Noticias

Galicia pide ao Ministerio que o Plan Estatal impulse a construción e o desenvolvemento de solo residencial, claves para afrontar o déficit de vivenda

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou que o Plan Estatal de Vivenda replica os mesmos erros do anterior, polo que 'non solucionará o problema de acceso á vivenda, ao non impulsar a construción nin o desenvolvemento de solo'. Allegue, acompañada pola secretaria xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), María Ángeles Domínguez Franjo, abordou hoxe nunha rolda de prensa este novo plan, que non está consensuado, polo que adiantou que a Xunta solicitou hoxe unha reunión bilateral co Ministerio.

Destacou que o problema da vivenda non se soluciona só con axudas ao alugueiro e intervindo o mercado, senón que cómpre construír máis e habilitar máis recursos para adquirir e urbanizar solo, subliñando que “sen solo non se pode construír”

Remarcou o compromiso do Goberno galego de duplicar o parque público de vivenda, pero sinalou que non pode ser que só a Xunta constrúa, xa que é necesario mobilizar o sector con políticas que o incentiven.

A Xunta vén reivindicando que debe haber un programa destinado a financiar a adquisición e urbanización de solo residencial destinado maioritariamente a vivenda protexida; e tamén debe de permitirse a construción de vivendas protexidas en réxime de venda, non só de alugueiro.

Ademais recordou que o Goberno obriga a cofinanciar o plan cunha aportación mínima do 40%, o que supón quintuplicar a achega da Xunta, un esforzo orzamentario que Galicia está disposta a asumir, pero ante unha programación consensuada.

Sinalou que se trata dun plan imposto e ríxido non só en programas, senón incluso en canto a requisitos de documentación e chegando a indicar incluso “como temos contratar as obras e como temos baremar as licitacións públicas, o que significa unha invasión competencial e unha posible ilegalidade que imos estudar”.

Tamén manifestou a inquedanza da Xunta polos retrasos no plan, que dificilmente será aplicable en 2026, posto que hai que asinar os convenios, realizar as transferencias dos fondos ou as convocatoria de axudas. Apuntou que se trata dunha irresponsabilidade na xestión pública.

R., 2025-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES