
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na inauguración da exposición Camiñamos para parar. O Camiño de Inverno. Miguelanxo Prado e Rita Sabler, unha iniciativa que ten como finalidade a promoción do Camiño de Santiago a través da ollada destes dous artistas. Contou coa colaboración da adega Rectoral de Amandi.
Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia valorou positivamente a iniciativa, indicando que o Camiño é un dos grandes atractivos para todo tipo de artistas. A riqueza das súas contornas, a arte que o rodea, a gastronomía e por suposto a amabilidade do pobo galego fai deste itinerario un espazo perfecto para levar a cabo calquera tipo de manifestación artística e dar a coñecer internacionalmente unha das xoias da nosa terra.
A mostra, que se poderá ver durante todo o mes de novembro no museo das Peregrinacións en Santiago de Compostela, recolle as postais realizadas no Camiño de Inverno polo ilustrador galego Miguelanxo Prado e a xornalista visual norteamericana Rita Sabler.
No proxecto Camiñamos para parar, durante nove días de setembro, os dous artistas percorreron o Camiño de inverno, dende O Barco de Valdeorras ata Santiago. Armados coas súas acuarelas e papel, reflectiron nunhas ilustracións en forma de postais todo aquilo que lles chamou a atención durante a súa peregrinación, desde igrexas e edificios singulares ata pequenos detalles da paisaxe e da xente.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.