
Así, o CDG emitirá unha versión especial do espectáculo para adaptarse á organización dos centros de ensino e á linguaxe audiovisual. A exhibición en liña completarase cun coloquio no que participarán membros do equipo artístico e unha mostra do proceso de creación do espectáculo. Trátase, deste xeito, de motivar os máis novos a asistir ás funcións de O charco de Ulises que percorrerá Galicia na xira prevista para finais deste ano e coa que poderán gozar en vivo da representación nos escenarios.
Con esta actividade, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade busca promover a máxima interacción entre a realidade educativa e a das artes escénicas. Neste sentido, cómpre salientar que a Xunta está a desenvolver tamén o programa de visitas en liña para centros educativos Os segredos do Salón Teatro, no que o director do CDG, Fran Núñez, guía os participantes polas instalacións do edificio da súa sede escénica cunha explicación dos diferentes oficios que conflúen para facer posible cada representación.
Para a compañía teatral pública, a iniciativa dálle continuidade ao seu programa de difusión en liña, inaugurado o pasado 24 de xaneiro en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta, nunha emisión de O charco de Ulises que acadou 800 conexións desde 18 países en catro continentes.
O clásico homérico e a emigración galega
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero. No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.