Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Ademais da trintena de actividades que se desenvolverán durante os catro días de feira no Espazo Profesional, onde se darán cita as asociacións e axentes que operan nos distintos campos culturais, Culturgal regresa fiel ao seu encontro co público, desta volta baixo o lema 15 anos cos fíos da cultura. Nesta edición son máis de 90 as accións que terán lugar de venres a domingo arredor de cinco eixos: Espazo Libro, Música+Teatro, Programa Cine, Programa Infantil e Espazo Arte. Ao tempo, poderanse visitar máis dun cento de expositores do recinto feiral e do Espazo Arte coa presenza de institucións e empresas dos diferentes sectores aquí representados, entre eles o CGAC de Santiago.
Os traballos de posta en valor da zona arqueolóxica de Adro Vello mostran un xacemento moi rico onde se visualizan 18 séculos da historia de Galicia. Así se desprende dos primeiros resultados deste proxecto impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo que o vindeiro sábado se exporán nas xornadas 'Adro Vello. Pasado, presente e futuro'. Nesta cita, na que participan diferentes especialistas como profesores, arqueólogos, investigadores ou antropólogos, daranse a coñecer os traballos feitos o pasado verán por unha vintena de investigadores nun dos xacementos máis senlleiros da arqueoloxía galega das últimas décadas. 
A Xunta de Galicia porá en marcha o Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural, co obxectivo de coñecer as iniciativas de carácter público e privado que se centren en abordar o patrimonio cultural galego desde un enfoque innovador. Así, a través deste observatorio detectaranse as boas prácticas arredor do patrimonio material e inmaterial de Galicia e impulsaranse a valoración e a sustentabilidade das intervencións realizadas e a súa difusión. Este coñecemento permitiu sentar as bases do Plan Catedrais, a folla de ruta para actuar nos inmobles máis senlleiros da Comunidade.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) inaugurou Camiños III, a exposición que culmina a triloxía de mostras vinculadas ao camiñar nas que participaron máis de 40 artistas. Camiños III, comisariada por Santiago Olmo e o profesor da universidade da Coruña e crítico de arte Alberto Cartón conta coa participación dos artistas Vito Acconci, Janine Antoni, Miguel Ángel Blanco, Mar Caldas, Benvenuto Chavajay, Mona Hatoum, Kubra Khademi, Manolo Laguillo, Juan Lesta, Priscilla Monge, Jürgen Partenheimer, Damián Ucieda e Oriol Vilanova.
Foi inaugurada na Cidade da Cultura a exposición 'Camiños creativos', un percorrido pola relación entre arte e movemento do século XVIII ata a actualidade. A mostra exhibe no Museo Centro Gaiás obras asinadas por grandes mestres da pintura e da fotografía, como Turner, Constable, Courbet, Corot, Rousseau, Sorolla ou Cartier-Bresson, e referentes da creación máis actual: desde David Hockney a Julian Opie, Jeppe Hein ou Cristina Iglesias. Máis dun centenar de obras, moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.
A mostra, que se poderá ver durante todo o mes de novembro no museo das Peregrinacións en Santiago de Compostela, recolle as postais realizadas no Camiño de Inverno polo ilustrador galego Miguelanxo Prado e a xornalista visual norteamericana Rita Sabler. No proxecto 'Camiñamos para parar', durante nove días de setembro, os dous artistas percorreron o Camiño de inverno, dende O Barco de Valdeorras ata Santiago. Armados coas súas acuarelas e papel, reflectiron nunhas ilustracións en forma de postais todo aquilo que lles chamou a atención durante a súa peregrinación, desde igrexas e edificios singulares ata pequenos detalles da paisaxe e da xente.
A serie de películas rodadas en Francia con María Casares como protagonista será un dos eixos da nova programación para o mes de novembro da Filmoteca de Galicia, co que se suma na recta final de ano á celebración do centenario da actriz coruñesa. A carteleira de novembro complétase coa continuidade dos ciclos dedicados a Charles Chaplin, a nova proposta Filmes falados ou varios pases dedicados á Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona (MIFDB), entre outros contidos. Precisamente o encontro catalán que leva 30 anos de traxectoria poñendo o foco no tratamento do feminismo desde o cinema será o que abra o programa de novembro na sala José Sellier.
O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, será por segundo ano consecutivo o escenario do ciclo Quintas do Camões, organizado entre o CDG e o Centro Cultural Portugués do Instituto Camões en Vigo. O programa deste ano volve poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, ademais de incidir no papel do teatro como espazo para o encontro cultural. As Quintas do Camões arrancan coa presentación da Antoloxía do teatro galego contemporáneo, escolma en dous volumes e edición bilingüe publicada pola Cena Lusófona, asociación portuguesa para o intercambio teatral no ámbito lusófono.
Foi presentado o Festival Kerouac, unha das citas de poesía escénica máis lonxevas de España que se celebra anualmente en Vigo. A programación arranca o xoves na Galería Maraca, onde se darán cita os Poetryfighters vigueses para dar comezo ao festival. Nesta primeira cita o poeta e rapeiro Malvares, a artista multidisciplinar Lupita Hard e o poeta e tamén director do festival, Marcos de la Fuente, presentarán a antoloxía bilingüe Poetryfighters, un volume que recolle voces de poetas que unen México e Estados e Unidos a través dun movemento poético. Neste evento colaborarán tamén alumnos e profesores da Escola Oficial de Idiomas, que lerán as traducións dos poemas en inglés.
O certamen comeza este martes e finaliza o sábado 22 tras a proxección de 47 pezas audiovisuais en tres emprazamentos diferentes: o Auditorio Municipal, o Museo MARCO e o Cine Salesianos. As proxeccións divídense en catro categorías a concurso e todas elas son de acceso libre ata completar aforo. Ademais, o certame tamén servirá para presentar o documental autobiográfico de Gonzalo Suárez, co-director do festival, que conta como entrar no equipo de balonceso Amfiv cambioulle a vida, despois de quedar en cadeiras de rodas por un accidente.
| 41,3  de  278 | Siguiente »

Notas cultura

No marco dunha colaboración internacional entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) e o proxecto de investigación europeo RAW RockArt, Words and Warriors (Arte Rupestre e Interacción Marítima na Europa Atlántica), o conxunto de gravados rupestres de Penedo do Muro (Sandín, Flariz, Monterrei, Ourense) foi recentemente obxecto da realización dun rexistro dixital de alta resolución.
Tras unha primeira semana de actividades (conferencia inaugural e proxeccións do ciclo “Cinema, Doc, Música…”) que remataron co concerto inaugural da terceira edición do Festival protagonizado polo clavecinista napolitano Enrico Baiano, chega o momento do segundo concerto que, centrado na figura do trobador medieval francés Bernart de Ventadorn, protagonizan a cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo e o arpista Manuel Vilas.
Desde este venres e ata o 21 de xaneiro de 2022, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a mostra Formas e tránsitos, da creadora Isabel Flores e curada por Sara Donoso. Con ela, este espazo expositivo inicia a súa programación do curso académico 2021/2022 e tamén un novo ciclo despois de que Xosé Manuel Buxán cedese o relevo do comisariado de Alterarte a Sara Donoso.
'Darío Villanueva é unha das figuras senlleiras da nosa Universidade. Foi, é e será un universitario no sentido máis pleno da palabra. A pegada que deixa nos estudantes tanto dentro como fóra da USC é moi fonda, como fondo é o seu compromiso firme e inquebrantable coa institución'. Así definiu a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso ao profesor emérito da USC Darío Villanueva Prieto.
Un ano máis o Festival Internacional de Teatro de Ourense volve á programación cultural ourensá. Nesta 14 edición, o certame desenvolverase na cidade das Burgas e, tal e como o fixera o pasado ano, tamén terá presenza no Concello de Barbadás. Serán en total nove espectáculos de temáticas e xéneros diversos nos que as compañías galegas terán un protagonismo destacado.
A campaña de divulgación da toponimia 'Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra' está de volta logo da parada obrigatoria provocada pola crise sanitaria. A iniciativa, coordinada pola Real Academia Galega en colaboración coa Xunta de Galicia, chega entre os meses de outubro e decembro a nove concellos, oito deles da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, co fin de difundir a nosa riqueza toponímica e involucrar novos colaboradores neste proxecto.
A mostra rende homenaxe á novela 'La Colmena', un dos piares da obra do Nobel galego Camilo José Cela, co gallo do 70 aniversario da súa publicación, poñendo de relevancia os problemas do manuscrito para superar a censura e a súa publicación inicial en Bos Aires. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou a mostra, que se poderá visitar ata o 1 de abril na sede da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, en Iria Flavia.
Despois de que a covid-19 obrigase o pasado ano a limitar a súa quinta edición á publicación dun libro de comunicacións, o congreso internacional sobre performance Fugas e Interferencias retorna ao seu formato presencial. Entre o 30 de setembro e o 2 de outubro, a UVigo e o CGAC serán as sedes do único congreso académico centrado na arte de acción que se desenvolve en España.
Ao redor dun milleiro de persoas asistiron á estrea dun novo FIV de Vilalba esta fin de semana. Sabían que acudirían a un dos seus festivais de cabeceira e máis esperados, a reecontrarse con amigos, coa música en directo, pero non podían imaxinar a sensación de vivir tres xornadas así. Unha nova edición que resulta xa inesquecible para as persoas afortunadas que tiveron a sorte de ser parte da apertura dese novo escenario ubicado nun recinto máis grande, do escenario emerxente...
Este mércores da comezo a 17ª edición do Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc. O co-director do certame, Ángel Sánchez, presentou a programación, nun acto celebrado no Teatro Municipal de Tui e no que estivo acompañado polo alcalde da localidade tudense, Enrique Cabaleiro; a deputada provincial de Cultura, María Victoria Alonso, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en Pontevedra, César Pérez.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES