Noticias

Unha visita virtual a 'As miradas de Isaac' para achegar a exposición ao público pese ás restricións sanitarias

Ponse en marcha unha visita virtual para a exposición As miradas de Isaac, aberta desde o 6 de novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e cuxo peche ao público –pola actual situación da covid-19– obrigou a suspender as visitas presenciais desde o 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro. A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentou hoxe en rolda de prensa esta nova aplicación dixital e que encadrou dentro da “completa e variada” programación en liña do Gaiás para ofrecer “contidos culturais de calidade” na rede, ante estas novas restricións que afectan ás actividades presenciais.

Precisamente, lembrou que ata este peche temporal, preto de 10.000 persoas achegáronse ao Museo Centro Gaiás a ver As miradas de Isaac, unha cifra que recolle as visitas libres sen inscrición e tamén as realizadas co persoal de guías do Museo Centro Gaiás. Ambas visitas estiveron condicionadas polos peches perimetrais e restricións de capacidade, en cumprimento das medidas de seguridade sanitaria e que non só reduciron o número de participantes permitidos, senón que tamén esixiu que, en certos momentos da pandemia, só puideran facerse grupos de conviventes.

No entanto, Ana Isabel Vázquez salientou que Cidade da Cultura palía esta situación co lanzamento desta visita virtual a As miradas de Isaac en tres idiomas (galego, castelán e inglés), no mesmo formato que a realizada para Galicia, un relato no mundo no confinamento de marzo de 2020.

Percorrido polas dez seccións, pezas destacadas e contidos audiovisuais

Desde xeito, a representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade incidiu en que con esta nova aplicación este peche temporal non hai impedimento para facilitarlles a todas aquelas persoas a visita a primeira grande exposición homenaxe a Isaac Díaz Pardo, tras o seu falecemento en 2012.

Así, a través desta visita virtual pódese navegar desde o ordenador ou desde calquera dispositivo móbil polas dez seccións e as súas máis de 500 pezas distribuídas polo andar primeiro do Museo Centro Gaiás, coas que se pretende afondar na vida e na multitude de facianas e proxectos dunha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX.

Este percorrido virtual permite pararse devagar en calquera desas seccións, nas que se destacan con información máis polo miúdo as obras máis salientables, entre as que se atopan o cadro Os afogados, metáfora-homenaxe aos represaliados polo fascismo na Guerra Civil; a impactante figura de cerámica Saturno devorando aos seus fillos; ou a mesa e cadeiras antropofórmicas, que reflicten a aposta pola fusión entre modernidade e tradición polo que decantou o Laboratorio de formas impulsado por Díaz Pardo e Luis Seoane e co que proxectaron a recuperación de Sargadelos.

Ademais, na visita en liña tamén se accede a material audiovisual, entre o que destaca a videoinstalación dirixida pola fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz, neta de Díaz Pardo, en colaboración co realizador Jordi Cussó. Realizada a partir de materiais de arquivo, esta videoinstalación propón un encontro con Díaz Pardo, sendo el mesmo quen relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a súa figura, máis acorde coa súa propia visión vangardista.

Videoconferencias para os colexios

Esta visita virtual á exposición súmase ás visitas didácticas por videoconferencia co que o Museo Centro Gaiás achega desde o pasado 20 de xaneiro As miradas de Isaac aos centros de ensino, sen necesidade de que o alumnado de Educación primaria, ESO e Bacharelato ao que van dirixidas se despracen á Cidade da Cultura. A través da 70 emisións en liña programadas ata o 26 de marzo, serán máis de 2.000 rapaces e rapazas os que poidan afondar –sen saír da aula– na vida e proxectos de Díaz Pardo.

Con estas visitas en liña consolídase esta iniciativa que naceu como unha alternativa para os centros de ensino ás saídas escolares programadas, limitadas polas actuais medidas de contención da pandemia da covid-19. O proxecto arrancou con éxito coa exposición Galicia, de Nós a nós que rexistraron a participación de máis de 4.500 estudantes de ESO e Bacharelato de 51 centros galegos.

No caso das visitas didácticas en liña para As miradas de Isaac continúan activas as reservas por parte dos centros, aos que se lles anima con este tipo de actividades a tirar proveito das posibilidades da tecnoloxía que permiten a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, da man do equipo de guías do Museo Gaiás.

Toda a programación cultural en liña en cidadedacultura.gal

Finalmente, a directora xerente da Cidade da Cultura lembrou que a visita virtual e as didácticas para os colexios a través de videoconferencias son só dous dos múltiples recursos culturais en liña que a Cidade da Cultura ten activos a través da súa páxina web www.cidadedacultura.gal, entre os que se atopan a visita virtual a Galicia, un relato no mundo, festivais en liña, catálogos para descargar, streaming sobre novas tendencias culturais ou receitas de cociñas para a cativada creadas por unha escolma das mellores ilustradoras galegas e retos e enigmas de arte para resolver entre toda a familia

R., 2021-02-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES