Noticias

O CDG dinamiza o sector escénico co novo programa 'Residencias cruzadas', que inclúe nove propostas artísticas

O Centro Dramático Galego está a dinamizar a creación e a innovación no teatro co seu novo programa 'Residencias cruzadas', que se vai desenvolver ao longo de febreiro e marzo con nove propostas creativas combinadas en cinco proxectos que inclúen accións dirixidas tanto aos profesionais do sector como á cidadanía. Deste xeito, o CDG busca facilitarlles ás compañías un espazo para o encontro, a reflexión e a investigación, poñendo á súa disposición o Salón Teatro de Santiago, nun momento no que as exhibicións están suspendidas por mor das restricións da covid-19. A iniciativa ten tamén como obxectivo achegarlle o proceso de creación escénica ao público, con accións formativas e encontros abertos.

Residencias cruzadas comeza a súa andaina co proxecto Somos teatro. Teatro e inclusión social, creado pola actriz, directora e pedagoga teatral Chusa Pérez de Vallejo, e que procura investigar na inclusión desde unha perspectiva global. A súa proposta concluirá cunha formación en liña aberta a profesionais das artes escénicas e a todas as persoas interesadas en afondar na necesidade de xerar realidades teatrais inclusivas para que a discapacidade non impida traballar en igualdade de condicións. Baixo o título Somos os luns, a parte formativa desenvolverase os luns de febreiro a partir do día 8, de 20,00 a 22,00 h.

Variedade de propostas

O programa continuará a vindeira semana cos proxectos para a reflexión e a experimentación compartidos entre Diana Sieira, creadora de The Witch, e Helena Salgueiro, con Ferro, Federici. A través de lecturas comúns e complementarias, ambas analizarán do 9 ao 15 de febreiro a situación actual das mulleres, atendendo á historia da caza de bruxas como pano de fondo. Pola súa banda, a partir do día 13, Voadora, con Sincro, e Claudia Díaz Ferro, abordarán os ocos das memorias individuais no relato colectivo.

Asemade, Producións Dispersas, con Mentres dure a canción, e Mónica Sueiro, con 15 minutos, afondarán na metateatralidade e na loita do individuo por ser e estar no colectivo entre o 15 e o 20 de febreiro. Finalmente, do 21 ao 25 deste mes, Anómico Teatro, con Mosaico de Anxos, e Cía. Sr. López, con Manuela Rodríguez é unha inuit, realizarán lecturas complementarias sobre exilios e migracións.

Todas as residencias culminarán con encontros abertos ao público na segunda quincena de marzo. Residencias cruzadas supón para as compañías participantes un novo modelo de traballo, no sentido de que o CDG busca que propostas artísticas con temáticas, imaxinarios, idearios ou formatos semellantes poidan retroalimentarse. Trátase así de fomentar o encontro dos profesionais e de dinamizar o sector escénico a prol do enriquecemento de futuras exhibicións teatrais.

R., 2021-02-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES