Notas de prensa

A nova edición da campaña 'Toponimízate' divulga o valor da toponimia polos concellos galegos

A campaña de divulgación da toponimia 'Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra' está de volta logo da parada obrigatoria provocada pola crise sanitaria. A iniciativa, coordinada pola Real Academia Galega en colaboración coa Xunta de Galicia, chega entre os meses de outubro e decembro a nove concellos, oito deles da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, co fin de difundir a nosa riqueza toponímica e involucrar novos colaboradores neste proxecto.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, presentaron na sede da RAG a cuarta edición do programa acompañados de Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Academia que se encargará de impartir as charlas previstas.

“Toponimízate supón a difusión e socialización dunha riqueza lingüística e cultural tan importante como son os nomes da terra. Busca a colaboración e o prestixio de saber chamarlle a cada lugar polo seu nome”, destacou Valentín García. “ É tamén un exemplo de colaboración entre administracións e unha entidade tan importante como a RAG que, desde hai algúns anos, está indo da man connosco neste proxecto de referencia”, engadiu o representante da Consellería de Cultura, Educación en Universidade.

Pola súa banda, o presidente da RAG salientou o gran valor da toponimia galega e a importancia do seu estudo, que a Academia desenvolve a través do Seminario de Onomástica. “A toponimia é a ciencia que estuda os nomes de lugar, a memoria da nosa paisaxe e da nosa xeografía, memoria humanizada que se constrúe ao longo do tempo, de xeración en xeración, e que constitúe un patrimonio de enorme valor. Galicia é un dos espazos europeos con máis riqueza cultural neste eido. Cada metro cadrado ten nome de seu, significación histórica que marcaron os devanceiros”, destacou.

Víctor F. Freixanes referiuse tamén á necesidade de implicar o público xeral “na descuberta dun patrimonio que debe conservarse e transmitirse ás novas xeracións” eagradeceu a implicación “de tanta xente do común, particulares e institucións” nesta campaña.

Charlas programadas

As charlas de Toponimízate divídense en dous bloques temáticos. O primeiro deles aborda a riqueza toponímica galega, mentres o segundo presenta o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, unha plataforma a través da cal a veciñanza pode engadir os diferentes microtopónimos que coñeza e que xa conta con máis de 2200 usuarios que compartiron preto de 31.000 nomes de lugares dende o 2019.

Ademais, as sesións de Toponimízate tamén permiten coñecer as utilidades prácticas para a Administración pública, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información unha vez xeorreferenciada e normativizada, e conclúen cun percorrido polo significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello en cuestión coa colaboración do académico da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da RAG.

A primeira cita desta cuarta edición xa tivo lugar o pasado xuño en Marín, mais o resto da campaña comezará o vindeiro venres 1 de outubro en Triacastela. Outeiro de Rei, Carnota e O Irixo acollerán as restantes charlas presenciais desta edición que introduce, como novidade, tres sesións telemáticas emitidas en directo a través da canle de YouTube da RAG e que poderán verse de maneira colectiva nos espazos habilitados nos respectivos concellos de Ribeira, O Barco de Valdeorras e Meaño.

O peche da cuarta campaña de Toponimízate terá lugar en Ortigueira o 3 de decembro coa outra gran novidade da edición, un obradoiro de memoria no centro de maiores da vila. A sesión concíbese como unha actividade da memoria na que a aposta polo envellecemento activo e a calidade de vida na terceira idade irá da man da recuperación da nosa toponimia tradicional.

Toda a información e o calendario de sesións irase actualizando no Portal da Lingua Galega, na Axenda de Cultura de Galicia e no web da RAG.

Real Academia Galega, 2021-09-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES