Noticias

Volve o cine á sala do CGAI co inicio do ciclo sobre Wong Kar-Wai e os coloquios cos directores Luis López Carrasco e Álvaro Orús

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) retoma a actividade pública na súa sala de proxección tras o peche sanitario das últimas semanas. Farao con cinco das sesións adiadas, como o inicio da completa retrospectiva que lle dedicará ao icónico director hongkonés Wong Kar-wai e os coloquios virtuais cos realizadores Luis López Carrasco e Álvaro Orús con motivo da proxección das súas obras El año del descubrimiento e El principio del fin de las armas nucleares, respectivamente. O sábado volve a sección CGAI Júnior, na que poderá verse 'El niño y la bestia'.

Mañá, ás 19,00 h., dará comezo con Days of Being Wild (1990) o ciclo Universo Wong Kar-wai, que ofrecerá as restauracións en 4k de sete dos seus filmes realizadas con motivo do vinte aniversario da estrea de In the Mood for Love (2000), título que o consagrou como imprescindible en calquera listaxe internacional de cinema de autor.

O especial da cinemateca da Xunta de Galicia inclúe tamén As Tears Go By (1988), que poderá verse este xoves ás 19.00 h, e xa en vindeiras datas Chungking Express, Fallen Angels, Happy Together, 2046 e a devandita In the Mood for Love.

Presentacións en liña

Tamén se reprograman nesta semana dous dos coloquios cinematográficos previstos inicialmente para finais do pasado mes de xaneiro. O mércores 24, ás 17,30 h., proxectarase o documental El año del descubrimiento, que tamén poderá verse o 2 de marzo, con motivo do que o CGAI conectará en liña co seu director, o realizador murciano Luis López Carrasco. Este novo traballo do autor de El futuro, considerado como unha figura única do cinema español, chega ás salas precedido dos premios nos festivais Cinéma du Réel de París, Bogotá, Toulouse ou Jeonju, así como do aplauso da crítica, que mesmo o definiu como o mellor filme español do ano.

Pola súa banda, o director aragonés Álvaro Orús presentará o venres 26, ás 19,00 h., outro documental: El principio del fin de las armas nucleares, no que recolle numerosos testemuños sobre a historia da ameaza nuclear a nivel mundial, os movementos na súa contra e os esforzos para incorporar ao dereito internacional o Tratado sobre a prohibición das armas nucleares. Xunto coa presentación en liña do seu realizador, o coloquio contará coa participación Marisa Fernández, presidenta da Asociación Mundo Sen Guerras.

Así mesmo, o sábado terá lugar unha nova cita coa sección CGAI Júnior, dentro da que ás 18,00 h. poderá verse El niño y la bestia, de Mamoru Hosoda.

A programación do CGAI, que durante o mes de marzo continuará recuperando as funcións adiadas, desenvólvese nunha única sesión diaria e con limitación da capacidade para dar cumprimento ao protocolo de control sanitario. Os pases son de entrada gratuíta

R., 2021-02-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES