Noticias

O Gaiás mantén exclusivamente en liña a programación do festival infantil de curtas 'Pequefilmes' para esta fin de semana

O festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, promovido pola Xunta de Galicia para fomentar a creatividade e o gusto polo audiovisual entre os públicos máis novos, continuará o seu desenvolvemento a través da rede. Entre o sábado 30 de xaneiro e o luns 1 de febreiro, o público poderá ver desde as súas casas a escolma de curtametraxes do festival –organizada en catro sesións– a través da plataforma tv.festhome.com. En cumprimento das medidas sanitarias de contención da pandemia da covid-19, a Cidade da Cultura suspende así as proxeccións presenciais pero continúa a desenvolverse exclusivamente en liña.

Precisamente o festival dou este ano por vez primeira o salto dixital, nunha aposta pola emisión a través da rede para potenciar o consumo de cultura nun momento marcado pola actual situación da covid-19.

Nesta quinta edición, Pequefilmes seleccionou un programa de 49 curtametraxes de ficción procedentes de 18 países, tanto animadas como de imaxe real, con técnicas, temáticas, puntos de vista e historias diferentes, que procuran promover o gusto polo audiovisual de calidade desde as idades máis novas, ademais de tentar desenvolver entre o público infantil actitudes de espectadores críticos.

Cinema fóra dos circuítos convencionais

O festival organizado pola consellería de Cultura, Educación e Universidade consolídase ano tras ano como unha oportunidade para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais internacionais de gran calidade que adoitan quedar fóra do seu alcance ao non atopárense nos circuítos de exhibición convencionais. Precisamente nesta edición, un total de 14 das curtas escollidas estréanse por vez primeira en España en Pequefilmes, mentres que a case totalidade do programa nunca pasou antes polas salas de proxección galegas. Deste xeito o festival, como evento para a exhibición de curtametraxes infantís, procura tamén estimular a produción deste tipo de obras, ofrecendo un espazo para achegalas ao público.

Entre as curtas escollidas atópanse obras seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes do mundo –como Clermont Ferrand, os Premios Max Ophüls, os Premios Quirino de Animación Iberoamericana, o Florida Animation Festival, o Animation Friendly Festival (Eslovenia), o International Children’s Film Festival of Jaipur, o BuSho – Budapest International Short Film Festival, ou o Rüsselsheimer Filmtage. Destaca espacialmente o caso de Blue & Malone: Casos imposibles, candidata ao Goya á mellor curta de animación e xa premiada en varios festivais internacionais, como o Something Wicked Film Festival (Lawrenceville, Georgia, EE.UU.) ou o MM Fest (Serbia).

Para poder seguir o festival desde a casa só hai que rexistrarse na plataforma tv.festhome.com e mercar a entrada para a sesión escollida (a un prezo de 5 euros) ou o abono para as catro sesións restantes do festival (15 euros).

R., 2021-01-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES