
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe a unión artística de Jaione Camborda, Max Estebam e Joan Fontcuberta na experiencia inmersiva Percepción e incerteza, coa que o Centro Galego de Arte Contemporánea arranca a súa programación de outono.
Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante da Xunta inaugurou esta proposta artística que permite o diálogo entre tres grandes creadores actuais que traballan coa imaxe en movemento desde perspectivas moi distintas, pero das que son nomes referentes, salientou ao respecto do cinema, de Jaione Camborda; do vídeo, de Max de Esteban, e da fotografía, de Joan Fontcuberta.
López Campos gabou o resultado reflexivo e crítico deste proxecto no que cada unha das pezas dos tres artistas aborda os conceptos de percepción e da incerteza desde canda súa disciplina. Deste xeito, Jaione Camborda afonda no universo dunha persoa xordocega en relación coas posibilidades e contradicións do mundo cuántico. Pola súa banda, a obra de Max de Esteban, reunida nun díptico, advirte desde unha perspectiva distópica da manipulación da ciencia ao servizo da bieconomía e da infopolítica. Mentres, Fontcuberta explora a maxia da intelixencia artificial e o seu potencial como xeradora de experiencias visuais inéditas.
Tras a inauguración esta mañá, os artistas manterán esta mesma tarde, ás 18,30 horas, unha conversa aberta ao público co comisario da mostra e director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, sobre a orixe e resultado deste proxecto, que poderá verse ata o 8 de febreiro.
Os creadores
A cineasta Jaione Camborda (Donostia-San Sebastián, 1983) traballa desde a materia, o corpo e a memoria para construír narrativas sensoriais e profundamente enraizadas no territorio. Formada na escolas de cinema de Praga e Munich, a súa carreira está ligada ao Novo Cinema Galego, como directora de arte ou produtora. Coa súa película O Corno foi a primeira directora española en gañar a Cuncha de Ouro no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián.
O artista Joan Fontcuberta (Barcelona, 1955) é tamén ensaísta, docente e comisario de exposicións. O seu traballo de creación soen centrarse nos conflitos entre natureza, tecnoloxía, fotografía e verdade, e foi obxecto durante catro décadas de numerosas mostras persoais e publicacións monográficas. A súa obra expúxose en museos como o MoMA, de Nova York; o Art Institute, de Chicago; o Maison Européenne de la Photographie, de París, ou o Science Museum, de Londres.
O artista visual Max de Esteban (Barcelona, 1959) traballa principalmente con fotografía e vídeo. É recoñecido polo seu compromiso social moi crítico co capitalismo contemporáneo. Os seus proxectos exhibíronse en institucións internacionais como o Jeu de Paume, de París; o Museo de Belas Artes, de Houston; o Deutsche Technik Museum ,de Berlín; a Virreina Centre de la Imatge, de Barcelona ou Palacio de Toquio, de París, entre outros moitos. A súa obra forma parte das coleccións de museos de todo o mundo.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.