
A programación cubre un amplo espectro de intereses e aproximacións á arte de acción, que é, precisamente, un dos nosos obxectivos fundamentais: crear unha masa crítica e de reflexión arredor da performance que poida cubrir o silencio que se vén producindo durante anos no noso contexto académico e artístico, salienta o profesor da Facultade de Belas Artes, Carlos Tejo, director, xunto á investigadora e crítica de arrte Marta Pol Rigau, dun foro académico no que presentarán os seus estudos máis dunha vintena de investigadores e investigadoras de universidades de España, Portugal e México.
Organizado polo grupo de investigación PE4 Imaxes e Contextos, coa colaboración do CGAC e da Vicerreitoría do campus, Fugas e Interferencias recupera nesta edición a presencialidade ao 100%, como salienta Tejo, que lembra que a propia presenza é un asunto vertebral da teoría da performance, o que levou a diversos especialistas a reflexionar sobre o que se perde e gaña en cada unha das modalidades, presencial ou diferida. Nese senso, afondar desde unha perspectiva académica e con enfoques poliédricos nesta disciplina é o obxectivo dun congreso internacional que recibiu unha resposta moi satisfactoria por parte dos investigadores e investigadoras, o que permitiu articular unha programación cun alto nivel de calidade.
Catro eixos de reflexión
A sexta edición de Fugas e Interferencias arrancará na mañá do xoves 30 na sede da Vicerreitoría e tras o acto inaugural acollerá a primeira das seis mesas de presentación de investigacións programadas, articuladas en torno aos catro eixos de análise propostos polo comité científico. As interseccións da arte de acción con outras disciplinas será nese senso o eixo tanto da primeira das mesas como da que, na tarde do propio xoves, terá lugar no CGAC, onde as e os participantes serán recibidos polo seu director, Santiago Olmo. Neste espazo, o congreso continuará nas xornadas de venres e sábado, con catro novas mesas centradas tanto nesas interseccións, como na análise da arte de acción desde unha perspectiva de xénero e da súa relación coa arte e teoría feministas ou queer, no comisariado de proxectos de performance e na reflexión teórica arredor desta disciplina.
Un total de 14 estudos, que serán incluídos no libro de actas do congreso, presentaranse nestas sesións, complementadas por dúas conferencias plenarias. A primeira, o xoves 30, correrá a cargo de Jaime Vallaure, un dos artistas claves da práctica reflexiva e crítica da arte de acción, de forma individual e como integrante do grupo Los Torreznos, como destaca Marta Pol. O sábado 2 terá lugar a conferencia Despariciones y encarnaciones: la performance como dispositivo para hacer aparecer, a cargo de Maite Garbayo, unha reputada investigadora sobre estudos de xénero e performance, salienta a codirectora do congreso.
Da reflexión á acción
Ao igual que en anteriores edicións, este foro académico complétase cun programa de performances, como Abstinencia, a proposta que as estudantes do grao en Belas Artes Andrea Dunia Díaz e Xiana Santiago Couce realizarán o xoves 30 ante a Casa das Campás. Paréceme moi interesante e necesario que o congreso sirva de plataforma de difusión de traballos de estudantes, e máis na área da performance que adoece de espazos para o seu desenvolvemento e exhibición, salienta Tejo, que incide tamén no positivo de que o estudantado desenvolva accións no espazo público da cidade de cara a reforzar os vínculos da Universidade de Vigo co tecido social de Pontevedra.
Por outra banda, a estrutura do congreso buscou, desde os seus inicios, establecer un diálogo entre a reflexión teórica sobre a compoñente teórica e práctica da arte de acción coa presentación de accións de artistas significativos de ámbito estatal, como salienta Pol Rigau. Con ese obxectivo, o CGAC acollerá na tarde do sábado as performances Unidad de consonancia instrumental, de María Marticorena, e Sonallas, de Mónica Dura, completadas cun diálogo coas artistas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.