Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Foi presentado o programa da segunda edición do Festival Internacional de Animación Imaxinaria, impulsado por Afundación co obxectivo de dar a coñecer a animación audiovisual menos comercial, e funcionar tamén como punto de encontro de profesionais do sector. Baixo a dirección de Matilde Rodríguez, comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC), e do ilustrador e realizador coruñés Alberto Vázquez, referente na animación actual, gañador de numerosos premios nacionais e internacionais, as proxeccións e actividades principais de Imaxinaria terán lugar desde mañá ata o domingo na Sede Afundación da Coruña e con entradas á venda a beneficio do Banco de Alimentos.
O filme Tratamos demasiado bien a las mujeres, de Ficción Producciones, estreouse esta pasada noite no Festival de Málaga como parte da ampla participación do audiovisual galego na 27º edición do certame, especializado en cine español e iberoamericano, que exhibe estes días unha decena de títulos con produción galega e moitas outras obras con talento galego nos equipos artísticos e técnicos. Dirixida por Clara Bilbao na súa ópera prima e con guión de Miguel Barros, Carmen Machi e Antonio de la Torre encabezan un reparto coral que inclúe os galegos Luis Tosar, Diego Anido, Cris Iglesias ou Iván Marcos, entre outros. Trátase dunha comedia negra de maquis ambientada nos Pirineos, que chegará ás salas de cinema o 15 de marzo distribuída por Filmax.
A Filmoteca de Galicia conmemora durante o mes de marzo o Día da Muller co regreso do ciclo anual Olladas de muller, organizado coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O programa terá lugar entre os días 5 e 12 e ofrecerá 15 traballos de 12 directoras, entre as que destacan as dúas cineastas que gañaron en 2023 os principais festivais españois: Jaione Camborda en San Sebastián con O corno e Laura Ferrés en Valladolid con La imagen permanente. Así, o día 5 de marzo, a sala José Sellier acolle o coloquio de Camborda e Ferrés, moderado por Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine. Ao finalizar a conversa, proxectaranse as curtametraxes Rapa das Bestas e Los desheredados. Xa o día 6 exhibiranse as súas premiadas películas La imagen permanente e O corno, que repite sesión o día 8.
Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) é un dos máis destacados poetas da literatura galega do último medio século, ademais de narrador, dramaturgo e ensaísta e un dos máis recoñecidos galicianistas e hispanistas do noso tempo. Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e codirixe a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesor. Exerceu tamén a docencia en universidades de Nova York, París e Bretaña (pola que foi nomeado Doutor Honoris Causa) e coordina os cadernos Unión Libre. Arredor de Cunqueiro e a súa obra, é autor de ensaios onde analiza en profundidade a figura do escritor d’ As crónicas do Sochantre, como Álvaro Cunqueiro en Ortigueira (2011) ou Borges e Cunqueiro (2021). Ao escritor mindoniense tenlle dedicado tamén amplos estudos nos seus libros Poesía galega (1989) e Acometida atlántica (1996).
Todas as producións (35 películas de ficción, 24 documentais, seis obras de animación e 10 formatos televisivos) dispoñen da súa propia entrada no catálogo, onde se poden consultar a ficha artística e técnica, a sinopse, a imaxe do cartel, o palmarés e os datos de contacto para a venda e distribución. A publicación, editada en inglés e con versión física e dixital interactiva, irá acompañada dun vídeo para poñer en valor a calidade e a variedade da oferta galega, ademais de contribuír a difundir o nos territorio como escenario de rodaxe. Inclúe tamén unha listaxe cos contactos das compañías produtoras. A selección de Films from Galicia, resultante dunha convocatoria ao sector para formar parte do devandito catálogo, compleméntase coas curtametraxes que integran Shorts from Galicia.
O compositor galego Eduardo Soutullo é o gañador do XV Premio Andrés Gaos de composición musical da Deputación coa súa obra Avnios. Así se anunciou onte á noite no Museo Domus, tralo concerto de Arxis Esemble e o encontro do público co xurado e co comisario do certame e director artístico de Arxis Esemble, Hugo Gómez-Chao Porta, no que tamén participaron José Trigueros e Andrés Lacasa, director e xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG).
O Festival de Málaga celebrará a súa 27ª edición do 1 ao 10 do vindeiro mes de marzo cunha decena de títulos galegos en exhibición. Ademais de As neves e Tratamos demasiado bien a las mujeres, que optan á Biznaga de Ouro na sección oficial a concurso, e de Aurora e Salvaxe, salvaxe, seleccionadas na categoría de longas documentais, a representación galega esténdese a outros moitos apartados do certame con sete curtas, ademais de ao mercado profesional MAFIZ. Nel, Galcia volverá contar cun espazo propio desde o que se coordinarán diferentes accións de difusión do noso audiovisual, como reunións profesionais, proxeccións para axentes internacionais de venda e un evento promocional.
A proposta da Federación de Cineclubs de Galicia para 2024 articúlase arredor de 19 ciclos e sete semanas de cine que terán lugar nos cineclubs Pontevedra, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa, Cangas, Poleiro de Goián, Bueu, Padre Feijoo de Ourense, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Valle-Inclán de Lugo, Val Miñor de Nigrán, Serie B de Narón, O Acomodador de Allariz e Os Papeiros de Chantada. A cinemateca galega seguirá ofrecéndolles aos cineclubs algúns títulos procedentes da súa carteleira para a sala José Sellier da súa sede da Coruña, de xeito que incrementará o número de concellos galegos implicados por esta vía coa incorporación de O Barco, O Carballiño, Vilagarcía e Cangas.
Esta madrugada faleceu en Lugo Xesús Mato Mato, creador de Fuxan os Ventos e Auxilia, Medalla Castelao e Fillo predilecto do Concello de Paradela. Cumprira 91 anos o pasado outubro. Crego e musicólogo desenvolveu un moi importante labor investigador e de recopilación de música tradicional galega, escribiu o poema "Fuxan os ventos", púxolle música e impulsou o grupo musical que logo levou ese nome e entrou na historia da música deste país, como despois tamén animou o nacemento do grupo "A Quenlla". Creou coros xuvenís, dirixiu a Schola Cantorum do Seminario de Lugo e o Orfeón Lucense.
Esta edición dos Premios destacou a calidade da poesía de Yolanda Castaño, premiada na modalidade de Letras; o labor de investigación de Eduardo Pardo de Guevara sobre os galegos da Idade Media (Patrimonio Cultural) e a lonxevidade da Banda de Música Unión de Guliáns, con 150 anos de vida e que levou o recoñecemento na categoría de Música. Tamén foron premiados a produtora Portocobo (Audiovisual) como exemplo do “momento de esplendor” que está a vivir o audiovisual galego; o talento do circo de PistaCatro (Artes Escénicas) e o feito de que unha localidade galega como Ribeira acolla o Museo do Gravado á Estampa Dixital (Artes Visuais), que alberga unha das maiores coleccións de gravados de España e Europa.
« Anterior | 25  de  281 | Siguiente »

Notas cultura

Dez propostas achegarán de novo a música dos séculos XX e XXI a Compostela, nunha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea, en cuxa organización intervén a USC, que terán lugar do 1 ao 27 de xuño en varios espazos da cidade, con entradas de balde. As XMC están organizadas por Auditorio de Galicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea, e contan co apoio económico da Deputación da Coruña.
Tras o seu paso polo campus de Ourense, dende hoxe e ata o 30 deste mes de xuño, a exposición Juana de Vega, Condesa de Espoz y Mina (1805-1872): facer no século recala no edificio Redeiras, a sede institucional da Universidade de Vigo no Berbés.
Dar visibilidade ao traballo que se desenvolve nas aulas teatrais dos diferentes campus da Universidade é un dos propósitos da Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario, que na noite deste luns levantaba o pano da súa XIV edición en Pontevedra. Inaugurada pola vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, a mostra botaba a andar con Incendios, unha montaxe da aula do campus de Vigo, que unha ducia de actores e actrices, na súa maioría estudantado universitario, levaron ao escenario do Teatro Principal.
O certame de cinema e cultura underground Galician Freaky Film Festival lanza o seu primeiro concurso de banda deseñada. Tomando como referencia Neo-Tokyo, a cidade futurista na que ten lugar Akira, o filme homenaxeado este ano; os traballos presentados deberán estar ambientados en Neo-Vigo. Este Vigo ulterior, distópico e futurista deberá estar presente en todas as obras presentadas.
Sete edicións ás súas costas, e moitas ganas de seguir demostrando que a danza ten espazo e emoción máis aló das táboas dos teatros. O festival internacional de danza Quincegotas, con sede en A Coruña dende 2015, retoma a súa andadura neste 2022 tras un ano de parada involuntaria, para achegar as mellores propostas contemporáneas de danza ao público xeral.
A pasada semana percorreu Bulgaria un numeroso grupos de membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, en viaxe cultural organizada pola asociación que preside Ángel Trabada. Como é tradicional nas viaxes que coinciden con esta data, celebraron na cidade de Burgas un acto con motivo do "Día", no que interveu o xornalista Xulio Xiz.
As obras de dez antigos alumnos da Facultade de Belas Artes, que hoxe son profesionais da banda deseñada e da ilustración, reúnense na Sala Manuel Moldes, que acolle a exposición '9 narrativas gráficas e unha animación desesperada'. Comisariada polo autor e editor de cómics Kiko da Silva, esta mostra permite achegarse ao traballo de Brais Rodríguez, Jano, José Domingo, Julia Lago, Martín Romero, Miguel Cuba, Miguel Porto e Miguel Iglesias, así como do propio comisario.
“Testemuño de integridade cívica, de compromiso con Galicia e de resistencia activa, indomable, contra o totalitarismo”. Con estas verbas definiu o catedrático da USC Henrique Monteagudo a figura do que foi estudante e profesor da institución compostelá, Francisco Fernández del Riego, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
No ano 2002, con motivo da celebración da 8ª edición de Ponte...nas ondas! Francisco Fernández del Riego foi convidado a participar na xornada de comunicación interescolar. Don Paco coñeceu de primeira man o que se estaba a facer desde Ponte...nas ondas! , coa súa sabedoría diagnosticou este labor como “sen precedentes” e albiscou un futuro prometedor para a experiencia.
A Universidade da Coruña, en colaboración con outras entidades, vén de publicar o cómic Irene a porteira, realizado por Xulia Pisón, autora de cómics e debuxante, e Óscar Losada, xornalista especializado en temas de cultura e deporte. O cómic rescata a historia de Irene González Basanta, unha coruñesa que xogou ao fútbol nos anos vinte do pasado século.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES