rede, ante estas novas restricións que afectan ás actividades presenciais.
O Centro Dramático Galego está a dinamizar a creación e a innovación no teatro co seu novo programa 'Residencias cruzadas', que se vai desenvolver ao longo de febreiro e marzo con nove propostas creativas combinadas en cinco proxectos que inclúen accións dirixidas tanto aos profesionais do sector como á cidadanía. Deste xeito, o CDG busca facilitarlles ás compañías un espazo para o encontro, a reflexión e a investigación, poñendo á súa disposición o Salón Teatro de Santiago, nun momento no que as exhibicións están suspendidas por mor das restricións da covid-19. A iniciativa ten tamén como obxectivo achegarlle o proceso de creación escénica ao público, con accións formativas e encontros abertos.
A versión renovada e ampliada do catálogo Shorts from Galicia, editado cada ano para a promoción exterior da máis recente produción galega no ámbito das curtametraxes, inicia a súa difusión internacional no Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se desenvolve integramente en liña ata o 6 de febreiro. Este encontro, referente mundial para os profesionais que se dedican á produción e distribución audiovisual neste formato, contará cunha destacada presenza galega, comezando por dúas das súas seccións a concurso: a competición internacional, na que se exhibe Os corpos, documental de Eloy Domínguez Serén sobre os entroidos ourensáns, e a Labo, onde foron seleccionados o documental experimental Augas abisais, de Xacio Baño, e a fita de animación Homeless Home.
O festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, promovido pola Xunta de Galicia para fomentar a creatividade e o gusto polo audiovisual entre os públicos máis novos, continuará o seu desenvolvemento a través da rede. Entre o sábado 30 de xaneiro e o luns 1 de febreiro, o público poderá ver desde as súas casas a escolma de curtametraxes do festival organizada en catro sesións a través da plataforma tv.festhome.com. En cumprimento das medidas sanitarias de contención da pandemia da covid-19, a Cidade da Cultura suspende así as proxeccións presenciais pero continúa a desenvolverse exclusivamente en liña.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade promove a creatividade e o gusto polo audiovisual entre os máis pequenos e pequenas cunha nova edición do festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, que mañá arranca na Cidade da Cultura de Galicia, podendo verse tamén, por vez primeira, a través da rede. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou esta mañá no Gaiás a programación e novidades desta quinta edición de Pequefilmes, acompañada do director do festival, Jorge Rivero, e do director da Agadic, Jacobo Sutil.
A importancia da mestría e oficio deste xenio da arquitectura barroca propiciou que a Real Academia Galega decidise dedicar o Día das Artes Galegas deste ano á difusión da súa figura e traxectoria artística. Tendo en conta as especiais circunstancias na que se conmemorou esta data, o pasado 1 de abril a institución anunciou que ampliará a súa homenaxe ata 2021 e que levará a cabo unha serie de actividades e xornadas para difundir e poñer en valor a vida e obra de Domingo de Andrade.
As paisaxes do Barbanza-Arousa converteranse en escenarios emblemáticos que acollerán música e narración oral. Paisaxes Sonoras nace coa intención de poñer en valor a riqueza da contorna buscando a asociación de cultura, identidade e patrimonio como reforzo do noso acervo. Así, as catro localizacións onde terán lugar as diferentes manifestacións artísticas, non pertencen ao circuito turístico máis recoñecido, senón que se caracterizan por estar vencelladas á poboación de xeito máis transversal.
Úrsula Heinze (Colonia, 1941) é unha escritora de orixe alemá afincada en Galicia desde 1977. A súa última achega literaria, Flashes, publicada por Edicións Fervenza, reúne case duascentas prosas breves en que a autora rememora con humor crítico diferentes instantes e incidentes da súa vida. Son, en palabras da propia Úrsula Heinze, vivencias verdadeiras, os flashes iluminan distintas épocas do meu mundo e describen ambientes e persoas que me acompañaron ou que aínda hoxe están ao meu carón.
A escritora Guadalupe Gómez Arto, natural de Curtis (A Coruña), é a gañadora do sexto certame poético Rosalía de Castro 2020. O xurado, presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, reuniuse no salón de plenos da casa consistorial e acordou por maioría premiar a obra No encanto do aire, presentado baixo o lema Gong por Guadalupe Gómez Arto. Unha elección que se realizou tras varias votacións entre os traballos presentados nesta edición.
Talía Teatro regresa mañá aos escenarios coa estrea do seu novo espectáculo para público familiar, Voa, voa!, que poderá verse ás 20,00 h. na Casa da Cultura de Cee, localidade orixinaria da compañía, onde repetirá función o xoves 16, ás 12,00 h. 'Voa, voa!' poderá verse este mes de xullo en nos concellos de Noia, Carral, A Laracha, Moraña, Guntín, Foz, Vedra, Portas e O Carballiño, e durante agosto, no Pereiro de Aguiar, A Estrada, Ribadavia, Triacastela e Muros.
Os novos valores do cine lugués déronse cita no auditorio municipal Gustavo Freire no marco da gala do V Findecurta, un maratón audiovisual impulsado desde a Oficina de Cultura do campus de Lugo da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural no que tomaron parte máis de 70 persoas, agrupadas en sete equipos que concorreron ao certame con outras tantas curtas de novo cuño. Unha vez rematada a proxección das sete curtas completadas durante a última edición do maratón audiovisual Findecurta, o xurado deu a coñecer o seu fallo.
O conselleiro de Economía Francisco Conde, sinalou esta mañá que a nova web de Artesanía de Galicia se configura como o gran escaparate para impulsar a comercialización do sector, no que cobran protagonismo o produto, os artesáns e os oficios. Nun encontro con profesionais deste ámbito celebrado esta mañá en Noroeste Obradoiro, e que se puido tamén seguir de xeito telemático, Conde apuntou que a innovación e o deseño son as claves para que o sector siga sendo competitivo.
O pintor noiés Alfonso Costa propón unha reflexión profunda sobre o proceso creativo e a condición humana a través dos seus traballos dos últimos anos. Partindo do impacto causado polo desastre de Fukushima en 2011, cada un dos lenzos que integran a mostra Dentro do tempo convértense nunha metáfora pictórica sobre a transformación que o ser humano foi sufrindo a medida que a sociedade e a tecnoloxía avanzaron. A exposición inaugurouse este xoves no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
O festival de artes escénicas USCénica 2020 bota a andar este mércores 1 de xullo e estenderase ata o vindeiro día 18. A primeira das representacións teatrais, Os cans non comprenden a Kandinsky, correrá a cargo da compañía AveLina Pérez e terá lugar na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño a partir das 20.30 horas. O concerto de jazz a cargo de Pablo Sanmamed Trío, a partir das 21.45 horas, na terraza do auditorio da Universidade, completa a programación desta xornada inaugural.
Matinais clásicas propón unha viaxe desde o clasicismo de Mozart á música contemporánea galega de Joam Trillo, pasando por Crussel, Schubert ou Soutullo. Os concertos serán de balde, previa retirada de convite a través de Ataquilla.com, e o número de asistentes limitarase a un máximo de 100 persoas por actuación. O ciclo pecharase o 11 de xullo pola Real Filharmonía de Galicia, que volve aos escenarios con este concerto, tralo parón obrigado pola covid-19.