Noticias

O IES A Cachada (Boiro), o IES Monte Neme (Carballo) e o conservatorio Xan Viaño de Ferrol gañan o concurso de curtas 'Senda dos Faros'

Fixéronse públicos os premios do concurso de curtas Senda dos Faros, o certame escolar que naceu co obxectivo de poñer en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe da costa galega a través do audiovisual, e cuxo primeiro premio desta edición foi para o IES Plurilingüe A Cachada (Boiro) co proxecto 'Sálvora'. Este proxecto é unha reflexión dunha rapaza sobre o cambio climático, a relación entre a pandemia e o descoido da natureza por parte da humanidade e a despreocupación que sinte da sociedade cara estes feitos. A protagonista lanza unha mensaxe de esperanza nunha botella desde a illa para atopar persoas que, emulando ás Heroínas de Sálvora, se decidan a dar un paso adiante para a salvación do planeta.

Pola súa parte, o IES Monte Neme de Carballo alzouse co segundo premio coa iniciativa Senda dos Faros. De naufraxios, faros e lendas: do Cemiterio dos ingleses a Camariñas, un proxecto centrado nos mitos e lendas arredor da Costa da Morte, alimentados polos numerosos naufraxios sucedidos nas súas augas. O afundimento do buque escola inglés Serpent, cuxos 175 tripulantes falecidos descansan e dan nome ao Cemiterio dos Ingleses, é un dos feitos narrados.

Finalmente, o terceiro premio foi para o CMUS Xan Viaño de Ferrol, cun proxecto denominado A melodía do faro, a historia dun fareiro de Cabo Prior namorado da música, con interpretación do propio alumnado do centro.

Poñer en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe desde o ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsou a iniciativa escolar Senda dos Faros no curso 2019-2020 cos obxectivos de promover o valor lingüístico, patrimonial e paisaxístico da costa galega ao longo do máis de medio cento de etapas que configuran o itinerario turístico, desde Tapia de Casariego (Asturias) ata Vila Nova de Cerveira (Portugal), para alén das etapas insulares de Ons, Cíes e Sálvora.

Nel contou coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-Agader, do Instituto de Estudos do Territorio (IET) e do Festival de Cans, co patrocinio da portuguesa Fundación Enerxías de Portugal Renovables (EDPR).

Destinado ao alumnado dos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparten ensinanzas de educación secundaria (ESO, bacharelato, formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio) e ensinanzas especiais de grao medio, contou coa colaboración de 18 centros educativos que presentaron 24 curtas dun máximo de cinco minutos de duración, segundo o establecido nas bases da convocatoria.

Os proxectos gañadores -accesibles en www.lingua.gal- recibirán respectivamente 1000 €, 600 € e 400 € para mercar material audiovisual ou literario en lingua galega; cadansúa figura representativa do galardón e diplomas acreditativos. A resolución feita pública pode consultarse no Portal da Lingua Galega e no Portal Educativo.

R., 2021-02-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES