
O acto estivo presidido polo reitor Antonio López, e, no mesmo, alén do propio artista, tomaron parte o alcalde de Noia, José Santiago Freire Abeijón; e Juan Manuel Monterroso Montero, coordinador do Máster Interuniversitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte, cuxo alumnado é o responsable do comisariado da mostra.
Alfonso Costa, nun discurso literario e emotivo, dedicado á súa compañeira, a escritora e xornalista Eva Veiga, cargado de referencias históricas e artísticas, recordou o seu paso pola sala de exposicións do Colexio de Fonseca que acolle a mostra, hai xa dez anos, e agradeceu tanto á Universidade, coma ao reitor e á vicerreitora de Igualdade Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, a oportunidade de facer esta mostra que me produce unha enorme ledicia e que é para nin un verdadeiro orgullo. Pola súa parte, o reitor valorou moi positivamente o traballo do artista, da Vicerreitoría e dos estudantes que se encargaron do comisariado da mostra, un traballo que é realmente unha forma de transferencia de coñecemento, afirmou.
Neste senso, as alumnas Corina Rodríguez e Sara Abal agradeceron a oportunidade de desenvolver este traballo de comisariado que foi para todo o alumnado unha magnífica experiencia que contribúe á mellora da docencia neste máster integrado por doce alumnas e dous alumnos. Nesta liña, Juan Manuel Monterroso Montero afirmou que esta práctica é un inicio de outras que deben continuar de tal maneira que a aportación da Universidade se vexa incrementada coa participación dos estudantes. O alcalde de Noia mostrou tamén a súa satisfacción por albergar no seu Concello a un autor da categoría de Alfonso Costa, un referente do mundo artístico a nivel do Estado español.
Volta ao esencial
Costa tamén incita a concibir, a través de toda unha serie de obras nas que a luz e as sombras manteñen unha intensa tensión interna, a volta ao esencial como o camiño que permita atopar eses rastros de humanidade perdidos, explica o artista. Obras de gran formato, intensos cromatismos, xeometría e figuración variables, así como unha sobriedade contida, son algúns dos trazos deste proxecto expositivo que se manterá aberto ata o 29 de agosto, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, na sala de exposicións do Colexio de Fonseca.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.