Noticias

Os investigadores visualizan 18 séculos da historia de Galicia no xacemento arqueolóxico de Adro Vello

Os traballos de posta en valor da zona arqueolóxica de Adro Vello mostran un xacemento moi rico onde se visualizan 18 séculos da historia de Galicia. Así se desprende dos primeiros resultados deste proxecto impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo que o vindeiro sábado se exporán nas xornadas 'Adro Vello. Pasado, presente e futuro'. Nesta cita, na que participan diferentes especialistas como profesores, arqueólogos, investigadores ou antropólogos, daranse a coñecer os traballos feitos o pasado verán por unha vintena de investigadores nun dos xacementos máis senlleiros da arqueoloxía galega das últimas décadas. 

Así, a cita comezará ás 11,00 horas coa apertura das xornadas e seguirá ás 11,15 horas co relatorio O patrimonio arqueolóxico do Grove máis aló de Adro Vello. A continuación, o arqueólogo Adolfo Fernández Fernández, a conservadora-restauradora Marta Lago, a antropóloga Olalla Costas e o xeólogo Jorge Sanjurjo falarán do proxecto de Adro Vello, os seus problemas de conservación, a súa necrópole e da metodoloxía para a datación utilizada nos traballos de campo.
 
Ás 13,00 horas será a quenda da mesa redonda O futuro de Adro Vello na que participarán Avelino Ochoa, da Asociación Cívico-Cultural Barlovento; Roberto Pena, xefe so Servizo de Arqueoloxía da Xunta; Matilde González, consultora en xestión de recursos culturais, difusión e interpretación do patrimonio; Fernando Carrera, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e Leonardo González, arqueólogo e xestor do patrimonio.
 
Varias liñas de actuación

O proxecto levado a cabo nos últimos meses pola Consellería de Cultura tiña como obxectivo intervir sobre o xacemento arqueolóxico de Adro Vello desde varias liñas de actuación: arqueoloxía, antropoloxía física, conservación-restauración, xeocronoloxía e difusión. Para iso, comezouse cunha limpeza en detalle de todo o espazo para poder rexistrar as estruturas que se atopan á vista mediante fotogrametría. Esta limpeza incluíu tamén a retirada de recheos e outros elementos.
 
Isto permitiu interpretar e datar as fases do xacemento e rexistrar e diagnosticar o estado de conservación de 65 muros e 106 sepulturas. Ademais, o proxecto incluíu tamén a toma de mostras e o estudo de sedimentos e restos ofrecendo unha lectura moito máis completa da ocupación en Adro Vello. Así, os resultados, aínda preliminares, mostran que é unha zona arqueolóxica moi rica na que se poden visualizar 18 séculos da historia de Galicia. Púidose recuperar información sobre a antiga fábrica de salga de época romana, unha importante mostra de peixe, fragmentos de pintura mural, muros de contención, datos sobre un gran complexo medieval eclesiástico ou estruturas dunha antiga igrexa, capelas e un campanario.
 
Declaración BIC

A Xunta de Galicia ten en marcha o proceso para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a zona arqueolóxica de Adro Vello coa apertura do expediente, en trámites neste momento, o que supón a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a protección inmediata do xacemento arqueolóxico do concello do Grove.
 
Concretamente, a declaración como BIC afecta a zona situada no borde da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente do Mar, fundamentándose no seu interese científico e cultural, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros da Comunidade Galega.

R., 2022-11-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES