
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este luns na presentación do VII Festival de Cine Inclusivo de Vigo que se abre este martes no Auditorio Municipal cunha retrospectiva do director canario Roberto Pérez Toledo.
Xa sodes unha referencia en moi pouco tempo e todo iso cun obxectivo social como é o de dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a igualdade e a difusión universal da sétima arte, sinalou a representante autonómica durante o acto de inauguración celebrado no Cine Salesianos.
O certamen comeza este martes e finaliza o sábado 22 tras a proxección de 47 pezas audiovisuais en tres emprazamentos diferentes: o Auditorio Municipal, o Museo MARCO e o Cine Salesianos. As proxeccións divídense en catro categorías a concurso e todas elas son de acceso libre ata completar aforo.
A cita, que forma parte da listaxe de festivais audiovisuais subvencionados pola Consellería de Cultura e Turismo a través da convocatoria anual da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), conta cunha importante presenza do cinema galego nas súas diferentes seccións.
Ademais, o certame tamén servirá para presentar o documental autobiográfico de Gonzalo Suárez, co-director do festival, que conta como entrar no equipo de balonceso Amfiv cambioulle a vida, despois de quedar en cadeiras de rodas por un accidente.
No acto inaugural do festival, proxectaranse dous filmes do director Roberto Pérez Toledo: Seis puntos sobre Emma (2011) e Lugares a los que nunca hemos ido (2021) e se lle fará entrega, a título póstumo, do premio honorífico do festival ao director canario. Pérez Toledo, que faleceu este ano, quedou aos 14 anos en cadeira de rodas e é unha referencia do cine comprometido coa defensa dos dereitos da comunidade LGTBI+.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.